0 Gardados para despois

A Audiencia Nacional condena a seis meses aos rapeiros de La Insurgencia, que evitarán a prisión

Redacción | @prazapublica

A Sala de Apelación da Audiencia Nacional vén de rebaixar a pena inicialmente imposta aos 12 integrantes do colectivo La Insurgencia, seis deles galegos, que o pasado mes de decembro foran condenados a 2 anos e un día de prisión por enaltecemento do terrorismo. Deste xeito, os rapeiros non ingresarán en prisión polas letras das súas cancións.

A Sala de Apelación rebaixa a pena inicial de dous anos e un día por enaltecemento do terrorismo, destacando que os GRAPO -aos que facían referencia algunhas letras- están xa inactivos

O tribunal destaca na súa argumentación que a banda terrorista á que supostamente os mozos terían enaltecido, os GRAPO, xa non se atopa activa (dende o ano 2006). A propia sentenza inicial da Audiencia Nacional, que só fora apoiada por dúas das tres maxistradas que xulgaban o caso (a terceira solicitaba a libre absolución dos rapeiros) subliñaba que non aprezaba un "risco concreto" de que as letras animasen á comisión de novos atentados, atopando tan só un "risco abstracto" para "a convivencia pacífica da sociedade". Este mesmo martes coñecíase que a Fiscalía recomendaba o mantemento da pena imposta, que tería suposto o ingreso no cárcere dos rapeiros, aos que acusaba de inclucar "unha cultura de odio que por si mesma indirectamente incitaba a comisión de actos de terrorismo".

O fiscal José Perals, encargado da acusación (o mesmo que pediu 375 anos de cárcere para os 8 mozos de Altsasu), sostiña que os integrantes do colectivo musical “propagan un método violento para combater un sistema que consideran inxusto” e chegaba a afirmar, comparándoos con yihadistas, que "os acusados teñen unha relixión que é a loita sindical obreira e que a explotación dos oprimidos merece unha loita armada contra determinados colectivos". Ademais das referencias aos GRAPO, a Fiscalía denunciaba que as letras "manteñen unha tónica subversiva fronte á orden constitucional democrática". Dende o grupo destacábase que os versos que se sinalaban no auto e na sentenza están sacados do contexto das súas cancións, "coma se fose un discurso político o un mitin". E, sobre todo, apelábase á liberdade de expresión.

Nas últimas semanas a Sala de Apelacións da Audiencia Nacional rebaixou igualmente de dous anos e un día a nove meses a condena que inicialmente impuxera a Pablo Hásel polas letras das súas cancións, atendendo á recomendación que tempo atrás realizou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que condenara o Estado Español polo castigo imposto a dous mozos que queimaran unha foto do rei Juan Carlos I. O Tribunal de Estrasburgo determinou que a queima de fotos constituía un acto de liberdade de expresión, lembrando que “a liberdade de expresión se extende a informacións e ideas que ofenden, chocan ou molestan”. Nos últimos días tamén chegou o rexeitamento de Bélxica a entregar a España o rapeiro balear Valtonyc, descartando que as súas cancións estean relacionadas co terrorismo en calquera das súas formas e lembrando que se inscriben dentro dun dereito fundamental como é a liberdade de expresión.

A viguesa Elena López Dafonte, nai dun dos condenados manifestaba a súa esperanza en que primeira sentenza fose corrixida e rebaixada, pero demandaba a libre absolución: "Non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta"

A viguesa Elena López Dafonte, nai dun dos condenados (Saúl Zaitsev) manifestaba hai meses a súa esperanza en que primeira sentenza fose corrixida e rebaixada, pero demandaba a libre absolución: "Non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta". Adevertía de que a sentenza, mesmo coa rebaixa coñecida este xoves "pódelle arruinar a vida, mesmo aínda que non entre en prisión". "El está a estudar Educación Social, e pode ser inhabilitado para traballos públicos durante oito anos a partir da sentenza firme. Isto impediríalle presentarse a calquera tipo de concurso público e oposición. E mesmo moitos traballos deste ámbito en empresas privadas dependen de subvencións do Estado que poñen como condición que os traballadores non estean inhabilitados. Déixalle sen saídas no seu campo", denunciaba.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.