"A 'Movida' oficial foi a domesticada. Nesa versión falta a xente que deu enerxía e risco a eses anos"

Ana Curra, nunha actuación recente © Ruth Dupiereux

Ana Curra foi un dos grandes símbolos da Movida máis transgresora, na que formou parte de bandas como Pegamoides, Parálisis Permanente, Seres Vacíos... e contravén en certa medida o relato oficial que sobre este movemento se construíu durante dúas décadas e que nos últimos anos comeza a ser posto en cuestión. Este xoves actuará na Coruña no marco do Festival Noroeste (Campo da Leña, 23.15). Ela é un dos moitos referentes femininos cos que a edición número 32 do festival compuxo o seu programa: de Chrissie Hynde a Christina Rosenvinge ou Neneh Cherry, pasando por Laetitia Sadier ou María del Mar Bonet, un cartel no que as mulleres igualan ou superan o número de artistas varóns, algo que por desgraza segue a ser estraño.

Alcumada nalgunha ocasión como "a raíña do punk en España", esta madrileña con formación clásica de piano (segue a ser profesora de Conservatorio) porá sobre o escenario un repertorio escuro e visceral, recollendo algún dos temas máis coñecidos das bandas que formou (Quiero ser santa, Autosuficiencia, Ratas, El acto, Héroes, Quiero ser tu perro...) e tamén as cancións que vén gravando nos últimos anos. 

"Hai 30 anos a min, a Alaska e en xeral ás poucas rapazas que estaban en grupos, chamábannos “putas”, “zorras” ou “bruxas”

Nos anos finais da década dos setenta, o punk provocaba escándalo. Pero escandalizaba máis cando o facían mulleres coma ti?

Sempre escandalizou moito máis calquera cousa que fixese unha muller. Ultimamente, como houbo un movemento moi forte de afirmación en todos os aspectos da sociedade, non só no artístico, parece que o imos superando. Pero hai 30 anos a min, a Alaska e en xeral ás poucas rapazas que estaban en grupos, chamábannos “putas”, “zorras” ou “bruxas” polas vilas de España. Por que cres que Las Vulpes cantaban iso de “Me gusta ser una zorra”? Tratábase de cambiar os termos e apropiarse diso: “gústame reivindicarme, gústame ser libre, gústame ser unha muller que pode subir a un escenario, dicir o que penso e elixir a miña forma de expresarme”. Eu son unha bruxa que veu aquí a reivindicar as que foron queimadas pola Inquisición dende o século XVI. Hai xente que pensa así, que a música, o rock ou o punk son a palabra do demo e a min, como xogo un pouco con eses termos, pois encántame.

Cando ti comezaches na música as mulleres erades unha minoría nese mundo. Hoxe hai moitísimas máis solistas e grupos compostos por mulleres, pero na maior parte dos carteis de festivais a presenza feminina segue a ser moi reducida. Percibes avances neste sentido?

A muller leva facendo isto moito tempo, pero ultimamente houbo un momento de explosión, como antes houbo outros ao longo da historia, e faise unha reivindicación máis consciente. O deste festival, que si está equilibrado, é unha excepción. É certo que a muller se incorporou á música moito máis tarde que o home, e seguramente por iso hai máis grupos de homes. Pero isto xa foi cambiando moitísimo, nos últimos 20 anos cambiou unha barbaridade. Algunha vez escoito críticas sobre que un festival “mete mulleres por metelas”, pero a realidade deixa claro que iso non ten sentido: estamos aí por calidade e por esforzo. Custounos moito chegar e as que o fixemos, fixémolo con valor de sobra; afortunadamente as novas xeracións vanse incorporando xa doutra maneira.

"Estamos aí por calidade, por esforzo e porque nos custou moito chegar. As novas xeracións vanse incorporando xa doutra maneira"

Cando eu empezaba é certo que eramos unha minoría, pero agora hai moitísimas bandas de tías. Encántame, por exemplo, ese grupo que tedes aí, Bala. O que fan carteis coma o do Noroeste é demostrar que un xa non pode buscar escusas para non programar grupos de mulleres. Por desgraza, hai moitos festivais que teñen as súas rutinas e de aí non se moven. Eu síntome valorada, pero non me contratan, e coma a min a moitas artistas ás que lles custa moito vivir disto. Xa me gustaría vivir de dar concertos, pero a realidade é que vivo de dar clases nun conservatorio.

"Nesa versión faltan moitísimos colegas que foron os que de verdade lle deron enerxía, vitalidade e moito risco aos anos da Transición coa súa música e a súa transgresión"

Houbo varias Movidas, pero a historia oficial relata a súa parte máis light, máis comercial, máis domesticada e menos transgresora. Está por contar esa parte da cultura daqueles anos?  

Pois como todo. De todos os xeitos, creo que ultimamente por fin comezamos a relatar dende todos os sitios a nosa propia experiencia e así a xente pode empezar a ter unha visión moito máis substanciosa deses anos. Porque a Movida oficial é, efectivamente, o que foi domesticado, o que era vendible, a historia que lle podemos contar aos avoíños e aos nenos e que mesmo sae nos libros de texto. Nesa versión faltan moitísimos colegas que foron os que de verdade lle deron enerxía, vitalidade e moito risco aos anos da Transición coa súa música e a súa transgresión, que a moitos deles lles custou a vida. E por que lles custou a vida? Por moitas razóns, porque non había información, porque iamos en plan destroyer, porque acababamos de saír dunha censura e dunha represión brutais.

Esa represión previa é o que explica esa explosión de creatividade e tamén os seus excesos?

Claro, nós viñamos dunha educación represiva a moitos niveis: colexios de monxas, colexios de curas, unha educación castrada... Querías mercar un disco e aquí non había, querías mercar un libro e aquí non había. Despois sentíamos que tiñamos moito que avanzar e que había que facelo moi rápido.

"Habitualmente sucede que ou sobes ao carro que está en marcha, aquilo que se intenta vender, ou se optas polo teu estilo, polos teus principios, tes que resignarte a estar á marxe"

Ao longo dos anos 80 e 90 aquelas e aqueles que non aceptaron entrar no discurso oficial da Movida, nunha versión máis institucionalizada da cultura, sufriron un silenciamento, foron recluídos nas marxes?

Habitualmente sucede que ou sobes ao carro que está en marcha, aquilo que se intenta vender, ou se optas polo teu estilo, polos teus principios, tes que resignarte a estar á marxe. Cando entrabamos nun grupo era por amor á música, non tiñas na cabeza vivir diso ou facerte rica. E ao final os máis listos son sempre os que gañan. Lembro por exemplo que cando eu estaba nunha multinacional como Hispavox, coincidiu que acababa de saír Madonna, e dixéronme: “ímoste converter nunha Madonna”. E eu pensaba “pero por que? Se eu son eu e gústome moito máis”. Eu nunca entrei niso. Non é que sufrira o escurantismo, é que eu escollín este camiño.

Como vai ser o concerto deste xoves? Adaptas o repertorio e o espectáculo a cada espazo ou veremos algo semellante á xira de El Acto?

Sempre adaptas a actuación ao lugar onde vas tocar. Non é un mesmo un concerto nun club onde sabes que vai ir a xente que te segue, que é fan. Pero cando xa abres un pouco o espectro, nunha actuación nun festival, nun espazo público, intentas adaptar o repertorio. En calquera caso eu xa non estou facendo a xira de El Acto tal cal, na Coruña tocarei un compendio de toda a miña carreira e mesmo algunhas novas que aínda non están estreadas.

"A censura non a podo aprobar nunca. Era unha batalla que parecía gañada, pero agora vemos novamente como se censuran letras de cancións. Estamos nun momento tremendo de involución"

Mirando dende hoxe, chama a atención o escándalo que producían algunhas cancións, como por exemplo a que lembrabas de Las Vulpes. Pero cres que agora o escándalo sería diferente? Estamos nunha etapa de involución en canto ás liberdades artísticas? Penso non só no rock, senón en estilos novos coma o trap, que parece estar sufrindo ataques semellantes aos que recibíades no punk hai 40 anos... 

É que ninguén se pon na pel de alguén que está vivindo no extrarradio de calquera macrocidade, ou en lugares nos que hai narcotráfico ou trapicheo. E acabas metido nesa movida, pero á vez gústache facer música e queres contar o que estás vivindo. Nós facíamos o mesmo: contabamos o que nos pasaba. Iso, en definitiva, é a arte. Estamos nun momento tan politicamente correcto que ata a propia xente que se supón que deberíamos entender mellor iso, porque xa fomos novos e novas e pasamos por aí, son os que o están criticando. Eu a censura non a podo aprobar nunca, é algo que xa sufrimos. Era unha batalla que parecía gañada, pero agora vemos novamente como se censuran letras de cancións. Estamos nun momento tremendo de involución. E aínda que a historia nunca se repite exactamente, si que o trap pode recordar un pouco á rebelión que significou o punk. Vexo puntos en común.

Ana Curra, nunha actuación recente © José Berna
Ana Curra, nunha actuación recente © José Berna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.