0 Gardados para despois

The Pretenders, Belle and Sebastian e Viva Suecia encabezan o Noroeste, con 80 concertos en 14 escenarios

Redacción | @prazapublica

80 concertos. 14 escenarios. 1 cidade. Este xoves presentouse a 32ª edición do Festival Noroeste, que do 7 ao 12 de agosto encherá de música as rúas, prazas e areais da Coruña. Aos nomes que xa foran adiantados (Belle and Sebastian, María Arnal, Christina Rosenvinge, Neneh Cherry, Nathy Peluso, Rocío Márquez, Laetitia Sadier, Dorian Wood, Za!, Ana Curra...) únense os de The Pretenders, con Chrissy Hynde á cabeza, Temples ou Viva Suecia, que actuarán na praia de Riazor, ou os de Maika Makovski, Tulsa ou Los Nastys, que se distribuirán polas moitas localizacións programadas. O Noroeste repite filosofía: un festival estendido por toda a cidade, concertos gratuítos, e combinación de nomes consagrados e novas formacións. Ademais, nesta ocasión destaca o gran número de voces femininas e bandas lideradas por mulleres, que dominan o cartel. Pódese consultar toda a programación e horarios neste enlace.

O venres 10 e o sábado 11 chegarán os xa tradicionais concertos na praia, protagonizados nesta ocasión por Belle and Sebastian, The Pretenders, Viva Suecia e Temples. Porén, a música comezará o martes 7. Todos os concertos serán de balde, agás os de Neneh Cherry, María del Mar Bonet e James Holden & The Animal Spirits, que terán lugar no Teatro Colón e no Teatro Rosalía de Castro. Ademais, destacan as actuacións (gratuítas previa recollida de invitación) que acollerá un ano máis o incomparable escenario do Castelo de San Antón: Rocío Márquez, Dona Rosa e María Arnal i Marcel Bagés. 

Haberá tamén concertos no Bulevar do Papagaio, o Campo da Leña, a Casa Museo Casares Quiroga, a Fundación Luis Seoane, o Paseo das Pontes, a Praza das Bárbaras, a Praza José Sellier Loup, a Praza de San Nicolás, a Rúa Torreiro ou a Rúa Capitán Troncoso. De martes a xoves, a música comezará ás sete da tarde, pero venres e sábado engádense as Matinais, sesións vermú repartidas por distintos espazos do centro. O festival completarase o domingo cunha romaría pop no Parque do Paseo das Pontes (con Ángel Stanich, La Plata ou Morgan).

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, destacou na presentación deste xoves a colaboración no festival de entidades como "Cuac FM e o seu tradicional Concurso de Bandas e Solistas, que achega novos nomes da escena galega ao escenario da Praia de Riazor" ou a asociación sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural "encargada de programar con gusto as nosas sesións Matinais". Para o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, “o feito de que os escenarios estean repartidos por distintos puntos emblemáticos provoca que cidade e festival dialoguen de maneira máis natural. Fronte ao concepto de recinto pechado, esta proposta ten vocación aberta e integradora: a cidade atlántica como sinónimo de espazo de cultura e de vivencias únicas”. "Podes dirixirte a un concerto que teñas apuntado na axenda ou pasear polas rúas da Coruña e toparte cun artista ao que quizais non coñecías, pero que, sen dúbida, paga a pena descubrir, e que está a tocar nun recuncho encantador”, engadiu o rexedor.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.