A delegación galega no Festival de Lorient non admitirá gaitas marciais

Actuación de Seimeira na edición 2018 do festival de Lorient © Delegación de Galicia no Festival de Lorient

O Festival Intercéltico de Lorient estará dedicado a Galicia en 2019. O certame, que chega á súa edición número 49, celebrarase entre o 2 e o 11 de agosto. A Delegación Galega do festival vén de abrir un período de dous meses para o envío de propostas artísticas, entre as que se elixirán as que representarán a Galicia no evento. Na convocatoria sinálanse unha serie de requisitos para as propostas de Grupos de baile tradicional, Bandas de gaitas e Grupos folk nas que destaca que as bandas de gaitas só poderán empregar instrumentos tradicionais, rexeitando polo tanto o uso de gaitas marciais (tamén denominadas popularmente "marcianas") por ser unha imitación recente das gaitas escocesas. Desbótase tamén o uso das percusións de alta tensión e, ademais, valorarase o coidado do traxe tradicional.

O anuncio de que a Delegación de Galicia en Lorient só empregará instrumentos tradicionais galegos foi criticado pola banda de gaitas Lume de Biqueira, que afirma que as bases da convocatoria "discriminan unha realidade musical galega como son as bandas de gaitas con gaitas marciais e percusión de alta tensión". Nesta gaita marcial (ou "de banda"), que adoita estar afinada en Si bemol, o ronquete e o chión colócanse á par do roncón. Este tipo de gaita foi introducida pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense de Xosé Lois Foxo a finais do século XX, xerando dende entón unha gran polémica e o frontal rexeitamento de numerosos sectores da música tradicional. 

O Colectivo en Defensa da Gaita tense posicionado publicamente en numerosas ocasións en contra da implantación dos modos escoceses no deseño e afinación das gaitas, nas percusións e mesmo nos traxes, "suplantando os nosos propios e autóctonos rasgos de identidade como país e cultura". O colectivo sinala na súa web que "non imos contra os gaiteiros e percusionistas que están sendo partícipes deste gran engano para o proveito duns poucos" e que "non imos contra a innovación, sempre e cando ésta sexa natural (non copiada nin imposta intencionadamente) e respete a tradición (non a destrúa)". Mais si se amosa crítico con "certas persoas que non teñen compromiso nin respeto pola nosa música, infravalorándose e mostrando un incomprensible complexo de inferioridade musical con respecto a outros países".

Hai cinco anos foi moi comentada a intervención de Susana Seivane en Luar como xurado no concurso Vai de Gaita, no que participaba un mozo cunha destas gaitas marciais. Seivane cualificou este instrumento como o "cancro da música galega".

Banda de Gaitas "Sons Da Chaira" no último Festival de Lorient, celebrado hai dúas semanas © Gwano
O Festival Intercéltico de Lorient estará dedicado a Galicia en 2019 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.