0 Gardados para despois

Manuel Antonio o rebelde, o dandi romántico, o snob acomplexado: as mil caras dun poeta heterodoxo

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Un rebelde que escolleu unha ideoloxía minoritaria -o nacionalismo- renunciando á posición que a súa familia “de orde”, burguesa e ben relacionada podía proporcionarlle no sistema político da época. Un escritor que subverte a estética dominante procurando o seu camiño experimental propio da man da vangardas. Un revolucionario de salón e de poses extravagantes cunha constante necesidade de chamar a atención e atopar un xeito de encher o baleiro deixado pola relixión -tras a súa crise de fe na adolescencia- e de suplir as súas inseguridades e “carencias afectivas”. Un dandi elitista, romántico e arrogante, cuxo único proxecto vital era a navegación “por sport”. Un rapaz inmaturo, celoso, preguizoso e acomplexado que tenta convencerse a si mesmo de estar chamado a ser o guieiro espiritual da nación galega coa súa obra.

Un hipócrita que lle pide a Dieste que deserte do exército mentres el pide enchufe a militares e paga banquetes a oficiais e critica o caciquismo ao tempo que busca recomendacións para aprobar. Un anarquista de declaracións altisonantes que só defende a violencia como arma política ante quen sabe que nunca a aceptará. Un militante nacionalista modelo. Un creador que homenaxea o mar e aos mariñeiros, comprometido cos humildes, que exerce o nacionalismo poético coa palabra adiantándose a un nacionalismo político en fase de construción coas Irmandades da Fala. Un poeta que non atopa o seu propio Eu até deixar de ser un ”snob de opereta” e poñerse a traballar ao subir a un barco, mais que non se conmove co sufrimento e a explotación dos traballadores, senón que considera o mar como paisaxe interior, como lugar no que transcender a súa propia morte a partir do acto creativo.

Todas estas, e aínda moitas máis, son as caras que Xosé Ricardo Losada, en Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia) e Xosé Luís Axeitos, en Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais) tracexan sobre o autor de De catro a catro. Dúas biografías escritas desde perspectivas de análise moi distintas que achegan interpretacións unhas veces confluentes, outras opostas e outras mesmo contraditorias sobre o poeta rianxeiro. Mais que resultan complementarias entre si e imprescindibles para coñecer mellor un dos nosos escritores máis heterodoxos. Debullamos o contido de ambas a partir duns poucos eixes temáticos: a familia e a infancia, os amigos e a educación, a relación co mar, cos mariñeiros e coa navegación, os seus xestos revolucionarios e a súa ligazón co anarquismo, a súa militancia nacionalista e o seus obxectivos e logros como escritor. 

A familia

Manuel Antonio nace en 1900 en Rianxo no seo dunha familia da pequena burguesía. O seu pai falece de tuberculose sendo el moi pequeno. Cando o neno tiña dous anos, a súa nai, Pura Sánchez, ofrecérao a Santo Antonio para que o protexese da enfermidade do pai. Proxectara vestilo un ano co hábito deste santo pero, tras empeorar o estado de saúde do pai, amplíao a dous. Este feito pode parecer anecdótico, mais non o é. Manuel Antonio recibirá unha educación fortemente relixiosa por parte dunha familia conservadora.

A súa nai, figura fundamental na súa formación e en toda a súa traxectoria vital, é, segundo Losada, “unha muller de carácter forte a arisco, incapaz de mostrar publicamente as emocións. Preguntar por ela en Asados, onde pon escola corenta anos, é recoller un perfil de muller extremadamente relixiosa e conservadora, moi apegada á tradición, e profesionalmente inflexible e dura”. Mais -engade o mesmo autor- “o raro sería que unha muller nacida en Galicia no último terzo do século XIX fose liberal, educase os fillos á marxe dos valores cristiáns e os alumnos coa pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza, ou sen castigos físicos”.

"O raro sería que unha muller nacida en Galicia no último terzo do século XIX fose liberal, educase os fillos á marxe dos valores cristiáns e os alumnos coa pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza"

En calquera caso, aclara, Manuel Antonio “nunca fala mal dela nin do cristianismo: ao contrario, faino con gran devoción e respecto”. Pura Sánchez tivera que estudar Maxisterio “nun mundo de mentalidade patriarcal” e a súa vida de mestra tampouco fora fácil. “O soldo non dá para moito”, explica Losada, polo que tamén cosía. “Manuel Antonio vea traballar a deshoras moitas veces” e, aínda que ás veces “berra con ela”, en ningún caso “dubida de que a nai o fai polo seu ben”, tendo en conta ademais que, malia ser ríxida co control dos gastos do fillo, adoita mostrarse máis ben “permisiva e protectora” con el.

O perfil de dona Pura debuxado por Axeitos é moi semellante ao ofrecido por Losada. “Era unha mestra conservadora, moi tradicional, dogmática e inmobilista. Impoñía duros castigos físicos que en non poucas ocasións motivaron o abandono da escola por parte das alumnas, co consentimento paterno”. Mais, a pesar das diferenzas con ela, “Manuel Antonio sempre sentiu admiración e mesmo devoción pola súa nai porque recoñecía a súa capacidade de sacrificio e de entrega levando unha vida dura e recollida sempre pendente do fillo e da familia”.

Derradeira e primeira páxina do manifesto 'Máis alá', nunha imaxe da Fundación Barrié cedida á RAG

Os amigos

Asegura Losada que, de Rianxo, a Manuel Antonio o que máis lle interesa son os amigos, sobre todo Rafael Dieste, os irmáns Insua, Sixto Aguirre e o seu propio curmán Roxelio, todos eles “mozos burgueses” e “intelectualmente moi inquedos”. A amizade con Dieste -os dous naceran na mesma rúa- é, segundo este autor, fundamental para entender a evolución persoal e literaria de Manuel Antonio. É coñecido o desencontro entre ambos, en 1921, cando Manuel Antonio pídelle a Dieste, que está en plena guerra no norte de África, que deserte do exército español, e acaba chamándolle covarde por non facelo. A interpretación que Losada realiza deste feito inscríbese na relación establecida entre os dous desde a nenez, marcada segundo este autor pola necesidade de Manuel Antonio de competir co seu amigo.

Manuel Antonio pídelle a Dieste, que está en plena guerra no norte de África, que deserte do exército español, e acaba chamándolle covarde por non facelo

A de Dieste era unha familia culta e “cosmopolita”, procedente de Uruguai. E así o percibía Manuel Antonio cada vez que ía á casa do seu amigo. “No baixo, Castelao, José Arcos e Eduardo, irmán de Dieste, fai o periódico El Barbero Municipal. Os pais e os seis irmáns son moi cultos e instruídos”, segundo salienta Losada. Dieste, que sempre destacara como estudante, consegue, ademais, ser o centro de atención da cuadrilla de amigos, co cal, para competir con el, o que a Manuel Antonio lle quedará será “o exabrupto, o ser o máis botado para adiante, a extravagancia”. O mesmo ocorre cando chegan a Santiago. Dieste comeza moi novo, ademais, a gañar premios literarios. Aos 24 anos, o autor de Dos arquivos do trasno xa conseguira os seus obxectivos literarios respecto á renovación da literatura galega, logrando exercer unha notable influencia nos novos escritores galegos. 

Na opinión de Losada, Manuel Antonio está “resentido” con Dieste cando lle pide con grande énfase que deserte en plena guerra ao mesmo tempo que el mesmo “está nese momento intentando librar dese mesmo exército por enfermo (chega a alegar estreiteza de peito, e non o consegue por pouco), pedíndolle enchufe a eses mesmos militares, e acaba de comprar o uniforme e de matricularse na Escola Militar de Santiago, ademais de pór cartos para darlles un banquete aos oficiais e instrutores”, e aínda máis declarándose arredista e tendo realizado, ademais, anos atrás, un pacto de sangue con Marcial Rodríguez e González Mato para defender a patria galega.

Cando chega o momento de facer as prácticas de piloto de navegación, precisa ter o servizo militar cumprido

Axeitos achega, no seu libro, máis detalles sobre o contexto no que isto sucedeu. Manuel Antonio non fora un bo estudante -adoitaba buscar, de feito, mentres criticaba aos caciques, recomendacións de “conseguidores” para aprobar- e, ao rematar o Bacharelato -máis tarde que os seus compañeiros- decide seguir os estudos de Náutica en Vigo tras saber que lle convalidaban o primeiro curso por ter o Bacharelato. Cando chega o momento de facer as prácticas de piloto de navegación, precisa ter o servizo militar cumprido porque o regulamento non permitía realizar as primeiras sen ter acabado o segundo.

No 1921 ingresa na Escola Militar de Santiago para obter o certificado de instrución militar, cumprindo ademais a obriga estipulada no regulamento de agasallar aos oficiais instrutores. Sendo xa soldado, será declarado ese mesmo ano inútil parcial, o cal lle impide de novo realizar as prácticas de navegante, mais, no 1923 e, tras alegar estreiteza de tórax, consegue finalmente ser excluído totalmente do servizo militar por padecer tuberculose. Axeitos sitúa, porén, a exixencia de deserción de Manuel Antonio a Dieste na evolución ideolóxica do primeiro, que o levaría a un posicionamento nacionalista, antiimperialista, antibelicista e anticolonial.

O navegante

Manuel Antonio, en prácticas no pailebote / Alvarellos Editora

No 2015, 80 anos despois da primeira iniciativa nese sentido, o Concello de Rianxo coloca na Malveira un monólito coa inscrición: Manuel Antonio. Poeta do mar (1900-1930). Mais, ao ver de Losada, a relación do poeta co mar quizais non fose a comunmente aceptada. “Digámolo con claridade” -escribe- “ademais dun deber laboral, o mar nunca é para Manuel Antonio máis que un tema literario, tendo en conta que, no seu caso, a literatura é o camiño que percorre o autor para ser o protagonista da súa propia vida”. O mar é, para el -segundo a análise de Losada- “unha paisaxe interior”, un espazo no que deixarse ir, inmóbil, no medio da inmensidade.

A súa verdadeira vocación é “ser o guieiro espiritual da nación galega cunha poesía vangardista e revolucionaria”, polo que traballar no mar non o atraía especialmente

Manuel Antonio proxectara ser avogado, pero o seu rendemento académico non daba para iso. Recoñecía, de feito, o seu instinto de folganza. “A preguiza en min é crónica”, confesaba. Mais a súa verdadeira vocación é “ser o guieiro espiritual da nación galega cunha poesía vangardista e revolucionaria”, polo que traballar no mar -ou en calquera outra cousa- non o atraía especialmente. Estuda Náutica porque é “a única opción que ve para darlle un sentido laboral á súa vida” e porque “é unha carreira doada de rematar”. De feito, tarda tres anos, respecto ao remate da carreira, e catorce meses, respecto á exclusión militar total, en embarcar por primeira vez. Porque, alén dos problemas burocráticos, non tiña présa. Aínda que, unha vez a bordo do Constantino Candeira, comeza, segundo Losada, a madurar e a atopar o seu rumbo. Despois de mostrarse ao mundo coma un “snob de opereta”, coma un mariño “de sport”, ten que tirar a máscara, sendo De catro a catro o caderno de bitácora dunha viaxe interior.

Mais -sostén Losada- “os problemas do mar en canto tal non deixan pouso na súa alma”. Manuel Antonio “non se fixa no sufrimento nin na explotación. Só no que o mundo ten de extraño, de descoñecido, de misterioso”. Na súa prosa, “o mar aparece como lugar de afogados e naufraxios, máis preto desas zonas misteriosas e sagradas da vida que tanto lle interesaron aos románticos que das reivindicacións laborais ou da seguridade marítima dos revolucionarios anarquistas”. Na poesía, tampouco “comparecen”. En De catro a catro os mariñeiros non son invocados (só dous capitáns, o do barco da dedicatoria e un tal Pardeiro, nun dos poemas) e o mar é transmutado nun mar anímico e metafísico”.

A relación de Manuel Antonio cos mariñeiros que Axeitos debuxa na súa biografía non é moi confluente, porén, coa sinalada por Losada

A relación de Manuel Antonio cos mariñeiros que Axeitos debuxa na súa biografía non é moi confluente, porén, coa sinalada por Losada. “Era habitual velo pola ribeira falando con mariñeiros de todas as idades, preguntando polo significado das palabras, interesándose polos seus problemas e aprendendo a velear na súa compañía”, escribe. Ademais, “sempre se sentiu solidario cos máis humildes, reclamando un sindicato de traballadores galegos”. De catro a catro é, para Axeitos, “malia non ter topónimos galegos nin referencias xeográficas”, unha “homenaxe aos homes do mar e ás súas paisaxes”, igual que o ‘Campos de Castilla’ de Machado o é sobre “a paisaxe campesiña e os homes que a habitan”.

É máis: Rianxo era para Manuel Antonio, segundo Axeitos, “o escenario no que Manuel Antonio proxecta a súa vida ideal, habitaba exclusivamente por mariñeiros cosmopolitas que retornan falando sempre en galego, solidarios e respectuosos das tradicións herdadas”. Defensor da “navegación a vela e da arte do xeito” e admirador “das tecedeiras tradicionais”, soubo que o seu Rianxo natal “era o berce de todas as virtudes dunha cultura étnica ameazada”. Manuel Antonio miraba os mariñeiros na procura de “raíces populares”. Mais, cal era a súa relación coa cultura popular? Aquí as interpretacións de Losada e Axeitos son diferentes.

Nunha carta dirixida a Castelao, na que este lle dixera que o pobo é o “gardador de todo canto temos”, Manuel Antonio critica o que denomina “admiración e respecto pechado” dos nacionalistas polo pobo, e asegura que “o pobo fala galego por que non sabe falar castelán e beila a muiñeira (cando a beila) por que non sabe bailar o fox-trot”. Para el o relevante, o que hai que ter en conta, é a “raza” e non o pobo, xa que “falamos galego inda que seibamos falar ingrés, beilamos a muiñeira inda que seibamos o fox-trot, somos nosos podendo ser alleos”. Segundo Axeitos, Manuel Antonio pasou a vida tentando construír pontes entre a cultura académica e a popular, nun contexto xeracional no que se acudía ao pobo “na procura de romances, de cancións, de lendas e de tipos populares fundamentalmente para recuperalos culturalmente e integralos na cultura popular”.

Para Losada, pola contra, Manuel Antonio sempre defenderá a “alta cultura” fronte á “cultura popular”, malia facer “malabarismos intelectuais para buscarlle utilidade á cultura popular”. Dado que a súa visión do pobo é “negativa”, con todos os “matices” que poidan facerse -en Asados, asegura, non se relacionaba cos veciños e dos mariñeiros tiña unha visión máis romántica que de clase- a súa admiración pola cultura popular é relativa, tendo en conta ademais que “a cultura popular é feita por unha elite do pobo, non polo pobo”, a que lle asigna ese nome.

O revolucionario

Axeitos asegura na súa biografía que, probablemente, se teña divulgado máis de Manuel María a súa faceta rupturista, unha imaxe heterodoxa e rebelde, entre outras razóns polo seu “espírito aventureiro” -porque fuxiu para alistarse como voluntario na Lexión Estranxeira-, pola súa “exótica dedicación a navegar como un profesional”, porque unha vez queimou unha bandeira española e pola publicación do manifesto Mais alá!. Unha “rebeldía social” que, segundo a hipótese deste autor, “creou paradoxalmente un respectuoso silencio” arredor do poeta, cuxa vestimenta de galán contribúe ademais a crear unha imaxe de raro entre os mariñeiros de Rianxo e os labregos de Asados.

Unha “rebeldía social” que, segundo a hipótese de Axeitos, “creou paradoxalmente un respectuoso silencio” arredor do poeta

A fuxida a Francia non será, segundo Axeitos, unha “anécdota”, porque é “o motivo que inicie a súa independencia ideolóxica ao coincidir coa perda de fe e da práctica relixiosa”. Manuel Antonio ía á misa en Asados, ao ver de Axeitos, por un “pacto tácito” coa nai, que se sentía desautorizada ante os nenos e os pais da escola. Segundo Losada, Manuel Antonio mantén, malia perder a fe no catolicismo na adolescencia, unha fonda conexión coa relixión que será vital na súa traxectoria sendo, de feito, o romanticismo a doutrina que vén cubrirlle o baleiro deixado pola relixión. Así, segue a crer que “baixo a realidade cotiá existe outra realidade á que podemos chegar”, que non deixa de buscar, polo que dará “alto sentido ao ordinario, dignidade de descoñecido ao coñecido e aparencia de infinito ao finito”, confiando na inspiración e o xenio como porta de acceso ao misterioso.

E é desde ese romanticismo, mais desde a análise da personalidade inmatura de Manuel Antonio -a quen define como “inseguro, dubitativo, acomplexado, celoso, garatuxeiro, contraditorio, apoucado, desconfiado, contrariado e mesmo pusilánime” na súa relación coa que foi a súa noiva, Mercedes-, Losada interpreta os episodios supostamente aventureiros da vida de Manuel Antonio, que xulga como “pura retórica” e máscara para reafirmar a súa “masculinidade”. Con 17 anos, Manuel Antonio foxe da casa para loitar na I Guerra Mundial. Na fronteira danlle a volta por ser menor e ir indocumentado. Non pretendía, segundo Losada, unirse ao exército -sabía que non llo permitirían-, senón “demostrarse a si mesmo e aos demais que é ese aventureiro romántico do que a cotío se gaba ser”, sendo un adolescente “apoucado” pero “impulsivo e fantasioso” que “le moitos libros románticos” e sente necesidade de “chamar a atención”, indo de “rebelde”, ante a familia e amigos.

Non hai, segundo Losada, nada na súa vida nin na súa obra “que nos permita deducir un talante e unha disposición politicamente revolucionaria”

Non hai, segundo Losada, nada na súa vida nin na súa obra “que nos permita deducir un talante e unha disposición politicamente revolucionaria”, mais alá das “declaracións altisonantes e privadas sobre o anarquismo, a violencia e o arredismo”, e menos se por revolucionario entendemos alguén que na súa práctica cotiá intenta “transformar radicalmente o mundo no que vive”. Non realiza -asegura- achegas prácticas ao anarquismo -mais que escribir un texto a favor que non publica-, un movemento moi presente en Galicia na súa época, e sobre todo na Coruña.

O seu espírito -defende Losada- é máis “aristocrático”, elitista, que revolucionario, e móvese toda a vida na contradición entre arelar ser un revolucionario e ser “un burgués” de familia burguesa e con amizades burguesas. Só propón -afirma- “a violencia como arma política” en privado e ante quen sabe “que nunca aceptará” e non nos ámbitos anarquistas nos que non era simple pose e provocación. Na Ditadura de Primo de Rivera non opta polo anarcosindicalismo, senón polo “ensimismamento interior”. Canto ao episodio da queima da bandeira española -”perfectamente cribe na privacidade da cuadrilla”-, mais que un acto revolucionario sería “unha forma de chamar a atención” e de apagar a súa “mala conciencia” por ser parte dunha “familia conservadora, clerical e caciquil coa que vive feliz” e en “harmonía”.

Manuel Antonio, na compaña de amigos como Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Villar Ponte ou Castelao, nunha imaxe conservada na Fundación Penzol

O nacionalista

Manuel Antonio escolleu unha opción política minoritaria -o nacionalismo das Irmandades- cando a posición social familiar podía reservarlle un lugar de privilexio nas ringleiras dos partidos políticos turnantes, segundo sinala Axeitos. Mais sería, ao seu ver, un erro, interpretar a “heterodoxia” e “rebeldía” do poeta como simple mecanismo psicolóxico de rexeitamento do contorno familiar no que naceu, xa que “foi adquirindo un xuízo político independente da familia a medida que se culturizaba e entraba en comunicación con sectores sociais activos e dinámicos”

O compromiso político de Manuel Antonio empezou de facto, segundo Axeitos, cando con 17 anos asina con dous compañeiros de bacharelato un pacto de sangue comprometéndose na defensa de Galicia. Mais a súa militancia iníciase a través da sociedade anticaciquil e agrarista Acción. Manuel Antonio escribe, asinando con seudónimo, tres artigos anticaciquís no xornal La Redención. Nese mesmo ano, 1918, reparte entre os compañeiros o Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo. No 1920 faise membro da Xuventude Nazonalista de Santiago. No 1921 únese á Mocedade Galeguista de Vigo, asistindo á III Asamblea Nazonalista. Tras a destitución de Antón Villar Ponte como director de A Nosa Terra, no 1922, non escribe máis para o voceiro das Irmandades. Non colabora nunca, ademais, na revista Nós, segundo supón Axeitos debido a que seguramente se decantaría máis por Villar Ponte que con Vicente Risco na escisión proposta na IV Asemblea de Monforte. 

Tras a destitución de Antón Villar Ponte como director de A Nosa Terra, no 1922, non escribe máis para o voceiro das Irmandades

Losada considera que a ideoloxía de Manuel Antonio era anarquista e nacionalista, pero máis a segunda. De ser católico, tradicionalista, españolista e conservador a converterse en republicano, anarquista e arredista galego. En Santiago decide escribir e falar só en galego, e tras publicar algúns artigos en castelán un camiño cara ao monolingüismo na súa poesía. En 1921 participa na III Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Para Losada, o feito de que lle permitisen asistir, sendo tan novo e case descoñecido, a unhas reunións que eran, en principio, privadas, é síntoma de que o seu compromiso co nacionalismo é “nítido e moi activo”. Na súa toma de conciencia influíu a súa “temperá preocupación polo pobo de Rianxo e o seu futuro”, sabendo que os culpables son os caciques.

Non hai dúbida, así, segundo Losada, de que Manuel Antonio é “nacionalista e independentista”

Non hai dúbida, así, segundo Losada, de que Manuel Antonio é “nacionalista e independentista”, malia que a partir de 1924 se distancie, segundo este mesmo autor, levado seguramente pola decepción debido ás loitas de poder internas das Irmandades. Axeitos sinala, pola súa banda, o desgusto que para Manuel Antonio debeu supoñer que o conselleiro encargado da Irmandade Nazonalista Galega de Rianxo se pasase ao partido de Primo de Rivera, atraído polas promesas do directorio militar de investimentos na vila. Non por iso deixa, asegura Axeitos, de ser Manuel Antonio un militante nacionalista modelo, como na súa opinión acredita o a súa posición na “loita de bandeiras”, no contexto de diversas iniciativas políticas e populares para defender o uso da bandeira galega por parte do concello de Vigo. É entón cando Manuel Antonio queima unha bandeira española en presenza dun grupo reducido de persoas entre as que se encontraba Rafael Dieste, sen máis consecuencias.

Na liña da análise psicoloxicista que caracteriza a súa biografía, Losada entende que o nacionalismo de Manuel Antonio actúa como substituto da relixión e aséntase nunha base emocional, non sen contradicións, como as derivadas do seu individualismo, que circunscribe ao Eu do xenio romántico. O Eu “arrogante” e “vaidoso” que o leva a negarse a publicar en Nós, o do xenio que, ao mesmo tempo que guía a comunidade, precisa unha comunidade na que desenvolverse nun clima axeitado, o do “espírito do pobo” herderiano, mais sen diluírse no mesmo, ao contrario do pretendido por Castelao. É por iso, segundo Losada, que Manuel Antonio defende a recolla de manifestacións culturais populares, ou o mundo artesanal fronte ao industrial, ou os muíños antes que as moas eléctricas ou os veleiros antes que os barcos de vapor.

O escritor

Edición facsimilar de De catro a Catro

A publicación do manifesto Máis alá!, en 1922, cando Manuel Antonio contaba só 21 anos, é interpretada tamén por Losada desde a súa perspectiva psicoloxicista, como un xeito de encher o baleiro deixado pola relixión. “Podemos aceptar que quere prestixiar a literatura galega demostrando que é capaz de acadar o nivel doutras literaturas”, motivo polo cal se tería achegado ás vangardas. Mais as razóns fondas atópanse, segundo este autor, noutro lugar. Abrazar as vangardas -criticando duramente ademais toda a literatura galega- é coherente co seu espírito “provocador”, “hiperbólico”, “individualista” e “ácrata” e útil para “chamar a atención” e compensar así as súas “carencias afectivas”, relacionadas coa perda temperá do pai e o carácter “fundamentalista” da nai, incapaz, coma el, de expresar o seus sentimentos.

As vangardas bríndanlle ademais unha xustificación a priori dun posible fracaso poético e unha oportunidade de reforzar o seu rol de “incomprendido e inadaptado”, sempre á contra, na senda dos heroes románticos, ademais de de esconder mellor as súas carencias como escritor e xustificar a súa contradición entre o individualismo declarado e a teima por dirixir os destinos do pobo. Cunha grande carga de ironía e de dureza, presentes en todo o libro, ás veces sen piedade e sempre desde unha posición contraria á mitificación de Manuel Antonio, Losada escribe, poñéndose no lugar do poeta: “Eu, o grande profeta da literatura galega, tiven unha revelación divino-vangardista e veño anunciarvos que debedes seguirme se queredes chegar á Terra Prometida da República Galega Independente, e que, se non me seguides, seredes castigados por toda a eternidade co estigma da imbecilidade”.

E así logra crear unha obra “da literatura universal”, a partir da súa experiencia “en comuñón romántica co universo” no Constantino Candeira

As reaccións -entre a indiferenza e a crítica- ao Máis alá!, poñerano porén no camiño de traballar e formarse para escribir algo que xustifique o seu duro posicionamento coa literatura galega que vaia, precisamente, alén da mesma. E alén da súa propia morte. Que lle dea a vida eterna. E así logra crear unha obra “da literatura universal”, a partir da súa experiencia “en comuñón romántica co universo” no Constantino Candeira. Preso no medio do océano. Nese universo atópase, segundo Losada, co seu propio Eu. O Eu escindido que agromara desde que descubrira, na adolescencia, que quería ser poeta. Un Eu partido en tres: o Eu biográfico, con todas as súas circunstancias persoais, o Eu poético que leva anos buscando un camiño propio para expresarse e o Eu proxectado, que se a navegación é exitosa se tornará en libro cando remate a navegación. O libro conta o que lle ocorre ao Eu poético mentres pensa como escribir ese libro sobre o Eu biográfico para que o Eu proxectado se faga realidade, unificando os tres nun só. Tres Eus que están escindidos e á vez unidos (Nós) entre si e co universo do acto creativo.

É dicir, segundo Losada, Manuel Antonio describe en De catro a catro o fluxo da súa propia conciencia mentres escribe un libro sobre a navegación ao mesmo tempo que navega. Escribe sobre como se transforma o universo en que vive -a viaxe real en barco- no seu propio mundo interior e biográfico para escribir ese libro que será o seu retrato eterno, máis alá da propia morte. Así, nas circunstancias persoais en que se escribe o libro, De catro a catro é “unha reflexión sobre o proceso creativo e sobre o sentido dunha vida dedicada a este”, e aínda máis desde unha visión “metafísica”, compatible con esta. Deste xeito, “se na primeira interpretación o home literariamente enfermo Manuel Antonio se pregunta a través do poeta Manuel Antonio se será quen de escribir un libro” que lle dea sentido á súa vida sobrevíndoo despois da súa morte, desde a ollada metafísica “o home fisicamente enfermo Manuel Antonio pregúntase se será quen de darlle resposta filosófica ao problema do misterio para darlle sentido eterno á súa vida tras a morte”.

Losada admite que tamén se pode facer unha interpretación nacionalista do libro, sempre que non se entenda o seu Nós como o pobo galego

Dito isto, Losada admite que tamén se pode facer unha interpretación nacionalista do libro, sempre que non se entenda o seu Nós como o pobo galego, senón como o Eu do poeta e guieiro nacional galego que quería ser. O Manuel Antonio fisicamente enfermo (Eu biográfico) reflexiona sobre a súa experiencia política nas Irmandades da Fala (Eu político) e proxecta as súas ansias (Eu proxectado) nunha República Galega Independente. E, precisamente, para Axeitos, Manuel Antonio “confirma que a literatura galega expresou a historia profunda da nación anticipándose, no tocante á recuperación da lingua e da literatura, á práctica política”. Pois “onde a literatura era xa nacionalismo poético, a política estaba no primeiro chanzo construtivo coas Irmandades da Fala”.

En De catro a catro, Manuel Antonio foi”, segundo a análise de Axeitos, tan consciente de ter acabado un cumio” que só a introdución está escrita en futuro, “o tempo dos nacionalismos e dos nacionalistas que refugan, insatisfeitos,  do presente”, mentres que no resto dos poemas usa o presente “porque vive nun espazo habitable construído pola palabra, unha “paisaxe inédita”, un lugar de linguaxe que se adianta á “práctica política”. Na súa singradura polo aínda non nomeado, “entregounos un mundo máis habitable, máis extenso e máis libre”, volvendo ao seo da comunidade “para amplificar os horizontes da nosa patria e axudar a construír un país”.

E un misterio

A obra poética completa de Manuel Antonio non estivo dispoñible ata 1972. Mais houbera varios intentos desde 1930, tal como conta Axeitos. O primeiro, de Ignacio de Noreña, que proxectou publicar unha edición bilingüe de De catro a catro, mais a guerra civil impediu que fose adiante. No 1943 é o curmán de Manuel Antonio, Roxelio Pérez, quen tenta editar as obras completas e que, despois de reunir o material pertinente, confíalle o proxecto ao seu médico, que non era outro que García Sabell. Coa “misión cultural” de dar a coñecer a obra de Manuel Antonio, o 22 de abril de 1956 achéganse a Rianxo García Sabell, Borobó, Roxelio e Maximino Rodríguez para recuperar os manuscritos e pertenzas bibliográficas depositadas na casa familiar. Mais o que ía ser un xusto rescate -sempre segundo a versión de Axeitos- acabou converténdose na retención por parte de García Sabell dese material. Primeiro, pasa un longo período de tempo entre o rescate, en 1956, e a publicación da obra poética, no 1972.

Mais, -explica Axeitos-, “o lector galego actual merece unha edición coidada e anotada, expurgada de erros, con índices orientadores, etc, que require da revisión dos papeis que serviron para a edición anterior

Mais, -explica Axeitos-, “o lector galego actual merece unha edición coidada e anotada, expurgada de erros, con índices orientadores, etc, que require da revisión dos papeis que serviron para a edición anterior”, sen implicar “a posesión dese legado”. É por iso que -continuando segundo a súa versión dos feitos- dirixiuse por carta, en reiteradas ocasións, a García Sabell para solicitarlle o acceso ao material. Sen resposta. Tras a morte deste, a Fundación Barrié, propietaria da biblioteca e da documentación de García Sabell, asina un convenio coa Academia Galega para editar a obra completa de Manuel Antonio, baixo a coordinación de Axeitos. Pero segue a faltar o manuscrito de De catro a catro, que tampouco se lle facilita, segundo asegura, pese ás súas xestións.

Unha editora privada,  Alvarellos, adiantouse así á Academia na recuperación do manuscrito ao publicar no 2017 unha edición facsimilar de De catro a catro que respecta o formato orixinal, incluíndo unha transcrición do texto coa identificación das súas variantes respecto á primeira edición feita a partir do mesmo, a que Ánxel Casal publicou na súa editora, Nós, en 1928. A edición correu a cargo do catedrático Anxo Tarrío.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.