O Festival de Títeres de Redondela despídese este domingo sumando 35.000 espectadores

Unha imaxe deste sábado en Redondela © Rafa Estévez

A 19ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) concluirá este domingo cunha intensa programación tanto no Multiúsos da Xunqueira como nas rúas, con máis de 25 actividades en toda a vila. Durante os sete días de duración do Festival, que comezou o pasado luns 14 de maio a organización espera sumar máis de 35.000 espectadores e espectadoras.

A programación comezará ás 11:45h no Peirao de Cesantes coa ruada participativa 10.000 leguas de viaxe pola vila, na que todos os cativos e cativas están convidados a ir disfrazados de animal mariño para acompañar a un submariño xigante na busca de tesouros. No camiño, que pasará pola Avenida de Mendiño, escolas e Ribeira, ata chegar ao concello, irán aparecendo distintas sorpresas para que os máis pequenos coñezan unha parte fundamental da nosa historia. Dende as 12 horas, maiores e pequenos poderán xogar na Pista da Xunqueira con Los amigos de Crusó, unha instalación con 21 xogos automatizados dos cataláns Toc de Fusta, que pechará ás 14 horas e volverá pola tarde en horario de 17 a 20:30 horas

Ás 12:30 horas, Alauda Teatro, de Castela e León, escenificará na Praza do Concello a obra Cristóbal Purchilena. Xa en horario de tarde, o peruano Hugo Suárez transformará as distintas partes do seu corpo en títeres de carne e óso no espectáculo Body Rhapsody, que realizará ás 17:30 horas e ás 20 horas no Campo da Petanca. O danés de Alex Manionettes encherá a rúa Salgueiral de fíos co seu Mr Barti ás 17:30 horas e ás 19:30 horas, mentres que Mutis Teatro, de Castela e León, ofrecerá Maleta: misión espacial secreta na Casa da Torre ás 19 horas. Os Xardíns da Alameda albergarán ás 19:30 horas o espectáculo Ghop! de Teatro ao Cubo, unha proposta de circo de rúa coa estética dos antigos circos ambulantes que combina malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia. 

Ademais das actividades de rúa, o Multiúsos da Xunqueira acollerá as dúas derradeiras representacións de sala desta edición. A primeira delas, dirixida a público infantil, é Pum Pum! dos galegos de Baobab Teatro, que terá lugar ás 17 horas.  Ás 21 horas, Títeres Etcétera de Andalucía, clausurará a XIX edición do Festival coa derradeira función de sala, El Alma del Pueblo. Unha experiencia teatral a medio camiño entre a conferencia, o cine documental e o especáculo de monicreques.

Tamén no Multiúsos, pero na Sala de Exposicións, os visitantes poderán percorrer os 35 anos de traxectoria de Tanxarina na mostra preparada para a efeméride, vendo  teatriños de fíos, sombras e luva, así como os monicreques que acompañaron á compañía local nas súas xiras internacionais.

 

Polo Festival de Títeres de Redondela pasaron 35.000 persoas durante toda a semana © Rafa Estévez
Na derradeira xornada do festival están programadas 25 actividades en toda Redondela © Rafa Estévez
Outra imaxe do Festival de Títeres de Redondela © Rafa Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.