0 Gardados para despois

O persoal dos arquivos galegos reclama condicións laborais dignas

Redacción | @prazapublica

Este sábado 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos. Na véspera desta conmemoración o persoal dos arquivos galegos convoca concentracións ante os seus centros de traballo, unha mobilización impulsada pola APTAX (Asociación Profesional de Arquiveir@s da Xunta de Galicia) que terá lugar ás 12 horas e que incluirá a lectura dun manifesto. Reclaman mellores medios para os arquivos existentes, a contratación de máis traballadores e traballadoras para poder levar a cabo as súas funcións e mellores remuneracións "adecuadas ás súas responsabilidades". Denuncian que Galicia está a cola do Estado en canto ao recoñecemento e condicións laborais do persoal dos seus arquivos e reclaman unha equiparación coa situación dos seus compañeiros e compañeiras noutros territorios.

Están convocadas concentracións no Arquivo de Galicia (Cidade da Cultura), no Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña), no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, nos arquivos centrais das consellerías (Santiago de Compostela), nos arquivos territoriais de Pontevedra, Vigo e Lugo e nos arquivos xudiciais. As mobilizacións contan co apoio de Anabad-Galicia.

Demandan a contratación de "máis arquivistas, cunhas remuneracións adecuadas ás súas responsabilidades" e reclaman a posta en marcha de "máis arquivos" e a achega de "máis medios e infraestruturas para os que xa existen"

Subliñan que os arquivos "son patrimonio da cidadanía" e "configuran a nosa identidade e a nosa memoria". "Nese patrimonio teñen que ter voz e presenza todas as persoas polo que se deben conservar documentos que acheguen todas as miradas, todas as visións: a perspectiva das mulleres, das minorías, dos colectivos racializados", destacan. O persoal dos arquivos fai fincapé igualmente en que "desenvolvemos un traballo fundamental para conservar o patrimonio, para conformar a memoria e para a gobernanza dos territorios", polo que demandan a contratación de "máis arquivistas, cunhas remuneracións adecuadas ás súas responsabilidades", reclaman a posta en marcha de "máis arquivos" e a achega de "máis medios e infraestruturas para os que xa existen". E, finalmente, esixen que "as administracións cumpran as leis de arquivos".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.