Banksy aclara que non realizou o mural de Ferrol atribuído a el

Espazo reservado a Banksy, co mural © 1906 - Estrella Galicia

O pasado verán a organización das Meninas de Canido (que esta fin de semana celebran a súa décima edición) realizaron un chamamento público a Banksy convidándoo a realizar un mural neste barrio ferrolán. A mensaxe chegou a ocupar valos publicitarios no Reino Unido (de onde se cre que procede este misterioso artista ou colectivo de artistas) e anuncios en xornais impresos de Reino Unido, Italia e outros países. Meses máis tarde, o pasado mes de abril, o espazo que o festival artístico reservara para el apareceu ocupado por un graffiti no que se vía a dous gardas civís bicándose, imitando o estilo de Banksy. "A sinatura é idéntica e a pintura está perfectamente traballada, coas características das súas obras; andamos na procura dalgún detalle que poida desbotar que sexa o que pensamos, pero aínda non o atopamos", afirmara daquela Eduardo Hermida, en conversa con Praza.

Este sábado a web de Banksy confirmou para a axencia France-Presse (AFP) que o mural non é da súa autoría: "Non é un Banksy". Hermida sinalara que el tamén se puxera en contacto con esta páxina web e que esta nunca lle negara que o mural non fora do artista, segundo explica a AFP. Hermida mesmo afirmara ter recibido un correo electrónico desa web preguntando pola localización exacta do muro onde a imaxe apareceu meses máis tarde.

"Se o artista acode á nosa chamada fai que As Meninas de Canido sexan un proxecto univeral; de tratarse dun triste falsificador, dota á nosa iniciativa da capacidade de reprodución para que os autores descoñecidos poidan ensinar as súas técnicas inspiradas nos máis grandes", salientara Hermida no momento en que o mural foi descuberto.

"Querido Banksy. Temos reservado un espazo para ti nunha das nosas rúas para que poidas libremente expresar a túa interpretación máis persoal das Meninas e axudarnos a facer do noso barrio un lugar máis fermoso no que vivir. Agardamos por ti. Os residentes do barrio de Canido, Ferrol", dicía o convite lanzado o pasado verán polo barrio, que semella que terá que seguir agardando.

 

Espazo reservado a Banksy, co mural © 1906 - Estrella Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.