0 Gardados para despois

O Festival Galicreques dedicará 13 das súas 25 funcións a colexios e institutos

Redacción | @prazapublica

O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 23ª edición entre o 13 e 21 de outubro en Compostela. A programación inclúe máis de 25 espectáculos, coa participación de compañías procedentes de Arxentina, Brasil ou Venezuela, ademais de formacións galegas e do resto de España. 13 das funcións estarán especialmente dirixidas ao alumnado de colexios e institutos. O festival está organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE.

Os espazos nos que se realizarán as funcións da programación para escolares serán a Fundación SGAE, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural Santa Marta

Os espazos nos que se realizarán as funcións da programación para escolares serán a Fundación SGAE, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural Santa Marta e as funcións concentraranse principalmente en horario de mañá dos días lectivos para o estudantado, entre o luns 15  e o venres 19. Os centros interesados en levar os seus estudantes ás funcións poderán contactar nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147 de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00h. 

A programación arrinca o luns 8 de outubro, cunha función na Fundación SGAE ás 10.30 h. de La ratita presumida, da formación valenciana Teatro La Estrella e destinada a rapaces maiores de 2 anos. Unha semana despois, o luns 15 de outubro, e xa co Festival Galicreques en marcha, a SGAE acollerá ás 10.30 horas a peza El pirata Barba, dos valencianos Xarop Teatro, dedicada ao público a partir de 4 anos. 

A Fundación SGAE continuará ao longo desa semana de outubro acollendo diversas funcións para o público dos colexios. Así, o martes 16 ás 10.30 h., será a quenda de Títeres Brincadeira, que lle ofrecerá aos espectadores maiores de 4 anos a obra Orellas de Trapo. O mércores 17, tamén ás 10.30 horas, os arxentinos de Uluria Teatro actuarán coa peza En una canasta, espectáculo ideado para maiores de catro anos. O xoves 18 a formación aragonesa Teatro de Medianoche ofrecerá ¿Quién soy?, montaxe pensada para o público a partir de 5 anos. Finalmente, o venres 19 ás 10.30 horas, os mexicanos de Mano y contramano representarán El oso que no lo era, peza formulada para espectadores maiores de cinco anos.

O Teatro Principal tamén acollerá funcións destinadas ao público de infantil e primaria como son La caperucita, dos arxentinos Tres Tigres Teatro (o martes 16 de outubro ás 11.30 h) ou DerreTimos, dos valencianos PTV-Clowns (o mércores 17 ás 11.30 h.). Por último, o Centro Sociocultural de Santa Marta recibirá o luns 15 de outubro ás 11 horas ao Grupo brasileiro Sobrevento, coa montaxe Mi Jardín (ideada para menores de cinco anos), e o martes 16 de outubro, Luis Vallecillo dará a coñecer a súa obra musical Cantamos? o martes 16  ás 11.00 h.

A histórica compañía Os Monicreques de Kukas ofrecerá unha función para institutos do seu último espectáculo: Requiem por un monicreque, escrita por Roi Vidal Ponte

O público maior de 10 anos, que desenvolve os seus estudos xa na ESO e Bacharelato, contará con tres espectáculos diferentes na programación do XXIII Festival Internacional Galicreques. O primeiro deles celebrarase o luns 15 de outubro nunha dupla función ás 10.00 horas e ás 12.00 horas. Trátase de Viaje a un país de Cortázar, coprodución arxentina-galega das compañías Tres Tigres Teatro, Chachakün e Títeres Cachirulo. A segunda montaxe será Home, dos madrileños de Mazzú Teatro, formación que actuará no Teatro Principal ás 11.30 horas o xoves 18 de outubro. Por último, o venres 19 de outubro, tamén no Teatro Principal, a histórica compañía Os Monicreques de Kukas ofrecerá unha función para institutos do seu último espectáculo: Requiem por un monicreque, escrita por Roi Vidal Ponte e galardoada co Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de adultos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.