0 Gardados para despois

Lupe Gómez: "Sentín que a miña voz era máis forte, máis fráxil e máis íntima que nunca. A morte é un lugar comprensivo"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A poesía como arma dos pobres. A dignidade das mulleres rurais. O vínculo emocional e profundo coa nai, e coa terra. A morte como "lugar de acción", de reactivación da memoria. A aldea como lugar combativo, nunha nación non marcada, contra o tópico, pola submisión. O amor pola Lingua. Todo isto, e moitas máis cousas, é Camuflaxe, o último poemario de Lupe Gómez (Chan da Pólvora). Di ela mesma que agora é "moito máis coidadosa" coas palabras, máis esixente consigo mesma como poeta. O tempo pasa. E a vida manca. Camuflaxe, explica a súa autora, é un libro "máis duro, máis amargo, e tamén máis sereno, máis decantado, pois percorre toda unha vida". Pouco máis hai que dicir.

Se queres podemos comezar polo título e polo deseño do libro: o título, Camuflaxe, agocha, e ao mesmo tempo deixa entrever, unha fotografía moi especial: a da túa bisavoa. Podes explicar o título e o deseño? (O segundo é de Manolo Martínez).

A fotografía da miña bisavoa Pepa da Visa está cargada de enerxía telúrica. Esa imaxe di moitísimo máis do que eu podería dicir aínda que usase tódalas palabras e tódolos silencios do mundo. Exprésome con palabras, e tamén con silencios. Por iso estiven calada durante seis anos e regresei con Camuflaxe. O título fai referencia a que dalgún xeito, as persoas mortas están, permanecen camufladas dentro das persoas vivas. Os mortos viven con nós, camiñan con nós, fálannos e están moi presentes, moi brillantes.

"Os mortos viven con nós, camiñan con nós, fálannos e están moi presentes, moi brillantes"

Tamén os vivos estamos camuflados dentro dos mortos. Creo que a cultura galega, e tamén a lingua, viven un pouco escondidas, camufladas. Manolo Martínez é un deseñador extraordinario. Tratou este fillo-libro meu con moitísimo agarimo e deixoume participar activamente no proceso de deseño. Ao final do libro quixemos poñer unha pequena foto, un pequeno detalle das mans fortes, grandes, da miña bisavoa.

"Creo que a cultura galega, e tamén a lingua, viven un pouco escondidas, camufladas"

Esas mans que agochan todo un mundo, toda unha liturxia, e que dalgún xeito escriben, paren e reescriben o libro da súa bisneta. As nosas devanceiras, aínda que sexan analfabetas, escriben poemas nos que a terra ule como algo limpo, algo que vale a pena gardar, rescatar e salvar. As súas mans seguen sachando na escuridade, e nós como herdeiras só temos que deixarnos levar...

Contaches na presentación do libro compartida con Emma Pedreira, tras anunciarse os Premios da Crítica, que non podías crelo porque pensabas que “un premio tan lindo nunca podería chegar ás miñas mans”. E relacionábalo, quizais, co que dicías despois, que sempre foras unha “escritora controvertida na paisaxe cerrada da literatura galega”. Por que pensabas que era un premio inalcanzable?

Nos últimos anos vivín unha situación de desamparo e certo desánimo. Pensaba, e aínda sigo pensando, que o que me gustaría facer é abandonar a miña carreira literaria. O editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo, tivo que petar con moita forza na miña gorxa, para que eu decidise botar fóra o que levaba dentro. Non teño esas ganas de publicar libros que tiña cando era nova. Non teño ese estrés.

"Penso que os xurados dos premios literarios galegos non apostan moito pola miña poesía, quizais porque sae das marxes"

Tamén penso que os xurados dos premios literarios galegos non apostan moito pola miña poesía, quizais porque se sae das marxes, e porque para algunha xente o que eu fago está moi mal visto, mal considerado. Afortunadamente, tamén teño lectores que me queren e se entregan ás miñas palabras con ese amor absoluto que está escrito e gravado no meu sangue. Ter lectores é como ter moitos amores. É marabilloso.

"Sigo desanimada e con ganas de desaparecer da vida pública, pero nunca deixarei de escribir"

Agradecín moitísimo o Premio da Crítica pois resultou docemente balsámico para min, para impulsar o vento que baila como un volcán de risas nas miñas palabras. Agora escribo co impulso dun amor máis profundo. Recibín nestes días moitísimas mostras de cariño, moitas felicitacións, moitos agasallos, moitas cartas. Sorprendeume moito todo ese mar cálido que veu para pousarse no meu corazón, e para darme azos, folgos, forzas. Sigo desanimada e con ganas de desaparecer da vida pública, pero nunca deixarei de escribir, pois é unha respiración necesaria.

Cara ao final de Camuflaxe hai un diálogo no que “A escritora” lle di a “Emilio do Ferrador”: “Escribo da desaparición da nosa aldea de Fisteus, dos idiomas marabillosos da nosa xente e dos nosos cabalos”. E logo: “Constrúo a arma dos pobres”. Ao ler isto, pensei que podía ser un bo resumo do que é Camuflaxe. E toda a túa obra. Por que Camuflaxe é un xeito de construír “a arma dos pobres”?

Cando vou camiñar pola miña aldea, sempre me sucede unha cousa que a min me parece totalmente máxica, sorprendente e embriagadora. Acórdome moito dos escritores John Berger, e Neira Vilas, dos seus libros e das fermosísimas cartas que eles me escribían. Acórdome moito do meu amigo e veciño, o velliño Emilio do Ferrador, que tiña máis de 90 anos cando morreu, e que sempre camiñaba e falaba comigo.

"Acórdome moito dos escritores John Berger, e Neira Vilas, dos seus libros e das fermosísimas cartas que eles me escribían"

Era como o meu corresponsal. Encantábame atopalo. El facíame preguntas. Eu preguntáballe cousas e facíalle fotos. Cando camiño na miña aldea, e busco os camiños interiores, as carballeiras profundas, as corredoiras preciosas e estreitas, sucede sempre que me namoro... Namórome moitísimo da miña aldea. Brincan os paxaros dentro de min. Creo que é como un don que teño. Son persoa moi namoradeira e moi cantareira.

"Para min camiñar é unha forma de recoller, buscar, procurar a Memoria"

Sucédeme cos lugares, e tamén coas persoas. Para min camiñar é unha forma de recoller, buscar, procurar a Memoria... O resplandor dos recordos é un faro brillante que emociona como imán, e que nunha sociedade tan "desmemoriada" como a nosa, funciona marabillosamente como unha arma. A Memoria magnetiza e ofrécenos luz, esperanza, camiños abertos.

Na mesma presentación do libro tras o Premio da Crítica -o texto está recollido no blog de Ramón Nicolás- dicías que escribir os versos “preñados de silencio e maxia telúrica” de Camuflaxe, ao tempo que observabas a túa aldea, che levou uns dez anos. Despois, coa perda da túa nai, “naceu un lume moi grande no monte”. Eu lin este libro como unha -fondísima- declaración de amor á túa nai e a Fisteus. Definiríalo así?

Si, eu tiña un vínculo emocional moi poderoso e profundo coa miña nai e tamén teño moitísimo arraigo na terra. Ao facerme maior sinto que a terra chama por min, que necesito regresar á miña orixe, ás raíces. Camuflaxe é un libro escrito coas entrañas. Cando morreu miña nai, o 20 de xaneiro de 2013, era unha noite fría de domingo, e naceu un lume moi grande no monte. Foi como unha explosión de vida, de enerxía, de parto doloroso.

"Ao facerme maior sinto que a terra chama por min, que necesito regresar á miña orixe, ás raíces"

Creo que a morte non é unha rendición, nin unha dimisión. Non é algo pasivo nin "morto", pois serve para reactivar a memoria das persoas que quedan vivas. Creo que a morte é un lugar de acción. Había moita neve cubrindo toda a aldea cando enterramos a miña nai, e eu lembrei aqueles versos tan limpos de Novoneyra: "Neva pra atenuar o mundo".

"Sentín que a miña voz era máis forte, máis fráxil e máis íntima que nunca. A morte é un lugar comprensivo"

Puiden falar e recitar en galego, na misa do funeral, e para min foi un momento extraordinario. Quérolle moito á nosa deliciosa igrexa románica de Fisteus, pois creo que é un lugar precioso para despedirse para sempre dunha nai, rodeadas e arroupadísimas pola xente da nosa aldea. Naquel íntimo e pequeno recital, naceu, estoupou, vibrou toda a semente poética de Camuflaxe. Sentín que a miña voz era máis forte, máis fráxil e máis íntima que nunca. A morte é un lugar comprensivo.

En Enerxía secreta, a que poderiamos considerar a primeira parte do libro Camuflaxe, a voz poética fala coa nai: “Paríchesme e a luz/ inundoume a cara”. Fala do nacemento, dos primeiros anos da infancia e da familia: a nai, o pai, o avó… As figuras familiares xa estaban moi presentes nas túas obras anteriores: por exemplo, Fisteus era un mundo’, Pornografía ou Quero bailar. Que é a familia en Camuflaxe en comparación con Fisteus era un mundo? Como se relacionan familia e liberdade?

En Fisteus era un mundo aparece tamén esa descrición dunha infancia moi vital, en estreita relación coa natureza, sempre como se a miña aldea fose un planeta moi "eléctrico". Creo que Camuflaxe é un libro máis duro, máis amargo, e tamén máis sereno, máis decantado, pois percorre toda unha vida, e observa xa a nai que se vai facendo anciá, e eu xa non son unha "nena" tan inocente e tan despreocupada. Pois a vida vai mancando, vai marcando e vai ferindo, silenciosamente, pouco a pouco, como os ratos que roen toda a noite nas nosas roupas, mentres nós tentamos coller o sono.

"Creo que Camuflaxe é un libro máis duro, máis amargo, e tamén máis sereno, máis decantado, pois percorre toda unha vida"

Fisteus era un mundo foi escrito aos 28 anos e tiña un ton máis celebratorio, máis infantil e xuvenil. En Camuflaxe aparece a elexía, a necesidade de deixar testemuña da agonía, do final dun ciclo, da extinción. Non resulta fácil acompañar á nai moribunda, e axudarlle a morrer, acompañala neses días últimos. Creo que a familia pode atarnos, cegarnos, doernos, limitar as nosas posibilidades de liberdade, pero estou segura tamén de que a familia é un porto de abrigo, unha retagarda necesaria, un lugar onde cantan todas as aves como se tiveran música de violín dentro dos seus ollos.

"Para min a familia segue sendo como unha corte de vacas, co ruído das falas, o amor do toxo, o calor da bosta"

Na nosa casa vella, lembro que as vacas convivían coas persoas en perfecta harmonía, e para min a familia segue sendo como unha corte de vacas, co ruído das falas, o amor do toxo, o calor da bosta. Recordo cando todos os días estrabamos a corte das vacas para que elas tivesen toxo limpiño debaixo dos seus pés, para que se sentisen cómodas como nun palacio. A corte das vacas era como a nosa sala de estar. Non tiña alfombras nin sofás, pero para min era un niño moi amoroso. Era tamén un lugar onde a miña imaxinación voaba por enriba das nubes, por debaixo do mar e da terra. Alí nacían os becerros e muxiamos os tetos das vacas para que nos desen leite, o alimento sincero das nosas vidas.

"A corte das vacas era como a nosa sala de estar. Non tiña alfombras nin sofás, pero para min era un niño moi amoroso"

"Ti non tiñas soños/ porque as mulleres da aldea non soñan./ O atraso económico de Galicia/ era unha forma de vangarda artística”, di un dos poemas. Máis adiante, outro di: (referíndose á nai): “O teu mundo non existía nos mapas./ As túas entrañas eran totalmente secundarias/ invisibles”. As entrañas dunha muller que traballaba, colorada, sen parar, que choraba sen bágoas e falaba, diante do médico, sen palabras. A crítica ten salientado moito o xeito no que a túa obra achega unha mirada crítica sobre o rol e o status das mulleres no rural (e non só no rural). Que pode haber diso en Camuflaxe?

Coa miña poesía tento facer unha homenaxe a miña nai e a todas as mulleres rurais, pois pasan como desapercibidas, traballan moito. Esas mulleres teñen a terra dentro das súas unllas, nas súas fazulas, nos seus ollos, no seu sangue. Eu véxoas moi curtidas, moi forxadas pola vida, como se fosen moi duras e moi fráxiles, con moita forza bruta e con moita tenrura.

"Camuflaxe quere ser unha reivindicación da dignidade das mulleres rurais como seres humanos"

Gústame falar delas con delicadeza lírica, e ao mesmo tempo expresar a dureza e a intemperie das súas vidas. Camuflaxe quere ser unha reivindicación da súa dignidade como seres humanos. É como se eu vivise camuflada dentro da miña nai, e aínda que viva na cidade de Santiago, sigo considerándome muller rural, nun sentido que non nos fai máis pobres, máis locais, nin coas nosas mentes "cerradas", senón que nos fai universais e que nos libera. Son as mulleres da Montaña. Son duras pedras, son patacas novas da semente. Sen elas o océano non tería sentido, nin bailarían as estrelas no ceo, nin teríamos prados de herba verde.

En As fontes salvaxes do paraíso está moi presente a imaxe da nai que fai queixos, quedando ás veces durmida, nunha aldea que “brillaba, como unha guerrilleira/ do Vietcong”. Neste libro, a aldea brilla, a nai semella feliz “nun mundo moi pequeno”, os nenos corren e bailan libres e todos son como artistas de happening nun “inmenso campo de maínzo”. Hai moita luz, moita enerxía e, sobre todo, moita vida. Tense discutido moito sobre o suposto “ruralismo” dos teus versos. Mais non creo que haxa -e neste libro tampouco- mitificación ou idealización da aldea.

Non pretendo nin quero mitificar a aldea, pois é un mundo interior, moi pechado, no que a vida en comunidade chega a ser asfixiante ás veces, como sucede tamén en outros ámbitos non rurais. Pero si que teño a intención de darlle importancia e valor a ese mundo que non se considera valioso. Co cura Víctor Naveira teño feito moitas pequeniñas charlas alí na igrexa para os meus veciños, e para nós era totalmente máxico, porque eu sempre lles dicía cousas bonitas, para elevar a súa autoestima, para ensalzalos.

"Co cura Víctor Naveira teño feito moitas pequeniñas charlas alí na igrexa para os meus veciños, e para nós era totalmente máxico"

Eles poñíanse contentos e dicíanme: "Gracias porque sempre nos das un impulso cara adiante". Non me sinto nada identificada coa definición de "ruralismo". Prefiro traspasar as fronteiras, deixar que o mundo voe, considerarnos todos artistas nun inmenso campo de maínzo. Esa aldea que brilla como unha guerrilleira do Vietcong é un lugar moi combativo.

"Esa aldea que brilla como unha guerrilleira do Vietcong é un lugar moi combativo"

Faime lembrar o poema "Vietnam Canto" de Novoneyra, no que el escribía: "dá vergonza estar vivo e ver a primavera/ cando remata un pobo?/ un pobo nace sempre/ non remata nunca". Non creo que Galicia sexa un pobo morto, submiso e calado. Creo que somos unha nación loitadora, enérxica, vital, cunha electricidade única, diferente. Son esas luces do Norte que enchen os camiños da terra pola mañá...

"Non creo que Galicia sexa un pobo morto, submiso e calado. Creo que somos unha nación loitadora, enérxica, vital, cunha electricidade única, diferente"

Un dos poemas de O límite de Galicia fala de Galicia nestes termos: “Os nosos montes nunca serán paisaxes”./ “Nas cortes das vacas non hai dicionarios nin gramáticas”. Noutro poema de Camuflaxe fálase dunha casa sen biblioteca, sen libros de texto. En Poesía fea dicías: “Son unha nena nunha casa sen biblioteca. Non me criei nun ambiente intelectual. Crieime na merda”. E en Os teus dedos na miña braga con regra, “Quería ver poesía/ chea de merda/ e fun esa poeta maldita/ chea de merda”. Por que segues a sentir necesidade, dalgunha maneira, de salientar iso?

A min gústame moito facer memoria e recordar cousas que parecen mortas, camufladas, e que cando volven de novo ao meu pensamento, son como sorpresas que me iluminan totalmente. Para min os recordos son como revelacións poéticas. Son chispazos ilusionantes.  Recordo que miña nai e mais eu iamos ás feiras de Curtis, os días 9 e 23 de cada mes, e facíamos as nosas compras necesarias para vivir, resistir. Eran para min ocasións moi luminosas para sentirme como unha amiga moi íntima da miña nai, e tamén para falar coa xente, e rir, soñar, pasear pola feira adiante.

"A min gústame moito facer memoria e recordar cousas que parecen mortas, camufladas"

Recordo que sempre comprabamos o meu material escolar na droguería. Os libros de texto, os lapis, as gomas de borrar, os bolígrafos Bic, as pinturas Alpino, as libretas... todo aquilo que a min tanto me gustaba, aparecía mesturado co xabrón de lavar a roupa, co champú, coas colonias e con todas esas cousas tan limpas, tan brillantes, con tan bos arrecendos. Para min unha droguería segue sendo agora como un templo do coñecemento, da sabedoría, da superación persoal.

"Non tiven unha formación artística, nin clases de música nin de danza. Pero aproveitei moi ben os recursos que estaban á miña disposición"

Eu era moi aplicada, estudosa. Sacaba sobresaíntes en todas as materias. Esforzábame moitísimo e era totalmente constante. A miña paixón era estudar, aprender. Nunca deixei de ser así. Conservo intacta aquela emoción de entrar na droguería coa miña nai e comprar un libro. Unha simple libreta era unha auténtica marabilla. Non me criei nun ambiente de persoas intelectuais, con bibliotecas estupendas ás que eu puidese acceder. Non tiven unha formación artística, nin clases de música nin de danza. Pero aproveitei moi ben os recursos que estaban á miña disposición.

“A Lingua resiste no estómago dun agricultor morto”, di Camuflaxe, que contén varias alusións á lingua e ao idioma. Consulto a voz “Lingua” no dicionario sobre a túa poética que fixo Arturo Casas en Lupe Gómez: libre e estranxeira e pon: “O tacto por dentro”. Que é a lingua en Camuflaxe?

Para min o tacto é importantísimo. Teño sempre ese costume de querer tocar todo e acariciar todo coas mans. É como un xeito de manterme viva, namorada e apegada á realidade. Fóra dos mundos dixitais, das redes sociais. Cerca da pel da xente, escoitando as palabras das outras persoas. Se hai algo que lle dá moitísima coherencia a toda a miña obra, pois é algo que estivo presente desde os meus inicios e que nunca desapareceu nin minguou, foi e segue sendo o meu amor grandísimo á Lingua.

"Se hai algo que lle dá moitísima coherencia a toda a miña obra, foi e segue sendo o meu amor grandísimo á Lingua"

Cada día novo, quérolle máis, moito máis, cun amor inmenso. Se escoito a alguén falar galego, sinto como un benestar moi grande na miña pel. É como unha curación dermatolóxica. Faime moito ben. O estómago do agricultor morto segue vivo e camuflado, falando galego, dentro doutros estómagos de persoas, homes, mulleres, nenos e nenas que viven con nós na cidade, no mar, nas aldeas, nas vilas, nos avións, nos mapas, nas escolas, nos bosques....

"Nunca esquecerei quela voz, a do meu pai, que nunca berraba nin se enfadaba e que me trataba como se eu fose unha nena poeta"

Se me falan en galego, namórome moito e síntome moi viva. Recordo que ao agricultor morto, que era o meu pai Ramón, brillábanlle moito os ollos. Tiña uns ollos preciosos, poéticos, marróns, brillantes. Eu nunca esquecerei a súa fala galega, o brillo da súa mirada, a súa voz. Aquela voz que nunca berraba nin se enfadaba e que me trataba como se eu fose unha nena poeta. Aquel pai que cantaba longuísimos romances cando iamos xuntos coas vacas, cando quentaba o sol... Era pouco falador, e ao mesmo tempo tiña o grandísimo don da palabra e da música. Unha noite soñei que el me regalaba un papel branco no que aparecía escrita a letra dunha canción. Aquel pai cantareiro segue camuflado en min...

As vacas están presentes, por suposto, en Camuflaxe, como en toda a túa obra. Dicías en ‘Fisteus era un mundo’ que as vacas son a radiografía da nosa identidade. En Camuflaxe, “Os ollos das vacas están cheos de fundamento”. Por que teñen tanta importancia as vacas nos teus libros e que son en Camuflaxe?

As vacas son como deusas budistas. Son a miña crenza máis fiel e profunda. Son as miñas mestras. E ao mesmo tempo eu son a súa pastora e teño que coidalas todas as tardes. Representan para min a Beleza Artística, a contemplación mística. Son como modelos de comportamento, pois sempre demostran ter moita paciencia, moita educación e moito saber estar. Elas pacen herba, e eu escribo e miro para elas e para o ceo. O tempo detense, dilátase, medra, faise infinito.

"As vacas son como deusas budistas. Son a miña crenza máis fiel e profunda. Son as miñas mestras"

Eu creo nesa relixión das vacas, e de tanto estar con elas, coidándoas, síntome vaca moitas veces. Elas miran para min e séntense como escritoras. As chousas, as camposas, os prados son como cadros de artistas moi refinados. Os ollos das vacas son refuxios dos que nunca sinto necesidade de escapar. Falar con elas, e tamén cos cabalos, é un gusto grandísimo. Representan a concordia, o trato cordial, o bo entendemento. Para min as vacas son grandes comunicadoras.

"Os ollos das vacas son refuxios dos que nunca sinto necesidade de escapar. Falar con elas, e tamén cos cabalos, é un gusto grandísimo"

Pasaron xa moitos anos, desde aquelas afastadas tardes da infancia, nas que eu tiña ese traballo, esa ocupación de pastorear. Pero é curioso, porque agora, aínda que viva na cidade lonxe deses animais amados, todas as tardes teño a sensación interior de estar rodeada de vacas. Se estou traballando, lendo os xornais, nunha cafetería, eu imaxino que as persoas que me rodean son vacas, e a miña obriga máis profunda nesta existencia é mirar para elas,  coidalas, tornalas, afalalas, facerlles compañía para que se sintan ben e a gusto, sen estrés nin dor, e para que así dean bo leite.

Lupe Gómez: libre e estranxeira, publicado no 2013, é un ensaio moi importante para comprender a túa obra. Dixeches na presentación de Camuflaxe que este libro che fixera “ser máis consciente de min mesma, máis responsable, máis adulta e lúcida”. Por que?

Xunto coa morte da miña nai, ese ensaio marca un límite, un antes e un despois na miña vida. É un estudo da miña obra feito con moito cariño, moito rigor e moita fondura. Non o releo moito, non volvo sobre el, pero si é certo que fortaleceu moitísimo a miña creación, o meu discurso literario. Como se me fixera maior, e deixara atrás outra etapa de xuventude.

"Creo que agora son máis responsable das miñas propias palabras, e moito máis coidadosa, máis esixente comigo mesma"

Creo que agora son máis responsable das miñas propias palabras, e moito máis coidadosa, máis esixente comigo mesma. Os poemas da mocidade eran como arrebatos, descargas eléctricas, e non facía moita revisión dos textos nin moita reescritura. Agora encántame deixar descansar as palabras, e que pase o tempo sobre elas, e que vaian atopando o seu pouso, a súa verdadeira medida, o seu peso, a súa madurez, a súa transparencia.

Neste mesmo libro, Ana Bela Simoes de Almeida e Burghard Baltrusch vén na túa poética un ritual “(neo)surrealista”, “libertario” e “existencialista”. Identifícaste con esta definición? Por que?

Si, identifícome plenamente. Encántame o surrealismo para rir e sorprender, para comprender a vida, para mirar todo a través dun cristal absurdo, para regalar versos, aire e auga vital das fontes. Síntome existencialista porque me gusta filosofar, pensar, cavar, profundar cada vez máis na terra e no abismo.

"Síntome existencialista porque me gusta filosofar, pensar, cavar, profundar cada vez máis na terra e no abismo"

Son libertaria pois síntome identificada con aqueles versos estupendos de Rosalía de Castro, nos que ela dicía: "Dende aquí vexo un camiño/ que non sei adónde vai;/ polo mismo que n´o sei,/ quixera o poder andar." Gústame esa aventura de estar sempre buscando novas fórmulas para a escrita. Ás veces en Fisteus déixome levar por camiños interiores que non sei a onde van, e polos que eu nunca camiñei. Resultan sempre sorprendentes, aínda que sexan camiños moi vellos, moi antigos.

A nai lava roupa azul na auga verde en Camuflaxe. Aínda que este é un libro se cadra máis vermello -como a sangue- e amarelo -coma a luz ou o ouro- que azul. Nun dos teus libros reivindícaste Azul e estranxeira. Por que? É o azul a cor da felicidade, da alegría?

Teño unha ilusión grande cando miro e admiro as cores do mundo, como se fose aínda algo infantil. Desfrutei moito coa lectura da obra Do espiritual na arte de Kandinsky. Nese libro o autor di que "o son do azul nunha forma profunda e solemne pode compararse ao do órgano". Relaciono moito as cores coa música, coa arte, coa liberdade, coa alegría de vivir. Non vexo a vida gris, nin branca e negra, senón como unha explosión divertida de cores luminosas.

"Non vexo a vida gris, nin branca e negra, senón como unha explosión divertida de cores luminosas"

Para min o azul é nostalxia de violín, amor de elefante, océano orgulloso, país estranxeiro. O azul é a carta dun amigo, e tamén a roupa dun bebé. É moitas cousas para min. Sobre todo, sinto paz cando miro unha cousa azul. Estes días de verán escribo nun caderno azul que me regalou un admirador. O vermello é o sangue, o vitalismo, a forza, a paixón de cantar. A luz do ouro é esa xoia, ese ser querido, esa nai que resulta valiosa. Cando perdemos á nai, a súa memoria faise fondísima como unha lámpada moi brillante e branca.

De Levantar as tetas di Arturo Casas en Lupe Gómez: libre e estranxeira que pode ser un libro máis performativo, máis “político”, máis “dirixido ás mulleres atravesadas por unha patria”. Estás de acordo? En que sentido é político Camuflaxe? Por que a lareira é política?

Si, creo que Levantar as tetas, xa desde o seu título, é un libro moi desafiante, moi atrevido, e ao mesmo tempo é tamén un libro moi espido, moi sentido, moi fráxil. Con todos os meus libros quixen sincerarme como muller, como poeta, pero respectándome a min mesma e aos outros. A miña intención nunca foi ferir sensibilidades. Sempre busquei espazos abertos, aire puro, ceos abertos, lugares democráticos.

Agora cando miro para atrás e lembro libros como Pornografía ou Os teus dedos na miña braga con regra, recórdoos con moitísima tenrura e moito amor. Creo que Camuflaxe é político porque expresa unha emoción moi forte. A tensión grandísima que queda pousada na filla cando perde a súa nai. Creo que a perda, a dor, sempre teñen un trasfondo político. Sempre me gustou aquel agudo verso de Novoneyra: "Inda a bágoa máis pura máis sen dirección acusa ó poder". Camuflaxe tamén é político porque berra, denuncia e protesta contra a extinción dun mundo, dunha cultura. Quere deixar constancia desa agonía...

"Camuflaxe tamén é político porque berra, denuncia e protesta contra a extinción dun mundo, dunha cultura. Quere deixar constancia desa agonía"

Cando teño problemas, dores, pesares profundos, o meu grandísimo amigo Emilio Araúxo sempre me recomenda que transforme todas esas tristezas en poesía. Creo que a lírica pode ser un poderoso artefacto para expresar sentimentos inexpresables. A lareira é un lugar de xuntanza, de conversa silenciosa, de pensamento e de solidariedade... Eu recordo ter pasado moito tempo na lareira, sentada no tallo, e deixándome levar polo lume, pola lapa, polas charamuscas. A lareira é un lugar político porque o pensamento, e a meditación, son formas de activismo.

"A lareira é un lugar político porque o pensamento, e a meditación, son formas de activismo"

Algo máis que queiras comentar sobre outros proxectos? Contábasme que estás coa edición de Pornografía en español, de Camuflaxe en español e inglés, que estabas a preparar un epistolario con Alvarellos ou a reedición de Fisteus era un mundo, ademais dun novo poemario. Queres falar un pouco de cada un destes proxectos?

Son proxectos moi ilusionantes, e direiche unhas breves pinceladas sobre cada un deles. Pornografía vai saír publicado na editorial segoviana La uÑa RoTa. A súa tradución ao español fíxoa a poeta e amiga Luz Pichel, con grandísimo esmero e grandísima delicadeza. Camuflaxe tamén vai saír en español, traducido por Antón Lopo, na editorial madrileña Papeles Mínimos. As poetas e os poetas españois pídenme insistentemente este libro meu. Queren ter a miña poesía en castelán, e poder celebrala, divulgala, compartila, espallala.

"Camuflaxe tamén vai saír en inglés, traducido por Erín Moure. Conta cun editor de Estados Unidos que está totalmente entusiasmado"

Camuflaxe tamén vai saír en inglés, traducido por Erín Moure. Conta cun editor de Estados Unidos que está totalmente entusiasmado e xa quere publicalo para principios do 2019. Teño ganas de publicar o meu epistolario Fosforescencias coa editorial Alvarellos, pois a carta é o meu xénero preferido, e dalgún xeito representa a raíz fundamental de toda a miña obra literaria. Son cartas escritas nos anos 2011 e 2012. Recollen un tempo de moitas decepcións e tamén de mudanzas, esperanza e conversas moi emotivas.

"A carta é o meu xénero preferido, e dalgún xeito representa a raíz fundamental de toda a miña obra literaria"

Aparecen cartas de amigos meus como Antonio Gamoneda, Neira Vilas ou Xohana Torres. Con Chan da Pólvora temos en proxecto facer a reedición de Fisteus era un mundo, incorporando unhas fotografías que fixen a xente velliña da miña aldea nos anos 90, cando eu estudaba Periodismo. Teño rematado un poemario inspirado nos cantares do meu amigo Amancio Prada. É como unha carta de amor para el e para a cidade de Santiago de Compostela. Teño tamén inédito un libro de contos moi surrealistas, nos que falo de Fisteus e do meu barrio Basquiños de Santiago. Revisei, corrixín e reescribín este libro coa fértil axuda da miña amiga Anxos Sumai. Nunca deixo de escribir, bailar e vivir.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.