Filólogas da Uvigo traballan na primeira bibliografía europea de libros infantís libres de estereotipos

Participantes na xuntanza celebrada este xoves en Baiona © Universidade de Vigo

Vén de botar a andar o proxecto europeo Gender Identity: Child Readers and Library Collections, G-Book, que busca pór en marcha a primeira bibliografía europea de libros infantís de 3 a 5 e de 6 a 10 anos positiva desde o punto de vista dos roles e modelos de xénero. Impulsado pola Universidade de Boloña, na iniciativa participan docentes e investigadores de centros académicos de toda Europa, entre eles da Universidade de Vigo. O proxecto inclúe tamén a creación de clubes de lectura ou o deseño de exposicións itinerantes en toda Europa.

“Estamos a punto de publicar o catálogo bibliográfico en liña que recolle as obras de literatura infantil e xuvenil dos últimos 20 anos dirixidas a estas franxas de idade que promoven a igualdade de xénero e rompen cos estereotipos tradicionais”

Este xoves Baiona acolleu unha xuntanza de investigadoras e investigadores de seis dos países participantes na iniciativa. Veljka Ruzicka, catedrática do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo, destacou que “estamos xa a punto de publicar o catálogo bibliográfico en liña que recolle as obras de literatura infantil e xuvenil dos últimos 20 anos dirixidas a estas franxas de idade que promoven a igualdade de xénero e rompen cos estereotipos tradicionais”.

A iniciativa parte do convencemento da importancia que xoga a literatura infantil na consolidación e evolución da identidade de xénero das nenas e dos nenos. “Moitos estudos veñen amosando como as xeracións máis novas tenden a interiorizar e facer seus os modelos e roles de xénero propostos nos libros que len, modelos e roles que, pola contra, en moitos casos tenden a ser conservadores e a reforzar os estereotipos de xénero”, explica unha das impulsoras do proxecto. "Se ben é certo que unha produción literaria para nenos e nenas coñecedores de cuestións de xénero é cada vez máis frecuente, esta produción está desigualmente distribuída entre os distintos países europeos e, a miúdo, vese relegada a unha especie de 'nicho', sen chegar á maioría dos nenos e das nenas”, subliña Veljka Ruzicka.

“Moitos estudos veñen amosando como as xeracións máis novas tenden a interiorizar e facer seus os modelos e roles de xénero propostos nos libros que len"

Na xuntanza celebrada en Baiona afondouse na creación de dúas coleccións itinerantes multilingües con 60 libros, 30 para cada franxa de idade, que circularán entre os distintos países socios e que versarán sobre os seguintes temas específicos de xénero: diversidade e inclusión, corpo e emoción. Tamén se decidiu a posta en marcha dunha web dispoñible nos diferentes idiomas dos países asociados que acollerá bibliografía e unha serie de materiais informativos e educativos relacionados coas cuestións de xénero. Ademais, prevese a posta en marcha de clubes de lectura para nenos e nenas, pais e nais, e mestres e mestras en cada un dos territorios que participan.

Fomentarán que as bibliotecas públicas enriquezan as súas coleccións mediante a adquisición de libros con enfoques positivos

O proxecto quere tamén incidir na colaboración entre bibliotecarios, académicos, institucións educativas e culturais, editores e tradutores. Así, fomentarán que as bibliotecas públicas enriquezan as súas coleccións mediante a adquisición de libros con enfoques positivos. A acción cara aos editores, especialmente para estimular as traducións, tamén forma parte dos obxectivos.

 

As responsables viguesas do proxecto xunto ao decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, Luis Alonso, nunha actividade previa do proxecto © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.