0 Gardados para despois

“A propia existencia do Consello da Cultura Galega é a proba de que hai que mellorar a situación”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Rosario Álvarez, catedrática de Filoloxía Galega, é desde esta semana a nova presidenta do Consello da Cultura Galega, sucedendo a Ramón Villares. Este xoves presentou o seu equipo directivo, formado polo catedrático de Historia Contemporánea Xosé Manoel Núñez Seixas como vicepresidente, a profesora de Literatura Galega Dolores Vilavedra como secretaria e a xornalista María Xosé Porteiro como vogal.

Rosario Álvarez, nova presidenta, advirte de que a institución, malia ser estatutaria, “non debe substituír a acción de goberno” senón limitarse a asesorar e analizar as políticas públicas e a situación existente

Na súa comparecencia ante os medios e comunicación Álvarez salientou que a propia existencia do Consello “é a proba evidente de que hai que mellorar” a situación da cultura galega, pero tamén matizou que “non estamos falando dun cadáver”. A cultura, cuantificou, supón o 2% do PIB de Galicia e o 3% da forza laboral. “Non temos neste momento ningún incendio enriba da mesa”, dixo tamén Álvarez, preguntada pola posibilidade de que o Consello de pronuncie de xeito inmediato sobre algunha cuestión de actualidade.

Álvarez apuntou como novos “retos e horizontes” do Consello a necesidade de atender ao cambio do “concepto de cultura” co novo paradigma dixital e chegar á “Galicia global”. Nesa liña, apuntou a necesidade de que o Consello teña en conta as novas relacións do público cos creadores, hábitos e sistemas de difusión do mundo dixital, unha “oportunidade que antes non tiñamos”, dixo. Preguntada polas posibles actuacións do Consello ante a penalización que o galego ten en determinadas redes sociais ou buscadores de internet, Álvarez limitouse a apuntar a posibilidade de que o Consello estude a cuestión e a debata e formule suxestións ás autoridades políticas. “Non debemos substituír a acción de goberno”, dixo.

Álvarez apuntou como novos “retos e horizontes” do Consello a necesidade de atender ao cambio do “concepto de cultura” co novo paradigma dixital e chegar á “Galicia global”

Álvarez tamén foi preguntada polo feito de que Galicia sexa a única das tres nacionalidades históricas que non conta cunha consellería dedicada de xeito exclusivo á cultura, senón actualmente tamén á educación e a ordenación universitaria. “Debemos xulgar os feitos e non as etiquetas”, respondeu Álvarez. En todo caso, e malia as súas reticencias a realizar valoracións que puideran entenderse como posicionamentos políticos, a presidenta do Consello admitiu que “todas esas peticións”, en relación a esas e outras críticas realizadas desde diversos ámbitos sobre a situación da cultura galega, fan “evidente que algo pasa”.

No seu discurso, Álvarez tamén apuntou a necesidade de ter en conta que a cultura galega non é só humanística senón tamén tecnolóxico-científica. Canto ás áreas xeográficas de actuación, apostou por unha internacionalización da cultura galega dirixida a catro ámbitos: os lugares da emigración e o exilio galegos, pero non só os históricos senón tamén os da mocidade actual, e tentando chegar ao conxunto desas sociedades, non só aos galegos; os países de lingua portuguesa; o ámbito europeísta da cultura galega; e incidiu especialmente en ter máis en conta “a posición atlántica e a cultura marítima”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.