Arquivo da Memoria Arquitectónica: vendo e escoitando a Galicia desaparecida

A vella conserveira Massó Dominio Público AAMA

Foron edificios emblemáticos, mesmo iconas das cidades. Tamén construcións sen excesivos alardes arquitectónicos, pero polos que pasaba boa parte da veciñanza a realizar xestións ou a gozar do lecer. Algúns deles foron vítimas da expansión ou da mala planificación urbanística e acabaron derrubados. Outros, simplemente pecharon ata caeren total ou parcialmente como resultado do abandono. Son edificios, pero tamén memoria que é repasada nun proxecto a medio camiño entre a metáfora e o documental obra de Francisco Ramallo, gañador no 2017 Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura.

As Torres Hejduk do complexo do Gaiás collen a plasmación sonora deste proxecto. Xunto a outros cinco participantes no mesmo encontro de artistas novos -Estela Barone, Matías Daporta, Leyre León, Mar Suárez e Andrea Torres-, Ramallo investigou sobre estes edificios, analizou a súa historia e recompilou testemuños de persoas que estiveron vinculados a eles. Contan como eran construcións xa desaparecidas ou detallan cal era o seu uso antes do actual.

Entre o medio cento de edificios que fan parte deste Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica (AAMA) está o desaparecido Edificio Castromil que ocupou dende 1922 a actual praza de Galicia en Santiago ata o seu polémico derrubamento en 1974 para construír un aparcadoiro soterrado. Figura, xunto a el, a vella fábrica coruñesa de Tabacos, recentemente remodelada para acoller xulgados.

O artista Francisco Ramallo recompila testemuños sonoros sobre a historia de edificios derrubados ou reconvertidos en diversas localidades galegas

Tamén se evoca a memoria do cine Zárate de Mugardos, agora en ruínas, dos cine París da Coruña, que agora ocupa unha tenda de Inditex, da antiga conserveira Massó de Cangas e Bueu, da vella estación ferroviaria de Cornes ou da discoteca Zao, en Cambados.

A intención deste proxecto, explican os seus impulsores, é "conseguir unha memoria recuperada" que transcorre de xeito "paralelo á hexemónica". Son historias de afectos, tamén de anécdotas, cuxo relato sonoro permite, dalgún xeito, "revivilas e experimentalas". A web da Cidade da Cultura permite escoitar en liña cinco destes relatos, os que percorren a memoria do Casino de Ortigueira, da Fábrica de Tabacos da Coruña, da conserveira Massó, do Cine Capitol de Viana do Bolo e da Praza tenda de Cambados.

O vello cine París da Coruña Dominio Público AAMA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.