Curtocircuíto celebra o seu 15 aniversario como punto de encontro interxeracional do audiovisual galego

Un ollo de vidro Dominio Público Praza Pública

Do 29 de setembro ao 7 de outubro, Curtocircuíto celebrará o seu 15º aniversario proxectando máis dunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego. O festival compostelán dedicará ademais unha retrospectiva o italiano Roberto Minervini e un amplo espazo para a vangarda cinematográfica española.

O certame -que organiza o Concello de Santiago, subvenciona a Deputación da Coruña e conta coa colaboración da AGADIC- presenta como unha das novidades principais desta edición dúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira delas proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda. Supernova, pola súa banda, nace para salvar a fenda existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras. A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con Uluru na Sección Oficial Explora, na que Curtocircuíto dá cabida a obras que procuran novas caligrafías cinematográficas.

A sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano

O audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións de Curtocircuíto, senón tamén nas actividades. É por iso que nesta edición o festival levará a cabo, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, as Mesas interxeracionais do audiovisual galego, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas.

Planeta GZ

A sección competitiva Planeta GZ volverá reflectir a riqueza e variedade do cinema galego actual. Así, A nena azul, un drama con tintes de cinema fantástico, producido en Galicia e dirixido pola veterana realizadora naronesa Sandra Sánchez, terá a súa estrea nesta sección. Oliver Laxe compón en O salvaxe leva o seu tempo unha carta cinematográfica tamén gravada en Galicia tralo seu retorno de Marrocos, mentres autores e autoras como Iván Castiñeiras (Trajectory Drift), Brandán Cerviño (Carta a Leningrado) ou as Also Sisters (The Film Machine) rodaron as súas pezas en Francia, Cuba e Estados Unidos respectivamente. A diversidade de contextos de traballo trasládase tamén á presenza tanto de obras de ficción como de documentais e filmes de carácter máis experimental. No primeiro ámbito, ademais de Sandra Sánchez e as Also Sisters, están presentes Laura Pousa con Un país extraño (protagonizada por Rosa María Mateo) ou Noela Gutiérrez con Un ollo de vidro (adaptación do clásico de Castelao). No referente ao documental poderá verse en Curtocircuíto M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987), o retrato que Ángel Santos realizou do pintor Manuel Moldes, recentemente falecido. Por último, o lado máis experimental do cinema galego recente está representado por Caerán lóstregos do ceo de Adrián Canoura e El Espectrorium de Judith Adataberna.

Supernova e Terra

Doce pezas de novas voces conforman o primeiro programa de Supernova

Doce pezas de novas voces conforman o primeiro programa de Supernova, que vai do narrativo ao experimental e ten un marcado peso do cinema máis íntimo. Nesta sección, o público terá así a oportunidade de descubrir o carácter e as inquedanzas desta parte dunha nova xeración de cineastas -conformada maioritariamente por directoras- a través dunha selección composta por Sendeiro, de Lucía Estévez; Ser y tiempo, de Daniel Arana; Marxes, de Sara Iglesias; El cuadrado, de Ángel Filgueira; O ollo cobizoso, de Lara e Noa Castro; Tiempo, de Alicia Alonso; ou as pezas Resiliencia e 16-11-2016/13-5-2017, de Marta Valverde; They Ponder e Confessions: Teaching Redemption, de Ariadna Cordal; e Fume e Lonxe, de Alejandro Rodríguez.

Pola outra banda, Terra é unha sección non competitiva dedicada a autores e autoras galegos que contan xa cun universo creativo consolidado ao longo de diferentes obras. Nesta primeira edición estará protagonizada por Xacio Baño e Jaione Camborda, dous cineastas que nos últimos anos estrearon os seus filmes ou foron premiados en festivais como Locarno, Clermont-Ferrand, Filmadrid ou o Fidocs de Santiago de Chile. Na actualidade tanto Xacio -escollido pola revista Variety como un dos dez talentos emerxentes do cinema español- como Jaione -que conta tamén cunha importante traxectoria como guionista e directora de arte- enfróntanse á estrea das súas primeiras longametraxes, Trote e Arima.

Minervini

Terra é unha sección non competitiva dedicada a autores e autoras galegos que contan xa cun universo creativo consolidado

Finalmente, Curtocircuito suma ás súas retrospectivas desta 15ª edición ao italiano Roberto Minervini, director que na última década tomou o pulso á rabia da América profunda nos seus filmes. Afincado en Texas, o cineasta vén de competir na Sección Oficial de Venecia con What You Gonna Do When the World’s on Fire?. Ademais, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela revela tamén os sete filmes que conformarán Penínsulas, a súa sección de cinema español, e vén de facer pública a súa imaxe para este ano, inspirada na selva como lugar por descubrir, do mesmo xeito que a programación busca películas que exploren non só realidades descoñecidas, senón novas formas de facer cine.

 

Cartaz da edición 2018 do Curtocircuíto © Curtocircuíto
Un país estraño Dominio Público Praza Pública
Lonxe (Alejandro Rodríguez) Dominio Público Praza Pública
Louisiana - The Other Side, Roberto Minervini (2015) © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.