A Escola Superior de Arte Dramática mobilízase contra os recortes e esixe a equiparación coa universidade

Mobilización do estudantado e profesorado este luns en Vigo © CIG

A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), con sede en Vigo, perdeu o 20% do seu profesorado dende o ano 2014, a pesar de que o número de alumnos e alumnas é nestes momentos é semellante ao que existía nos anos previos ao recorte. Ese curso, ademais, a Consellería de Educación eliminou tres novas prazas docentes. O alumnado e o profesorado da ESAD levaron a cabo este luns o primeiro dos tres días de folga programados para esta semana, unha mobilización na que participou o 100% da comunidade educativa, paralizando por completo o centro. Estudantes e docentes esixen tamén a equiparación da súa titulación co resto dos estudos superiores, unha batalla que nos últimos anos veñen dando todas as ensinanzas artísticas

A Consellería de Educación está aplicando a regulamentación propia do ensino medio e non da universidade, como lles correspondería

A comunidade educativa da ESAD manifestouse este luns ante a sede da Xunta en Vigo, onde denunciaron que a Consellería de Educación está aplicando a regulamentación propia do ensino medio e non da universidade, como lles correspondería ao tratarse dunha titulación superior, organizada a través de créditos e con titorías docentes. Acusan especialmente ao inspector Gustavo Lorenzo Prozzo, "que amosa unha actitude totalmente hostil arbitraria na súas funcións con respecto á ESAD", denuncia a CIG, e que estaría a aplicar incorrectamente a normativa do ensino medio, o que levou a esa redución de profesorado. Os docentes da ESAD advirten de que os recortes aplicados pola Xunta obrigarán o alumnado a marchar a Madrid ou Barcelona na procura sun ensino de calidade ou de determinadas especialidades, convertendo a Escola galega "nun centro de provincias".

Os recortes aplicados pola Xunta obrigarán o alumnado a marchar a Madrid ou Barcelona na procura sun ensino de calidade ou de determinadas especialidades, convertendo a Escola galega "nun centro de provincias"

Este inspector, segundo sinalan, intentou cambiar o perfil das prazas solicitadas e informou negativamente sobre a concesión das vacantes, presionando a dirección do centro e co menoscabo da autoridade do profesorado. O inspector amosa “un enfermizo interese en menosprezar a Escola Superior de Arte Dramática”, denuncia a CIG. A central critica ademais que o xefe territorial da Consellería de Educación así como a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos "negáronse a mediar no conflito, o que provocou que finalmente se consumase o recorte de persoal docente para o presente curso escolar. O sindicato pide que "non se poña en risco o prestixio e calidade educativa da única escola que imparte estes estudos" en Galicia. Este martes e mércores están convocadas novas concentracións de protesta.

 

Mobilización ante a sede da Xunta en Vigo, este luns © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.