O tesouro prerromano do galeguista Álvaro Gil xa loce no seu novo fogar do Museo de Lugo

Inauguración da renovación da sala do Museo de Lugo que acolle a colección de Álvaro Gil © Deputación de Lugo

Álvaro Gil Varela tiña 26 anos cando o Partido Galeguista se constituíu en Pontevedra. A súa formación como enxeñeiro técnico de Montes levárao a traballar a Lourizán e esa estancia pontevedresa permitiulle relacionarse cos galeguistas daquela nova formación, como Alexandre Bóveda ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Estas relacións persoais e políticas foron as esgrimidas polos golpistas en 1936 para prendelo e recluílo xunto a outros presos políticos na illa de San Simón. Gil puido saír de San Simón con vida, pero arrebatáronlle os seus títulos e o seu posto de traballo.

Así e todo, Gil Varela seguiu a ter contactos no sector privado, o que lle permitiu anos desposi retomar a carreira profesional coas empresas do grupo Fernández, de orixe lucense. Pasou por emblemas do grupo como Zeltia ou Pescanova e entrou en contacto co grupo Galaxia, coa Fundación Penzol e con persoeiros como Luís Seoane. O seu amor pola arte levouno a traballar intensamente na recuperación de diversas pezas artísticas e na súa achega ao Museo de Lugo. Entre as máis destacadas, a colección de ourivaría antiga que adquirira a comezos dos anos 70 e entre a que figuraban xoias da arte galaica como o torques de Burela ou o carneiro alado de Ribadeo.

Gil Varela tivo contacto con membros do Partido Galeguista como Castelao ou Bóveda e os franquistas recluírono en San Simón tras o golpe de 1936

Esta colección estivo no Museo lucense sen maiores sobresaltos ata que a finais dos anos 90, máis dunha década despois do falecemento de Gil Varela, o goberno da Deputación que dirixía Francisco Cacharro iniciou unha serie de desencontros coa familia do filántropo que remataron nos tribunais. Unha sentenza do Tribunal Supremo derivou en 2013 na saída do Museo da valiosa colección malia existir unha oferta de compra por parte da Deputación. Aquel ditame xudicial deu lugar a unha prolongada negociación entre a Deputación e a familia que culminou en 2015 cun pacto económico -2,3 millóns de euros, o fixado na taxación das pezas- e co retorno da colección, declarada Ben de Interese Cultural no mesmo ano.

Aquel acordo traía consigo un calendario que rematou o pasado febreiro e, xa coas pezas como propiedade pública, o Museo decidiu acondicionar o seu fogar definitivo, unha nova sala que foi presentada oficialmente este 1 de agosto. A anovada dependencia do Museo alberga agora un total de 56 pezas ordenadas cronolóxicamente -40, da colección de Álvaro Gil-; as máis antigas están datadas nuns 3.000 anos antes de Cristo. 

Tras o acordo definitivo da Deputación cos herdeiros de Gil Varela a colección que inclúe emblemáticas pezas como o torques de Burela pasou a ser pública e queda exposta na sala agora anovada no Museo de Lugo

O torques de Burela, o carneiro alado de Riotorto, o torques áureo de Recadieirea ou a arracada de Burela son, explica a directora do Museo Provincial lucense, Aurelia Balseiro, mostras dos "bens de prestixio" daqueles tempos cuxos significados son diversos. "Foron nalgún momento ofrendas rituais, depósitos votivos, distintivos de deuses ou enxovais funerarios". Tamén supuñan, socialmente, distintivos de poder ou riqueza e "indicadores de xerarquía". Eran, asemade, agasallos e medidas de valor previos á chegada da moeda.

O presidente da Deputación lucense, Darío Campos, subliña que a nova apariencia da sala -con novos paneis e pantallas informativas, entroutros elementos- vela tamén pola "seguridade e conservación da colección", que agora é pública. As pezas da colección Gil Varela, avanza, serán divulgadas "nas vindeiras datas" cun novo catálogo que está a ultimar o servizo de publicacións da institución provincial.

Torques de Burela © Museo de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.