A Gala do Libro Galego celebrou a súa "calidade" malia "un escenario de retroceso" editorial e lingüístico

Foto dos gañadores e gañadoras na Gala do Libro Galego © AELG

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) celebraron este sábado en Compostela a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego. Este ano os premios incorporaron novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades diferenciadas, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado. En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

A Gala, presentada pola actriz Isabel Risco, contou coa actuación musical do grupo A Banda da Loba. O xurado estivo formado por María Luz Corral,Mario Regueira, Marga do Val, Óscar Villán, Susana Sanchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García. O xurado quixo facer constar que "pese a un escenario de retroceso no número de títulos publicados, da visibilidade e dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, brilla, mesmo así, a gran calidade e o esforzo do mundo do libro galego". Estas foron as obras gañadoras en cada modalidade:

Ensaio e investigación: Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento). O xurado estima que nesta obra Antón Figueroa devolve á cultura galega e europea a figura de Margot Sponer, autora que nos situou no mapa dos estudos académicos. O libro é tamén un percorrido emocional que logra transmitir na súa lectura.

Divulgación: Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia). O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo.

Narrativa: A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia). O xurado estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista.

Infantil: A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia). O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.

Xuvenil: Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia). O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.

Libro ilustrado: Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora). O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.

Libro de banda deseñada: Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial). O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.

Iniciativa bibliográfica: Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia). O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.

Tradución: Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora). O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.

Poesía: Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora). O xurado destaca a contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo. Ao mesmo tempo valórase a calidade deste froito particularmente maduro na súa poética.

Teatro: Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora). O xurado celebra a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición.

Libro mellor editado: Lumes, de Ismael Ramos (Apiario). O xurado valora a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecable.

Iniciativa cultural ou fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico. O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.

Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás. O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.

Xornalismo cultural: Ana Romaní. O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.

 

Premios honoríficos

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Isabel-Clara Simócomo Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.

A Asociación Galega de Editoras premiou a Xavier Senín, pola súa prolongada e constante aposta a favor do Libro Galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005. A Federación de Librarías de Galicia premiou a Xurxo Patiño, da Libraría Librouro (Vigo), polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galicia.

 

Ana Romaní recibiu o premio de Xornalismo cultural © @erreguete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.