8 festivais musicais galegos únense nunha asociación para fortalecer o sector

Imaxe da rolda de prensa celebrada este luns © Asociación Festivais de Galicia

Atlantic Fest, Festival de la Luz, Revenidas, Ribeira Sacra, Sinsal, SonRías Baixas, Vive Nigrán e WOS Festival veñen de conformar a Asociación Festivais de Galicia. Os oito suman preto de 300.000 espectadores e espectadoras cada verán e, como destacaron este luns en rolda de prensa, xeran centos de postos de traballo, invisten máis de tres millóns de euros no país e son "un factor esencial de visibilización dos concellos onde se celebran".

Na presentación na nova entidade, respresentantes das oito citas destacaron que o obxectivo é fortalecer o sector dos festivais musicais en Galicia, subliñando que "non se consideran competencia", senón que "compartendo coñecementos e baixo un esforzo coordinado facilitarán a creación e consolidación de novos públicos no territorio" así como á "construción dun modelo produtivo que beneficie estratexicamente a todas as partes implicadas: público, institucións, territorio e organizadores".

Suman 300.000 espectadores e espectadoras cada verán, xeran centos de postos de traballo, invisten máis de tres millóns de euros no país e son "un factor esencial de visibilización dos concellos onde se celebran"

Na rolda salientaron igualmente o obxectivo de organizar festivais "únicos, diferenciados, con valores singulares, adaptados á realidade do noso entorno social e xeográfico, seguros e sostibles, en armonía co territorio e co medio ambiente". Neste senso, Xabier Alonso -coordinador do proxecto- indicou entre as súas metas "a visibilización e posta en valor dun sector profesional que xera emprego e retorno económico, social e medioambiental para o territorio e para outros sectores”. Tamén a regulación de boas prácticas que favorezan a competencia sana, como é o caso da avaliación do impacto sobre o territorio. "O reto é construír un modelo de festival en calidade, profesionalización e seguridade", indicou Jordi Lauren, do festival SonRías Baixas.

Os promotores da asociación resaltan que para acadar estas metas contan con profesionais que están "entre os máis cualificados de Galicia e España" para proporcionar ao  públicos "experiencias únicas, cheas de música, actividades e vivencias que só é posible vivir en Galicia". Carlos Montilla, director do festival Ribeira Sacra, destacou que este esforzo enmárcase nunha "carreira a medio prazo".

 

Os 8 festivais:

Ribeira Sacra

Sinsal

SonRías Baixas

Revenidas

WOS

Vive Nigrán

Atlantic Fest

Festival de la Luz

Representantes dos festivais que conforman a asociación © Asociación Festivais de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.