Rodrigo Romaní: "Estamos sempre a tentar acadar o difícil equilibrio entre a música culta e a popular"

SondeSeu Dominio Público Praza Pública

Beiralúa é un lugar imaxinario no que os membros de SondeSeu se xuntan con outros músicos, do folk galego actual, para bailar xuntos unha coreografía simbólica. Unha danza que, tras os catro movementos anteriores, se detén neste quinto disco da orquestra viguesa, que conta coa colaboración de Quico Comesaña, Xosé Luis Romero, Pedro Lamas, Rosa Cedrón, Treixadura ou Susana Seivane. E comuñón, encontro, comunidade, é tamén o novo traballo do coordinador de SondeSeu, Rodrigo Romaní, Fíos de ouro no ar, no que afonda na ampliación do repertorio galego para arpa. Falamos con Romaní destes dous discos, o Beiralúa de SondeSeu e Fíos de ouro no ar, no que continúa a súa traxectoria en solitario.

SondeSeu leva 17 anos. Cando comezastes, pensabades que iades chegar ata aquí?

Realmente, cando empezamos, tampouco sabiamos ben onde iamos ir: nin o tempo que iamos durar nin o que iamos facer. Comezamos coma un experimento a partir da música de tradición oral. Todo ese patrimonio co que traballabamos na escola non fora levado a orquestra e decidimos probar a ver como funcionaba nese sentido. É, en realidade, un traballo máis de creación, de composición, aínda que se faga con ese material que xa tiñamos. Pensamos, ademais, que o que estabamos facendo podía funcionar máis alá das aulas, do material didáctico. E foi así como creamos unha orquestra profesional con musicos non profesionais, sen ser profesionais no sentido de que non é unha actividade autofinanciable .

Falas da ETRAD, que é unha escola única. Que explica o grande interese que esperta?

Penso que pode explicarse, en parte, polo momento no que chegou. Despois da explosión do folk que houbo nos anos 80 e 90, de toda proliferación de proxectos que a xente desfrutaba, e que se convertía ademais en motivo de orgullo pola nosa música, creo que o que pasou é que chegou un momento no que, ademais de querer ir aos concertos, a xente quixo formar parte daquilo. É, non sei como dicilo, como se se producise un proceso de madurez da audiencia, que pasa de escoitar a querer participar na música. Por iso penso  que, non é que o folk estivese de capa caída despois dese boom. O que pasa é que mudou o enfoque: a xente pasa a querer formar parte do feito musical. Ademais, é unha música non moi difícil de aprender, que se toca en grupo, en colectivo…

"Chegou un momento no que, ademais de querer ir aos concertos, a xente quixo formar parte daquilo"

A novidade do disco é que colaboran compositores e músicos de folk galegos. Están, por exemplo, Quico Comesaña, Pedro Lamas e Xosé Luis Romero. Que achegan?

En SondeSeu os que compoñiamos eramos, basicamente, sempre os mesmos: Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz e eu. Chegada a orquestra a unha madurez, despois de 17 anos e indo para o quinto disco, pensamos que estaría ben pedirlles a outros compositores que colaborasen con nós, que se puxesen no lugar que nós sentimos: tes un instrumento na man, múltiples posibilidades, e a ver como decides utilizalo… Pensamos en Quico, Pedro e Romero, porque cada un podía dar unha visión diferente do tratamento da música de tradición oral para orquestra. É tamén unha maneira de cambiar o concepto de “autor”. A ese respecto, tamén é moi de salientar o traballo que fixo Anxo Pintos na suite San Martiño, que xurdiu coma unha peza para O Canto das Illas, un evento que se fixo en Vigo para promover a candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade. San Martiño é unha obra complexa de 16 minutos, unha das achegas máis interesantes do disco.

Rosa Cedrón colabora cantando un tema ben coñecido, o Aí vén o maio de Luís Emilio Batallán -con letra de Curros-. Cedrón xa colaborara antes con vós…

Si. Houbera un programa especial da televisión galega dedicado a Manuel María polo Día das Letras no que se fixeran adaptacións dalgunhas pezas moi coñecidas. Quixemos recuperar o que nos gustara máis e por iso volvemos chamar a Rosa Cedrón. Aí vén o maio colle outra dimensión coa voz de Rosa. Ademais, é unha marabilla traballar con ela. É moi xenerosa sempre. E con dicirche que a gravación se fixo á primeira… Non tivo que repetir. Foi asombroso.

"A gravación con Rosa Cedrón foi á primeira. Non tivemos que repetir. Foi asombroso"

Tamén están Susana Seivane ou o Orfeón Treixadura…

Si, Susana está na peza de Pedro Lamas, a Rumba da Ribeira de Piquín. Fíxose a partir dun tema tradicional ao que lle puxemos unha letra nova. E tamén é un xeito de homenaxear a familia Seivane, todo o que nos deron, desde o patriarca, don Xosé, que xa non está con nós. Por todo o que fixeron, e con tanto éxito. Co Orfeón Treixadura tamén colaboraramos antes. Están no Bando do alcalde, a peza feita por Mero coa letra de Manuel María, que estaba no Terra de A Quenlla. Na mesma liña que che dicía antes, de recuperar pezas que estiveran naquel espectáculo polo Día das Letras de Manuel María.

Xa que falamos de Manuel María, traballar con poesía é algo tampouco nada raro na vosa traxectoria. No disco anterior, Danzas brancas, había letras de Ramiro Fonte ou Cabanilllas. Neste está Campanas de Bastabales de Rosalía de Castro…

Si, e o solista de Campanas de Bastabales é un membro de Treixadura, Toño Dominguez,e iso axuda tamén moito a darlle outra dimensión ao tema de Amancio Prada, tan coñecido. A idea é sempre iso, tentar achegar algo novo, levándoo ao noso estilo. Neste caso está a melodía de A Farándula máis a composición de Amancio… Temos unha posición preestablecida de traballar con música de tradición oral como fonte de inspiración, pero sen renunciar a incorporar alusións á literatura. Así, traballamos coa literatura contemporánea, coa clásica e coa de tradición oral.

"Traballamos coa literatura contemporánea, coa clásica e coa de tradición oral"

Por que se chama Beiralúa?. Hai varias alusións nas letras á lúa, pero non dou deducido máis…

Si, a lúa é unha imaxe presente nas pezas, dunha maneira directa ou indirecta. A imaxe sería a dun lugar imaxinario no que bailamos xuntos unha coreografía simbólica. A metáfora refírese ao que somos: unha comunidade que compón, que arranxa, que fai un produto novo. É o que é a nosa orquestra e os que colaboraron con nós.

En Aire de Berducido temos unha foliada que adaptou Milladoiro, collida do repertorio de Cántigas da Terra. No disco Barlovento había cousas de Xiradela, de Muxicas, de Milladoiro… En Danzas brancas, de Faltriqueira ou Tanxedoras… É outra constante vosa.

Si, sempre hai alguha peza que é do repertorio de Milladoiro… Pero, como dis, é algo habitual en nós coller pezas doutros grupos. En Danzas brancas tiñamos unha versión dun tema do Navicularia de Berrogüetto. Quico Comesaña arranxara este tema para SondeSeu. O que tentamos sempre é o que che dicía antes: facer unha revisión para darlles un enfoque diferente.

Outra constante é a mestura. Varias pezas, ou máis ben elementos de varias pezas, fúndense nunha. Na Danza da lúa espida hai un cantar de Bembibre e dous temas modernos.

Si, é un proceso natural na música tradicional, en realidade. A cuestión é que saia algo que teña coherencia, que teña unha certa duración e que non sexa repetitivo, porque nós facemos música para escoitar -aínda que tamén se poida bailar-, co cal ten que quedar algo coherente e harmónico. O repertorio da música de tradición oral é amplísimo e ofrece infinitas posibilidades.

"A cuestión é que saia algo que teña coherencia, que teña unha certa duración e que non sexa repetitivo"

Algo máis que queiras salientar do disco?

Que estamos satisfeitos co resultado en xeral. Citaba antes San Martiño de Anxo e penso que é moi destacable pola proposta que fai, porque aproveita todos os recursos tímbricos da orquestra. En realidade, estamos sempre a situarnos entre a música culta e a popular, tentando acadar un difícil equilibrio. Traballamos con moito coidado para atopar ese equilibrio, do mesmo xeito que xuntamos o nivel profesional e o afeccionado…

"Estamos sempre a situarnos entre a música culta e a popular, tentando acadar un difícil equilibrio"

Como se vai formando a orquestra? Os alumnos da ETRAD poden incorporarse ao acadar un certo nivel ou como é?

Poden incorporarse ao acabar os tres ciclos da ETRAD, que son tres anos de básico, tres anos de medio e dous de avanzado. Cada alumno que entra ten que estar refrendado polo seu mestre. Agora somos uns 60 músicos. E hai que dicir que nada sería posible sen o apoio do concello de Vigo e sen a xenerosidade dos músicos, que fan concertos practicamente "por amor á música". Financiar isto é moi complicado.

"Os músicos fan concertos practicamente "por amor á música"

Si, imaxino os desprazamentos para dar un concerto… Pasamos entón ao teu novo disco, Fíos de ouro no ar, feito en formato trío con Bea Martínez e Xulia Feixoo. Por que escolles un verso de Avilés de Taramancos para darlle nome?

A de Avilés é unha poesía chea de imaxes e de sensacións. Moi plástica. Foi un pouco unha casualidade. Estaba buscando un nome e atopei unha frase dun poema co que xa traballara no meu disco Cantos Caucanos e pareceume axeitado. É un verso moi bonito…

Ampliar o repertorio galego para arpa é un dos obxectivos deste disco e, supoño, de todo o teu traballo coa arpa…

Si, é unha das xustificacións do traballo, si. Empecei a facer discos cando tiña 20 anos e a verdade é que nunca souben facer outra cousa. Aínda que non sexa para un obxectivo concreto, coma un disco, sempre estamos investigando: compoñendo cousas, facendo arranxos… Despois dun accidente que tiven no 2013 tiven que deixar a docencia e cambiar a técnica de arpa. Empecei a facer cousas novas, e cando vin que tiña material decidín facer un disco. Mais si, sempre tento ampliar o repertorio galego para arpa, claro.

"Empecei a facer discos cando tiña 20 anos e a verdade é que nunca souben facer outra cousa"

Son dúas arpas con elementos electrónicos e percusión acústica. Por que? Porque a arpa diatónica?

Cando empecei estudiei tamén arpa clásica, pero logo optei pola diatónica, que ten moito desenvolvemento por aí por fóra, e que ten vantaxes como ser máis fácil de transportar. Todas as arpas están vinculadas ao pasado, á tradición medieval. É un instrumento europeo e universal. O de ter dúas arpas é porque o efecto multiplicador, ao ser dúas, é moi grande. Parece que son moitas máis. E logo que a arpa sempre tira un pouco a voar, ao lado máis místico, e o feito de que vaia con percusión e contrabaixo axuda a tomar terra, a que haxa un equilibrio.

"A arpa sempre tira un pouco a voar, ao lado máis místico, e o feito de que vaia con percusión e contrabaixo axuda a tomar terra, a que haxa un equilibrio"

Acompáñanvos tamén o Cuarteto Novecento, Inés Lorenzo e Guillerme Ignacio. Que achegan no disco?

En Galicia hai unha escola de fiddle -de violín tocado ao xeito popular- con moito futuro. Porén, escollín o Cuarteto, dunha gran calidade no concepto clásico do cuarteto de corda, precisamente polo contraste de estilos. En Fios de Ouro facemos unha recreación fantasiosa das muiñeiras en ton menor máis coñecidas do repertorio de gaita, e en Preguiza unha composición ad-hoc para facer dialogar a arpa co cuarteto: é o cuarteto, aquí, o que acompaña a arpa, e non ao revés. Inés xa estivo comigo no disco anterior e aprendeume a que é a primeira canción do disco, Indo de cara á Grixoa. E Guillerme, de Quempallou, interpreta dous cantos tradicionais, Pasacalle e Muiñeira. É moi importante salientar que este non é un disco só meu, senón que é da formación en trío, con Xulia (percusión) e Bea (arpa segunda). Debido á súa implicación no traballo, á súa importancia nel, presentámolo como trío.

"Este non é un disco só meu, senón que é da formación en trío, con Xulia (percusión) e Bea (arpa segunda)"

Hai unha peza feita cunha cantiga do Pergamiño Vintel. Parece lóxico nun arpista pero, podes contarnos máis dela?

Eu penso que foi moi positivo que poideramos ter o Pergamiño aquí porque axudou a que houbese máis versións das cantigas, e do máis variopinto, desde as interpretacións máis historicistas ás máis vangardistas. A miña versión non é historicista, trata de darlle unha visión moderna a unha partitura medieval.

"Eu penso que foi moi positivo que poideramos ter o Pergamiño aquí porque axudou a que houbese máis versións das cantigas, e do máis variopinto"

Neste disco volve ecoar Milladoiro. Na peza O santo do demo.

Si, supoño que é normal porque Milladoiro foron 20 anos da miña vida…

E en Loliña/Jotabé hai unha muiñeira de gaita máis unha xota do primeiro álbum de Susana Seivane. Outra coincidencia co disco de Sondeseu…

Si. A peza é unha  mestura de Loliña, unha das muiñeiras máis coñecidas do repertorio gaitístico, e Jotabé, unha xota menos coñecida pero brillante, composta por Melo Suárez. Dá un bo resultado ao adaptala para arpa. Sempre boto man do repertorio histórico da gaita. Collo o que pode encaixar.

"Sempre boto man do repertorio histórico da gaita. Collo o que pode encaixar"

Como é esa historia do fandango composto con Nando Luaces na praia a partir do movemento dos pilros?

Os pilros son paxaros que xogan coas ondas, que van detrás delas, que van e veñen con elas. Por iso o de Vaivén dos pirlos, porque compuxemos a peza seguindo ese bule bule dos paxaros…

Fíos de Ouro son varias muiñeiras, entre elas a de Chantada.

Si, aí tamén está o Cuarteto e é un contraste moi bo, entre muiñeiras moi coñecidas, a tímbrica tan clásica do Cuarteto  e a nosa adaptación para arpa. Dálles un enfoque diferente…

Aos cancioneiros máis coñecidos tamén fostes sempre. Sondeseu tirou cousas dos cancioneiros de Casto Sampedro, de Antón Santamarina e Dorothé Schubarth… Neste disco teu hai unha alborada do cancioneiro de Casto.

Si. E é incrible que dun cancioneiro dos anos 20 sigamos descubrindo cousas, cen anos despois. A ver, non tan incrible porque só hai que buscar no cancioneiro, pero sempre atopas cousas. Xa ao principio de Milladoiro traballabamos con este cancioneiro.

"É incrible que dun cancioneiro dos anos 20 sigamos descubrindo cousas, cen anos despois"

Supoño que despois do accidente terías que volver aprender a tocar… A perda dunha falanxe non é unha parvada para un músico…

Desde logo que non. Como para calquera outra persoa que traballe coas mans… Foron, primeiro, tres meses de depresión absoluta, pero despois sempre se sae porque o levas dentro, porque non sabes facer outra cousa nin vivir doutra maneira. Sei que vou tocar ata o fin dos meus días, siga ou non sacando discos…

Rodrigo Romaní, con Xulia Feixoo e Bea Martínez Dominio Público Praza Pública
Imaxe promocional do novo disco de SondeSeu Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.