0 Gardados para despois

Así lucían A Coruña e Compostela en 1917

Redacción | @prazapublica

Albert Kahn foi un banqueiro francés de orixe alemá que en 1912 iniciou o proxecto Arquivo do Planeta co que buscaba levar a cabo un rexistro fotográfico de todos os recunchos da Terra. Entre 1912 e 1931 o seu persoal técnico recolleu 72.000 fotografías en cor e 183.000 metros de película en máis de 50 países nos cinco continentes. Contaba cunha ducia de fotógrafos, dirixido por Jean Brunhes, que dirixía a iniciativa. O crac financeiro de 1929 limitou moito a fortuna de Kahn, poñendo punto e final ao proxecto.

O filántropo estaba animado por un ideal de "paz universal", tendo o convencemento de que un maior coñecemento dos distintos pobos do planeta entre si levaría a un achegamento e a unha convivencia máis amigable. Dende 1986 unha selección das imaxes pode verse no Musée Albert-Kahn, situado en París. Ademais, na súa web pódense consultar de forma libre a totalidade dos arquivos.

En maio de 1917 os seus técnicos viaxaron a Galicia e hoxe podemos gozar de 74 imaxes tiradas en Compostela, Padrón e A Coruña por Auguste Léon e Georges Chevalier. Vemos o aspecto que presentaba a Catedral de Santiago, as rúas Nova e do Vilar, o barrio de Sar. Tamén o Porto da Coruña, O Castelo de San Antón ou Rúa de San Francisco na cidade herculina. Tamén imaxes de persoas traballando: leiteiras, labregas ou mulleres transportando sal. Ou fotografías de carros, hórreos ou arados en pleno uso. E, igualmente, de nenos, nenas, homes e mulleres posando ante a cámara nas dúas urbes, amosando traxes tradicionais ou a roupa de cotío.

Chaman a atención varias fotografías pola súa intensidade, por exemplo a que permite ver, con todas as súas cores, un grupo de rapaces e rapazas nas rúas da Coruña sobre as que o fotógrafo destacara que tiñan "o pelo loiro e os ollos azuis".

A colección Albert-Kahn permite a reutilización das imaxes do seu arquivo sempre que se faga sen fins comerciais, sen modificalas e subliñando que se comparten mantendo as mesmas condicións de orixe.

Rúa do Vilar, Santiago de Compostela (1917)

Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela (1917)

Patio de Madres e Costa de Sar, Santiago de Compostela (1917)

Costa de Sar, Santiago de Compostela (1917)

Carro de bois, Santiago de Compostela (1917)

San Xerome, Santiago de Compostela (1917)

Muller e carro de bois na Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela (1917)

Rúa Nova e Igrexa de Salomé, Santiago de Compostela (1917)

Fachada da Acibecharía, Santiago de Compostela (1917)

Hórreo no camiño entre Santiago e Padrón (1917)

Carro no camiño entre Santiago e Padrón (1917)

Muller e nena co traxe tradicional, entre Santiago e Padrón (1917)

Muller e nena co traxe tradicional, entre Santiago e Padrón (1917)

Conxunto de casas preto da Estación de Tren de Compostela (1917)

Catedral e Cidade Vella de Santiago, dende O Pombal (1917)

Rúa de Santo Domingo da Coruña (1917)

Grupo de rapaces e rapazas "co pelo loiro e os ollos azuis" na Coruña (1917)

Castelo de San Antón, A Coruña (1917)

Carro de bois, A Coruña (1917)

Bois de carga no Porto da Coruña (1917)

Casa Cornide, A Coruña (1917)

Dous irmáns na Coruña (1917)

Muller e poldro na Coruña (1917)

Leiteira e asno na Coruña (1917)

Porto da Coruña (1917)

Dársena do Parrote, na Coruña (1917)

Morea de sal no Porto da Coruña (1917)

Mulleres transportando sal, A Coruña (1917)

Galicia na colección Albert-Kahn (1917)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.