0 Gardados para despois

Do Mapa de Fontán a unha recreación 3D. Xa podemos ver a desaparecida 'Torre de Quitapesares'

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Observando con detemento a Carta Xeométrica de Domingo Fontán, na zona de Pantón, podemos ver a referencia a unha Torre de Quitapesares, hoxe desaparecida. Ese foi o punto de partida. Integrantes da asociación Segredos de Pantón, da localidade comezaron a investigar sobre este monumento, do que tamén falaba Xesús Ferro Couselo no seu traballo La torre de Quitapesares y el duque de Arjona.

A torre fora construída por orde do Duque de Arjona, Fadrique Enríquez, moi coñecido pola súa gran afección á caza, que escolleu un lugar entre os ríos Sil e Miño e nun paso do Camiño Real. Desaparecida a edificación, non había acordo sobre a súa localización exacta, situándoa algunhas fontes na aldea do Cotillón, na parroquia de Acedre. Porén, os documentos históricos deixaban claro que o lugar no que se asentaba era a actual aldea de Torre de Vilamirón, destacan dende Segredos de Pantón.

O artigo de Ferro Couselo facía referencia á existencia duns planos de comezos do século XVII que amosaban o aspecto orixinal da Torre de Quitapesares e que se conservaban no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Lucas Vázquez, integrante da asociación Segredos de Pantón, mergullouse no arquivo e alí atopou os planos, que reproducían fielmente a fachada e o primeiro andar do edificio.

Posteriormente, deseñou unha recreación en 3D da Torre, tanto do seu exterior coma da súa distribución interior, engadíndolle ademais unha forxa adxacente, que documentaban algúns textos históricos. As imaxes permítennos facernos unha idea do aspecto que presentaba este monumento, do que hoxe non queda resto ningún. 

"Gustaríame que esta investigación non fique en algo puntual, senón que sería bo levala algo máis aló e recuperar unha parte da historia antiga de Pantón e da Ribeira Sacra", destaca Lucas Vázquez, que suxire que "na aldea de Torre de Vilamirón podería instalarse un panel informativo dando conta da historia da torre e coas imaxes do aspecto que tiña o monumento". "Ou, por exemplo, poderíanse organizar visitar teatralizadas pola zona nas que se poden dar conta das varias historias e lendas ligadas á súa construción", propón.

 

As probas da súa localización

"Gustaríame que esta investigación non fique en algo puntual, senón que sería bo levala algo máis aló e recuperar unha parte da historia antiga de Pantón e da Ribeira Sacra"

"Había certa controversia sobre a súa localización exacta, pero nós achegamos probas máis que suficientes suficientes para demostrar que se atoparía aí", explica Lucas Vázquez. A primeira sería a propia Carta Xeométrica de Fontán, que de forma bastante exacta (tendo en conta a escala do mapa) sitúa a torre no lugar que hoxe ocupa a aldea de Torre de Vilamirón. A segunda proba sería o propio nome da aldea, que se debe á existencia durante séculos da torre. A toponimia do lugar achega algunhas pistas máis, por exemplo a existencia alí dun lugar denominado Suatorre (debaixo da torre) e ademais os topónimos Forca e Chaira da Forca "en alusión a unha construción para executar os condenados a morte" que tamén estivo instalada a carón da torre.

As referencias documentais deixan moi clara que a torre se construíu a carón do Camiño Real de Ourense a Lugo (hoxe LU-P-4104), moi preto do lugar onte o Sil aflúe no Miño e, ademais, situado no couto de Pombeiro. Segredos de Pantón explican que o lugar do Cotillón (unha posible localización para a Torre, aceptada por algunhas fontes "non estaba comprendido no couto de Pombeiro, no que si entraba a aldea de Torre de Vilamirón. Finalmente, a entidade refire a existencia na tradición oral desta aldea de lendas que fan referencia á construción da torre, explicando que o nome de Quitapesares procedía dun suceso no que "unha Raíña de España perdera o seu fillo e puxérase a buscalo, atopándoo aquí, mandando construír logo a torre".

 

Referencias documentais á torre dende o Século XV

Fadrique Enríquez era fillo de Pedro Enríquez de Castela, conde de Trastámara, e de Isabel de Castro, e herdou os condados de Trastámara e Lemos e o señorío de Sarria. Tras apoiar os infantes aragoneses contra Juan II de Castela foi encarcerado no Castelo de Penafiel, onde morreu. Ferro Couselo escribe sobre o Duque de Arjona que "era o maior monteiro e cazador que houbo en Castela", o que xustificaría a escolla para o emprazamento da Torre: "En terra de Lemos abundaba daquela a caza. Cervos, xabaríns e veados chegaban ás beiras do Miño e mais do Sil. Ningún lugar máis adecuado para establecer unha casa de montería que nun monte preto deses dous ríos. Non lle importaba que aquelas terras pertencesen ao mosteiro de Pombeiro, pois como comendeiro el era de feito dono daquela xurisdicción. 

"No século XVII había xa unhas oito casas, construídas seguramente a expensas da mesma torre", escribe Ferro Couselo

A edificación data da primeira metade do século XV e xa nun documento datado o 6 de xaneiro de 1480 faise referencia por primeira vez ao lugar de Quitapesares, residindo aquí Álvaro Fernández e a súa muller Constanza Fernández. A comezos do século XVI a torre atopábase xa en completo abandono, momento no que nun documento se refire o aforamento de Alonso Pérez de Quitapesares e da súa muller Tareixa Álvarez. Relata Ferro Couselo que "o seu fillo, Alonso Pérez da Torre, desfixo aquela casa e edificou unhas catro máis para el e para os seus fillos". "No século XVII había xa unhas oito casas, construídas seguramente a expensas da mesma torre", engade Ferro Couselo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.