"O Festiclown une campos de refuxiados, favelas, comunidades indíxenas e prazas europeas"

Un momento da edición 2017 do Festiclown, en Vilagarcía CC-BY-SA Culturactiva

Este xoves comeza en Vilagarcía de Arousa a edición 2018 do Festiclown, que dende o 2015 desenvolve a súa actividade nesta vila e que chegará ata o martes 14. O Festival Internacional de Clown e circo celebra este ano o seu 20 aniversario e faino multiplicándose por seis, pois contará tamén con festivais en Móstoles, Rivas Vaciamadrid, El Prat de Llobregat, Brasil e Palestina. Foi en 1999 cando o evento botou a andar, en Caldas de Reis, dentro da programación do Cultura Quente. Nos anos seguintes pasou por Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Lugo, uns anos de nomadismo sen sede estable en Galicia que tamén os levaron a México, ao Sahara, ao Líbano, a Melilla ou aos campos de refuxiados de Grecia ou Calais.

En Vilagarcía o Festiclown componse de media ducia de actividades cada xornada, tanto no centro da vila como nas distintas parroquias do concello. Trapu Zaharra, Amontonados por azar, Pulpiño Viascón, Trío Refugallos, Cirk About It, Vol'e Temps, Catropés, Dani García, Mundomandarina, Fran Rei, Passabarret, La Bandita Alegre, Pablo Cool & Dimitry, Kanbahiota ou Pallasos en Rebeldía están nunha programación que se pechará o martes con Alberto San Juan e o seu monólogo Autorretrato de un joven capitalista español, que o PP pediu censurar nalgunha localidade. Falamos con Iván Prado, director do Festiclown.

"Despois de tantos anos, falar de 'sede estable' no Festiclown é algo contraditorio, é case como cando se di 'intelixencia militar', con conceptos que non casan. Non sabemos se o festival vai ter algunha vez sede oficial"

Como vai ser esta edición de 20 aniversario en Vilagarcía?

É unha edición que tomamos con moito cariño porque despois de tantos festivais e tantos lugares, apetécenos facer unha pequena celebración destes 20 anos. Pechamos un festival cun gran nome do teatro comprometido no Estado Español como é Alberto San Juan, cun monólogo incrible que foi censurado por algún concello do PP, Autorretrato de un joven capitalista español. E tamén con moito circo, que é unha tendencia que vimos consolidando nos últimos tempos no Festiclown.

Vilagarcía consolídade como sede estable do Festiclown?

Despois de tantos anos, falar de 'sede estable' no Festiclown é algo contraditorio, é case como cando se di 'intelixencia militar', con conceptos que non casan. Non sabemos se o festival vai ter algunha vez sede oficial. Foi un festival que conseguiu moito recoñecemento por parte do teatro galego cando estivemos en Pontevedra, pegou un salto impresionante cando estaba en Compostela, chegando a números únicos nas artes escénicas no Estado Español, superando os 50.000 espectadores anuais. E cando chegamos a Vigo internacionalizouse. Nunca duramos máis de catro anos nunha mesma cidade e en cada lugar o festival foi mutando.

"O cambio en Vilagarcía está a ser unha grande implicación de colectivos locais dentro do propio festival"

En que cambiou o Festiclown estando en Vilagarcía?

Penso que o cambio en Vilagarcía está a ser unha grande implicación de colectivos locais dentro do propio festival. En Pontevedra tivemos un grande investimento no tecido social, pero non construímos un vínculo concreto con entidades. E en cambio en Vilagarcía si que se está dando esta posibilidade, que en realidade foi sempre un dos nosos obxectivos: crear empatías e sinerxías co tecido social da cidade.

O festival multiplícase por seis nesta edición, nunca organizárades eventos en tantos lugares...

Ao igual que xa pasou no 2016, volvemos estar en tres continentes e agora, ademais, con seis sedes distintas. Isto ten moito que ver coas distintas fases do Festiclown. Xa estando en Vigo demos o salto a Palestina, en 2011, porque tiñamos moitas ganas de construír esta ponte entre Galicia e Palestina. No 2012 puidémolo levar a México. Era xa un obxectivo, pero a propia crise económica e os recortes obrigáronnos a repartir a programación entre varias cidades. O feito de ter multisede procede polo tanto da mestura dun impulso consciente e dunha necesidade.

Nun dos espectáculos que pecha o Festiclown en Vilagarcía traedes Palestina ata Galicia. Como é ese Checkpoint Clown que se poderá ver o martes?  

A denuncia da situación en Palestina e en xeral do que sucede en moitas fronteiras sempre estivo no noso ADN. Checkpoint Clown é espectáculo que ridiculiza un destes postos de control israelís e que amosa que os uniformes, os exércitos e as fronteiras non teñen sentido.

"O lugar dos pallasos e do Festiclown é reforzar esas loitas e o esforzo das persoas que están tentando chegar a un lugar no que poder ter unha vida digna. E tamén reforzar a confianza no ser humano"

A inmigración, os refuxiados ou o peche de fronteiras son temas que levades 20 anos tratando, e que neste momento con protagonistas na axenda do medios. Ademais, cunha serie de discursos xenófobos en España que cada vez gañan en intensidade. Es optimista neste senso ou cres que estes discursos van seguir radicalizándose e estendéndose?

Creo que era Gramsci que dicía que hai que ser pesimista na análise e optimista na proxección do futuro. Obviamente provócanos moita dor a existencia deses políticos xenófobos a distintos niveis, porque somos pallasos e polo tanto amamos a liberdade, e porque vimos dunha tradición nomadista e internacionalista como circo. Pero son totalmente optimista, porque despois de estar en campos de refuxiados en Idomeni, en Calais, en Serbia, en Melilla, no Sáhara, no Líbano, en Palestina... vexo que no ser humano hai unha capacidade de resistencia, de creatividade, de xenerosidade e de esperanza extraordinaria. E non hai muro, valado ou exército que poidan impedir que florezan. Polo tanto, sinto que o lugar dos pallasos e do Festiclown é reforzar esas loitas e o esforzo das persoas que están tentando chegar a un lugar no que poder ter unha vida digna. E tamén reforzar a confianza no ser humano.

"Nacemos coa vontade de difundir o clown como unha linguaxe artística no noso país e iso creo que o conseguimos. Agora mesmo Galicia é unha potencia en circo e en clown dentro do Estado Español e o Festiclown é unha referencia a nivel internacional"

Que valoración fas destes 20 anos? Conseguistes os vosos obxectivos? Hai cousas que quedan pendentes ou que vos gustaría ter feito de forma diferente?

Estes 20 anos dannos para reflexionar bastante. Por unha banda, nacemos coa vontade de difundir o clown como unha linguaxe artística no noso país e iso creo que o conseguimos. Agora mesmo Galicia é unha potencia en circo e en clown dentro do Estado Español e o Festiclown é unha referencia a nivel internacional. Naceu tamén cunha lóxica de transformación social, de procura de sinerxías con entidades locais e para xerar un tecido democrático nas cidades que non foi posible levar a cabo no nivel que nós queriamos. Pasamos por Caldas, Pontevedra, Santiago, Vigo, Lugo, agora Vilagarcía... Pero ese nomadismo tamén nos deu moitas boas raíces e tamén serviu para catapultarnos a nivel internacional. Somos o único festival que se fai no mundo árabe, e somos o único festival que une campos de refuxiados, favelas, comunidades indíxenas e prazas europeas. Con todos os erros que puidemos cometer, en xeral estamos felices.

 

Iván Prado no Festiclown Palestina, en 2017 CC-BY-SA Pallasos en Rebeldía
O Festiclown, na súa etapa en Vigo, en 2011 CC-BY-SA Culturactiva
Iván Prado no Festiclown Palestina, en 2017 CC-BY-SA Pallasos en Rebeldía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.