Burela acompaña a Feira do Bonito coa primeira Mostra de Cine Marítimo

A primeira edición da mostra terá lugar do 2 ao 4 de agosto © Ultramar

Este xoves comeza en Burela ULTRAMAR, a primeira Mostra de Cinema Marítimo, que se celebrará no Salón de Actos da Confraría de Pescadores de Burela ata o sábado 4, coincidindo coa celebración da 34ª Feira do Bonito da localidade. O obxectivo deste certame, impulsado por Raso Estudio é "amosar o que pasa no mar a través do universo audiovisual, coa determinación de descubrir camiños inéditos e novos dentro da paisaxe cinematográfica contemporáneo, promovendo e exhibindo un cinema de marcado carácter autoral".

A mostra inclúe a proxección de cinco títulos contemporáneos que ofrecen "unha mirada absolutamente singular da vida no mar, pero tamén un espazo que convida á reflexión acerca da relación entre o mar e nós mesmos", segundo destacan os organizadores. Poderá verse, por exemplo, Vikingland, filme que estrenou Xurxo Chirro en 2011. Ou Lupita, que afonda no seu universo a través dalgúns materiais descartados para o filme. E, igualmente, Crebinsky, Escamas, Sangue! e Dead Slow Ahead. Todas as sesións terán un prezo de 2 euros a entrada.

A mostra inclúe tamén a presentación de Proxecto Socheo, unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, de cara ao mundo. As tradicións, o mar e os mariñeiros, o agro, a emigración, o turismo e, sobre todo, o día a día dos viandantes teñen o seu reflexo nestas imaxes. Non se limitan ao pasado, e apostan por impulsar, dunha maneira activa, a inquietude pola arte audiovisual na zona.

 

Programa

  • Xoves 2. 21.00. Proxección de Crebinsky (90 min.), coa presenza e participación nun coloquio con Miguel de Lira, coguionista e protagonista do filme.
  • Venres 3. 20.30. Presentación de Proxecto Socheo (30 min.) coa presenza de Beli Martínez, produtora dos films e directora do proxecto
  • Venres 3. 21.00. Proxección de Vikingland e Lupita (108 min.)
  • Sábado 4. 19.00. Proxección de Escamas, Sangue! e Dead Slow Ahead (100 min.), coa participación de Breixo Chairo e Adrián Canoura, directores do primeiro filme

Programación e horarios de Ultramar © Ultramar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.