Ourense busca empresas que deseñen e impriman gratis os carteis e programas das súas festas

Unha das actuacións da última edición das festas de Ourense © Concello de Ourense

O 23 de xuño comezarán as festas de Ourense, que se abrirán na Praza Maior cun pregón a cargo de Cristina Pato e que terán a Andrés Suárez, Antonio José, Los Secretos e Guadi Galego como actuacións máis destacadas da súa programación. A tres semanas do seu inicio, as festas non contan con cartel e, de feito, o Concello de Ourense vén de abrir un proceso de selección para atopar unha empresa que se encargue do deseño, impresión e distribución do material promocional. Con todo, o que máis chama a atención deste concurso é que a empresa adxudicataria non cobrará polo seu traballo e deberá realizar todas estas tarefas de balde, recibindo ingresos unicamente pola inserción de publicidade nos programas das festas que se difundan.

O contrato inclúe o deseño, impresión e distribución de 700 carteis e 15.000 programas de man

A empresa ofertante deberá encargarse do deseño, impresión e distribución e/ou colocación de 700 carteis; 15.000 programas de man; 15 carteis formato mupi; 400 tarxetas para acreditacións, plastificadas e perforadas; outras 400 cintas para colgar ditas acreditacións; 2 lonas para substituír en rollers; así como 4 lonas grandes e 3 pequenas para colgar nos escenarios, pódese ler na convocatoria, que especifica que "a empresa que resulte adxudicataria terá que realizar estes traballos sen custe algún para o Concello de Ourense". Ademais, esta empresa "terá que depositar na conta do Concello a cantidade de 1.000 euros, a modo de fianza, no suposto de que resulte adxudicataria, cantidade que será reintegrada unha vez recibidos os materiais", engádese.

"A empresa que resulte adxudicataria terá que realizar estes traballos sen custe algún para o Concello de Ourense", destaca a convocatoria

A Concellería de Cultura destaca que "a retribución para a empresa adxudicataria do contrato virá mediante a inserción de publicidade na revista, incluíndo o programa das festas, que a empresa poderá editar empregando o logo do Concello de Ourense" e cuxo contido deberá recibir o visto e prace da Concellería de Cultura. Engade que tamén "poderá inserir publicidade na contraportada do programa de man". As empresas que queiran optar a este contrato poderán remitir as súas ofertas ata o vindeiro 6 de xuño, momento a partir do cal o Concello de Ourense escollerá a que considere "máis vantaxosa para a difusión pública das actividades das Festas".

 

Cartel das Festas de Ourense de 2017 © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.