Anik Nandi: "Ségueme alucinando que a xente mercase o discurso da imposición do galego"

Anik Nandi, antes da súa palestra en Santiago © RAG

Anik Nandi (Burdwan, A India) é un sociolingüista bengalí, doutor en Linguas pola Heriot-Watt University de Edimburgo. Licenciado en Filoloxía Inglesa pola University of Burdwan (A India), obtivo o diploma de estudos avanzados na Universidade de Santiago de Compostela, con especialización en Filoloxía Galega. Traballa como investigador posdoutoral na Queen’s University de Belfast e é investigador asociado no equipo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.

Especialista en política lingüística, a súa tese de doutoramento centrou a investigación na transmisión interxeracional do idioma en familias con proxenitores a prol do galego residentes en contextos urbanos ou periurbanos como Bertamiráns, Esteiro, Narón, Vigo ou Santiago, a onde volveu esta pasada semana para ofrecer unha charla sobre o tema aos alumnos de fóra de Galicia do curso Galego sen Fronteiras. El mesmo fora un deses estudantes hai anos. Tempo despois, segue "alucinando" con certas actitudes e "prexuízos" que atopa no país respecto do idioma propio, ese que fala coma un máis.  

Que explicou ao alumnado na conferencia?

Centreime na investigación, na miña tese de doutoramento e naquel tempo en Galicia, un lugar o que estiven e estou moi vinculado. Lembro como cando estaba investigando fixéranse públicos uns datos do IGE nos que se advertía a difícil situación do galego, a perda de transmisión interxeracional e mesmo o influxo do decreto do plurilingüismo instaurado polo Goberno da Xunta. O meu estudo centrábase precisamente nese intento que houbo por intentar separar o contexto lingüístico familiar do resto da política lingüística... Ese era o discurso gobernamental, como se a familia fose unha illa á marxe do resto. 

Pero que a familia fale galego cos rapaces non asegura que os rapaces o falen...

A clave da miña investigación era entender como ocorría a práctica lingüística nas casas, nas familias. Ao final, malia falar e darlle importancia ao galego, os pais non conseguen que os seus fillos falen ou continúen falando galego por mor do contexto que todos coñecemos: un castelán maioritario, potente e cun poder simbólico enorme. 

"Non se pode separar a familia, como se fose unha illa, e deixala só no intento por que os seus fillos falen galego"

Cal é a conclusión?

A conclusión é que non se pode separar a familia, como se fose unha illa, e deixala soa no intento. Si hai familias que conseguen que os seus nenos falen sempre en galego, pero sabemos que non é habitual, nin moito menos. Fálano durante un tempo, pero a situación cambia en canto o rapaz chega ao colexio. Cambia de idioma e xa non volve. Esa é a realidade habitual. 

E hai solución?

Non hai unha solución única; é evidente que hai que fomentar máis o galego e incorporalo á escola porque todos sabemos na situación que está, pero tamén hai que intentar vincular as familia, tal e como se fai nalgúns centros. Ao final, en Galicia as únicas persoas bilingües que hai son as que falan galego. Con todo, a análise debe ser máis de fondo.  

"En Galicia as únicas persoas bilingües que hai son as que falan galego"

Foron máis prexudiciais os efectos do decreto do plurilingüismo ou os prexuízos creados sobre o idioma?

Non son cousas separadas. As consecuencias do decreto están aí seguirán polo momento, pero non é algo que se deba separar de todo o demais. Sempre me impactou moito ese discurso da imposición do galego. Para min, un bengalí que viña de fóra... Parecíame e paréceme alucinante que haxe xente que mercase ese discurso, esa ideoloxía. 

Anik Nandi, durante a súa conferencia no curso de galego para xente de fóra de Galicia / © RAG

"Parecíame e paréceme alucinante que haxe xente que mercase o discurso da imposición do galego"

Cre que debería haber a posibilidade de inmersión lingüística en galego nos centros escolares, como ocorre en Catalunya ou en Euskadi?

O galego ten que ter o seu propio modelo porque, historicamente, o contexto catalán e vasco non é nin foi igual. A inmersión ten que existir e hóuboa en casos de pais galegofalantes, que sempre lle falaron nese idioma aos fillos e leváronos a escolas onde se lles falaba case exclusivamente en galego... Pero nin así. Co paso do tempo, tampouco conseguen que os nenos o sigan falando. Diso falei tamén na conferencia, porque esa é a cuestión: non todo se pode centrar exclusivamente no sistema educativo, a política lingüística debe ir moito máis aló, tamén hai que ter en conta o prestixio do idioma, desenvolver contextos de uso, tanto no ensino como fóra, pero sobre todo mudar certas ideas. 

"Non todo se pode centrar exclusivamente no sistema educativo, a política lingüística debe ir moito máis aló"

Como cales?

En certos contextos, a xente pensa habitualmente que se unha persoa fala galego é porque é nacionalista pero non nos podemos abonar a eses prexuízos: a xente fala galego porque é a lingua de aquí. No meu caso, obviamente, que terá que ver iso...

Pasoulle algo respecto diso?

Pasoume cando me convidaron a falar nalgunha universidade. O propio profesor advertíame de que o impacto de que eu falase en galego co alumnado ía ser diferente e máis positivo que se o falase o docente, porque no seu caso asumían que o facía porque era nacionalista. Iso non pode ser, é moi triste que iso ocorra. 

"Hai unha morea de prexuízos sobre o galego en Galicia que temos que intentar mudar"

Está a ser moi crítico...

Volvinme bastante radical estando aquí... Hai unha morea de prexuízos que temos que intentar mudar. A xente parece que non se decata da riqueza que ten co seu idioma propio, da potencialidade mesmo económica que supón. Só se mira cara ao castelán, pero insisto: no contexto actual, as únicas persoas bilingües en Galicia son aquelas que falan galego, porque sabemos que aqueles que pasan ao castelán, raramente volven. Están os neofalantes, si, pero seguen a ser unha minoría que, ademais, permanece estable. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.