Rexenera Fest: Carballo convértese un ano máis nun gran lenzo

Yoseba MP, 2017 © Rexenera Fest

Este domingo péchase en Carballo a cuarta edición do Rexenera Fest, un evento de arte urbana que dende o ano 2015 atrae a esta vila a algúns dos mellores creadores nacionais e internacionais neste ámbito, que durante dúas semanas crean un gran mural nalgún espazo da localidade. Deste xeito, a cita serve tamén para rexenerar ou embelecer algún espazo deteriorado, que pasa a acoller unha obra de arte e converterse nun lugar singular, irrepetible. 

Nesta edición os artistas e as artistas convidadas son Lula Goce (Galicia), Bosoletti (Arxentina), Daniel Muñóz “SAN” (Cáceres), Milu Correch (Arxentina) e Doa (Galicia). O domingo poderá verse o resultado final do seu traballo, un proceso de creación que puido ser contemplado por veciños, veciñas e visitantes ao longo dos últimos días.

Ademais, a programación do Rexenera Fest inclúe seminarios, masterclass, microconferencias (o sábado ás 17 horas), música en directo (o sábado ás 20 horas) e un roteiro guiado polas obras en creación e os murais das tres edicións anteriores (o domingo ás 17 horas). Spok e Javier Abarca ofrecerán as dúas master classes; Cro! e The Fabulous Resaca Brothers e Mr Fishman serán os encargados de poñer a música.

"O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello", destaca a organización, que salienta que "actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utiliza as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerando espazos deteriorados, achegándolle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas nas que se está a intervir".

Cartel e programa do Rexenera Fest 2018 © Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.