Marica Campo, protagonista do Día das Galegas nas Letras

Marica Campo no IES Manuel García Barros CC-BY-SA IES Manuel García Barros

O vindeiro 15 de agosto celebrarase a quinta edición do Día das Galegas nas Letras, que dende o ano 2014 organiza a plataforma de crítica A Sega. Despois de Dorothé Schubarth, María Victoria Moreno, María Xosé Queizán e Patricia Janeiro chega a quenda da autora lucense, cunha serie de actos que terán lugar no Parque da Milagrosa, en Lugo. 

A celebración comezará ás 12 horas cunha Ruta imaxinaria pola súa obra, seguida dun xantar compartido e da lectura do manifesto Os ollos das patacas. A partir das 16 horas haberá contos (a cargo de Vero Rilo), música (Reiceira, Xaora Pandereteiras, Paloma Suances e Mercedes Peón), lectura de fragmentos da obra de Marica Campo (Ana Torres Campo, Tareixa Campo e Belén López), un obradoiro (Andrea Barreiro) e unha lectura dramatizada (Lorena Conde).

Marica Campo naceu no Val do Mao, no Incio, o 24 de febreiro de 1948. Exerceu como mestra en varias escolas da provincia de Lugo: Muimenta, Castro de Rei e na Mariña, trasladándose finalmente ao IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, onde se xubilou en 2008. Foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007. E, igualmente, foi homenaxeada pola AELG. Obtivo o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2001, por Pedinche luz prestada.

A súa obra abrangue poemarios, libros de narrativa, de teatro e de literatura infantil e xuvenil e mesmo realizou letras para Fuxan os Ventos (entres outras "Muller"). Case todas as súas publicacións chegaron a partir dos 40 anos. De feito, tivo durante moito tempo un gran número de poemas inéditos gardados na súa casa. Como destacan dende A Sega, "a complicidade de dous profesores da Mariña, Bernardo Penabade e Carme Cociña, e mais da escritora Pilar Pallarés, fixeron o milagre. Xuntáronse unha fin de semana e axudárona a facer unha escolma". Así naceu Tras as portas do rostro (1992, Baía Edicións).

Cartel do V Día das Galegas nas Letras © A Sega
Celebración do Día das Galegas nas Letras, o pasado ano © A Sega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.