O FIB de Ourense encheu a Praza de San Marcial a pesar da negativa do Concello a concederlle permiso

Un concerto, este verán en Ourense © ESCuA

Dende hai anos vén celebrándose en Ourense o Festival Intercultural do Barbaña (FIB), que este xoves chegou á súa sétima edición. Fíxoo con grande éxito, coa actuación dunha ducia de grupos, enchendo a Praza de San Marcial e desafiando a negativa do Concello de Ourense a concederlle un permiso definitivo. A Policía Local acudiu ao lugar pero finalmente non obrigou a deter as actuacións.

A organizadora do evento, ESCuA (Espazo Cultural Alternativo), é unha entidade sen ánimo de lucro e por esta razón negábase a pagar as taxas esixidas polo Goberno local. Presentou varios recursos, pero non obtivo resposta, segundo destacan os responsables de de ESCuA, polo que decidiron seguir adiante do festival. Este mesmo xoves o Concello de Ourense publicou un comunicado no que subliñaba que non "aprobaba" a celebración do FIB "porque a organización non presentou os permisos necesarios nin garante a seguridade dos asistentes". Na nota de prensa o Goberno local invocaba o accidente do Marisquiña para defender a súa posición, afirmando que buscaba "evitar que se produzan incidentes como o ocorrido hai escasas semanas en Vigo".  

O FIB foi un éxito, coa actuación de Tabernet Sabañón, Los taraos, Rata de 2 patas, Pperetas, Damniperigos, Ukelerría, Manette, Kondiós, Rachid El Rafah e as Eskacharéns, Os do ecoconcello de Ponte Canedo, Nubes baixo ti e As Femilistas, nun cartaz que incluía ademais a Valtonyc, exiliado en Bélxica. "Parece que a autoorganización e autoxestión dos colectivos ourensáns funciona. Enchendo prazas en pleno mes de agosto con cultura urbana", destacaron dende ESCuA.

Os colectivos que compoñen ESCuA completou un verán inzado de actividades. O veránEarte 2018 incluíu 35 actividades e 21 colectivos, que encheron as rúas e prazas da cidade durante os meses de xullo e agosto. A programación do veránEarte é "aberta e participativa, autoorganizada e autoxestionada. De balde, en galego e feminista e do ecoloxista", destacaban os colectivos que toman parte nela, que querían reivindicar "o uso activista, social e cultural do espazo público sen por elo ter que pagar taxas de ocupación". Houbo concertos, contacontos, obradoiros, radio na rúa, proxeccións de cinema ao aire libre, trivial feminista ou, por exemplo, actividades de ciencia nas prazas.

 

Unha imaxe da sétima edición do FIB na Praza de San Marcial © ESCuA
ESCuA completou un verán inzado de actividades © ESCuA
Imaxe do FIB deste ano © ESCuA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.