Emilio Rúa: "A figura do cantautor non vai desaparecer, pero é un concepto que ten que evolucionar"

Emilio Rúa © Oscar Doviso

Rozalén, Javier Álvarez, Víctor Manuel, Josele Santiago ou Rosa Cedrón. Son só algúns dos “grandes” da música que acompañan a Emilio Rúa no seu novo disco: un conxunto de 16 duetos nos que trae ao galego voces ben coñecidas do panorama musical en castelán ao mesmo tempo que revisa unha parte do seu propio repertorio. Falamos con el deste proxecto, que presentará na Cidade da Cultura o venres 21 a partir das 21:00 horas nun concerto no que cantarán con el Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastedo.

Quen é o tal Blanco que che deu a idea de facer este disco?

É o manager de Siniestro Total, que ten a empresa Nalgures Producións. Foi el quen me deu a idea de facer un disco de duetos, sen darme nomes nin nada. A partir desa idea eu empecei a maquinar… e el ben sabía que, co cabezudo que son, ía sacala adiante.

Mais é un proxecto que vén xa de bastante atrás. Polo medio estivo o teu anterior disco, Querida alegría. Supoño que o que fixo que tardase foi o traballo de produción…

Pasou tempo desde que comecei a maquinar, si. O primeiro foi pensar as cancións e comezar a pensar quen podería interpretar cada unha, quen podería encaixar mellor. Cando xa tiña as cancións claras, o primeiro contacto foi con Víctor Manuel, a quen lle propuxen cantar comigo un tema meu. Pero ao final acabei versionando un tema del, Canción pequena, que é pouco coñecido. Despois fun contactando co resto.

"O primeiro contacto foi con Víctor Manuel, a quen lle propuxen cantar comigo un tema meu. Pero ao final acabei versionando un tema del"

Non coñecía a ningún: só a Rozalén, coa que coincidira no Festival da Luz, pero tampouco falaramos máis desde aquela. O que máis traballo me deu, si, foi chegar a todos eles, como dis. Despois había cancións que perfeccionar, cousas que mudar… pero si, o que fixo que o proxecto tardase foi iso. Cando tiñamos xa 16 persoas comezamos a gravar.

E a gravación foi, supoño, tamén un traballo de produción grande. O disco está gravado en Barcelona, Málaga, La Habana, Madrid, Vigo, Ourense… Eras ti quen se desprazaba, supoño.

En Madrid gravamos bastantes, como seis ou sete deles, porque estaban en Madrid ou perto. Outros dous en Barcelona, outros dous en Málaga, outros dous en Valencia… Despois mesturamos en Baeza, Jaén. Era eu quen se movía para gravar, si, porque era o que máis sentido tiña. Primeiro gravamos as bases e despois comecei a desprazarme eu para gravar con cada colaborador. Así, ademais, era máis fácil para min explicar o que quería, como o quería…

E foron todos tan receptivos coma Víctor Manuel?

Pois… si. Supoño que tamén porque, como tiña o si de Víctor Manuel, foi xa máis fácil chegar aos outros. Resultáballes, ademais, chamativo. Imaxina: pero como conseguiches a Víctor Manuel? Ou a Pablo Milanés, que tampouco é, precisamente, calquera. Estou moi satisfeito de que lles gustase o que eu lles propoñía… A ver, tamén hai xente que dixo que non. Mesmo a algúns non conseguín chegar. Ademais, a min gústame facer as cousas por min mesmo e non andar molestando para que me axuden a chegar a tal persoa… Non sei, niso si que podería dicir que quizais debería ser máis fácil, entre artistas, chegar uns a outros. Despois poderá interesarche o que che propoñen ou non…

"Si que podería dicir que quizais debería ser máis fácil, entre artistas, chegar uns a outros"

Sei que hai xente que dixo que non porque hai nomes que estaban anunciados, -nos que pensaras ao principio, sen ter nada confirmado-, que non están.

Si, claro, algún dixo que non, pero tampouco foi tan malo. Eu entendo que estaban cos seus proxectos, que non lles encaixaba… Pero polo menos animáronme a seguir, que tamén é algo importante no mundo artístico.

Algúns temas do disco son cancións moi coñecidas, como Iolanda de Pablo Milanés. Conseguiches traer ao galego a Pablo Milanés, a Javier Álvarez, a Josele Santiago… coas súas propias voces. Era parte da idea?

Era a intención, claro. E a verdade é que todos querían facer o dueto en galego, porque lles gustaba a idea, porque para eles era unha maneira de facer algo diferente… A algúns insistinlles eu en que o fixesen en castelán, porque tamén me apetecía que estivese o castelán. E, non sei, levar temas como Iolanda ao galego penso que ten tamén algo de xogo, de proposta divertida, diferente… É unha maneira de cambiar.

"A verdade é que todos querían facer o dueto en galego, porque lles gustaba a idea, porque para eles era unha maneira de facer algo diferente"

Sempre que se traduce unha canción que estás afeito a escoitar no idioma no que foi concibida, pode soar raro. Pero é que ademais supón un traballo técnico de adaptación… Non é o mesmo dicir “te amo” que “ámote”. Pode parecer unha parvada, pero para cantar non o é.

Si, pode soar raro escoitar noutro idioma o que estás afeito a escoitar doutra maneira. Pero tamén é verdade que, a forza de escoitala, xa che encaixa. Eu procuraba esquecerme de que eran cancións en castelán e centrarme na versión en galego. E si que é verdade o que dis: en Abrázame, por exemplo, que é de Julio Iglesias e Rafael Ferro, ao dicir “soedade” en lugar de “soledad” soaba rara a rima, pero o que che digo: é só escoitar unhas cantas veces.

Levas ao galego cancións doutros artistas, que eles cantan contigo en galego. Despois levas ao castelán temas teus -outros mantelos en galego-. Era un pouco ese o xogo?

En parte si. Hai temas que sempre estiveron en galego e que neste disco están en galego, coma Vida miña, En terra de lobos ou Coroza. Pero Búscame naceu en castelán, só que o adaptara ao galego para gravalo en Vida miña. Neste disco de duetos apeteceume que estivese en castelán, como nacera. Eva sen Adán naceu en galego e neste disco está en castelán. Noutros casos, fixen o tema directamente en castelán: Fósforo bronce, El parnaso de los sueños, Extinción e Cosa maravillosa.

Nas letras, que teñen un aire poético, está moi presente a natureza. E, ao lado dela, as sensacións. Por que?

Pois es a primeira que se fixa pero, si, para min é algo moi importante na miña música. E supoño que se explica polo lugar de onde veño, As Vendas da Barreira, en Riós. É o meu mundo, desde pequeno. Sempre que podo vou ao monte correr… Penso, ademais, que a natureza ten as respostas a todo o que estamos a facer. A natureza é moi importante para min. E penso que iso está ben reflectido no tema Cosa maravillosa, en especial…

"Penso que a natureza ten as respostas a todo o que estamos a facer"

Tamén están moi presentes os afectos. O amor, e supoño que o desamor. Non sei se non serás un romántico, no sentido popular da palabra.

Eu diría que o amor si, pero non sei, o desamor… Entendo que o amor conleva esa parte, pero en realidade do que quero falar é de amor. Supoño que será tamén porque eu levo toda a vida coa mesma persoa ao meu lado. Se me puxese a falar de desamor estaría a faltar á miña propia verdade… E sempre tento ser fiel, no que escribo, á miña propia experiencia.

Dicía o do desamor por temas coma Se ti te vas, que a citabamos antes. Tanto se te vas agardarei a que volvas e ese tipo de discurso… pode resultar algo cargante. Refírome ao tópico do amor desesperado…

Pero esa letra non é miña! Falamos antes dela: é de Julio Iglesias. O que quixen foi facer unha versión en galego. Nun principio ía estar en castelán, pero despois decidín facer unha versión en galego, para que fose diferente. Nun principio, ademais, pensei que non ían darme permiso pero, contra o que eu esperaba, déronmo. Afástate fala do difícil que pode ser estar con alguén que se dedica á música, sempre a facer cancións… Pero non deixa de ser un canto de amor. Pode ter un toque máis negativo ou triste, pero en xeral penso que as cancións do disco non falan de amores desesperados.

Outra idea que se desprende do disco é a da busca da calma no medio do caos. Varios temas falan de fuxir dalgunha maneira.

Iso está sempre no meu traballo. Tal e como está o mundo, supoño que ao final é normal plasmar esa necesidade de buscar un oasis onde non parece posible atopalo. Por iso esa idea de evasión, de poder respirar un pouco.

En canto á música, non é unha voz e unha guitarra, por se alguén agarda iso ao identificarte coa etiqueta “cantautor”. Hai guitarras, piano, harmónica, percusión, teclado, violín, arpa… Tes varios colaboradores na música, non só nas voces. E hai algo de pop, algo de country...

Desde un principio dixeron que eu era cantautor, e si é verdade que me identifico con iso. Ás miñas letras tento darlles o meu sentido poético propio, e penso que iso dálle coherencia ao meu traballo, en todos os discos. Tento facer cousas que me gusten e que á xente lle “entren” ben. Ás veces, a regra máis simple é a máis eficaz. Quero dicir, que me interesa a sinxeleza. Pero tamén me considero músico e, nese aspecto, neste disco quixen fuxir do sobrearranxado, que fose todo lineal, que fose un apoio ao meu piano e a miña guitarra, que é a parte máis “cantautora”.

"Ás veces, a regra máis simple é a máis eficaz"

Que instrumentos tocas ti no disco?

Guitarra e pianos -case todos, menos en Iolanda e Búscame-. Todo o resto: batería, baixo, violín, arpa, etc, son pinceladas. Como che dicía, non quixen facer arranxos complicados nin rebuscados. O máis importante para min eran voces.

"O máis importante para min eran voces"

Creo que te define ben o que dis da sinxeleza. Así son as túas cancións. Moi sinxelas.

Dentro do complicado que é facer unha canción, si. Tamén é algo que teño en conta nas letras. Gústanme as cancións simples, a poder ser de non máis de dous minutos. Non fai falta repetir o retrouso un monte de veces… O que pasa é que estamos moi afeitos á estrutura de introducción-estrofa-estribillo… Por iso pode ser difícil facer cousas sinxelas…

E como iso de que comezaches con sete anos nunha orquestra?

Pois foi unha odisea. Do mellor que me pasou na vida… Na miña familia somos cinco irmáns. Eu son o pequeno. Meu pai, que sempre foi músico, ademais de construtor, albanel… ensinounos música, mandounos ao conservatorio… e despois decidiu montar unha orquestra con nós. Empecei aos sete anos e estivemos oito anos tocando. Foi a mellor maneira de saber o que é a música, o duro que é ser músico… Fixen, ata agora, oito discos, e o último tema de Duetos leva tres notas de saxo de alguén moi especial: meu pai. Que toca cos seus 83 anos. Nun disco de duetos cos grandes, este é un dueto moi especial para min, cun grande que é meu pai.

"Empecei aos sete anos e estivemos oito anos tocando. Foi a mellor maneira de saber o que é a música, o duro que é ser músico…"

Supoño que algo que hai que deixar claro é que este non é un disco de versións, dun mozo de Ourense que fai duetos con famosos. A maioría dos temas do disco son teus.

Quen non me coñeza, se investiga un pouco xa se dá conta. Quen coñeza un pouco a miña traxectoria sabe que versións fago algunha nos meus discos, pero a maior parte dos temas son meus.

Hai un tema en portugués. O disco ten, tamén, un pouco diso, de intercambio galego-castelán-portugués.

Pois Você ía estar en castelán, pero non conseguín o permiso. Cántaa comigo La Shica, que parece brasileira ao cantar, pero é de Málaga. O resto, menos Milanés, cantan comigo en castelán ou galego.

Pablo Milanés é cubano pero ten relación con Galicia, igual ca Josele Santiago. Onde gravou Milanés, aquí?

Non, na Habana. Eu mandeille todo alí e foi todo moi ben. A verdade é que me deron todas as facilidades posibles.

Duetos ten, ao mesmo tempo, algo de repaso da túa traxectoria, porque En terra de lobos e Eva sen Adán estaban no teu anterior disco Destino Sur; Tristeza en Despois de ti, a chuvia; Vida miña e Búscame en Vida miña e Coroza en Interior.

Si, o disco é coma un breve repaso, nese aspecto. Non me apetecía facer todo temas novos, tamén porque hai temas que pensaba que debían coñecerse máis. Quedaron algúns que xa non puiden meter. Para a próxima se cadra…

E xa que fas ese repaso, como ves desde a perspectiva de agora os primeiros discos? Como dirías que foi a túa evolución?

Cando gravei o primeiro disco non vía moi posible facer un segundo. Cando gravei o segundo non sabía se ía poder facer un terceiro… e así cheguei aos oito que teño agora. Hoxe tamén cambiaron moito as cousas na música: podes gravar doutra maneira, noutras condicións. E cando empecei non imaxinaba que ía acabar gravando un disco de duetos con grandes da música… o cal me fai pensar que, se iso foi posible, é porque algo ben fixen. Iso en canto a evolución. Polo demais, sigo a facer cancións como as fixen para o primeiro disco. Como dicía antes, cancións sinxelas…

"Cando empecei non imaxinaba que ía acabar gravando un disco de duetos con grandes da música… o cal me fai pensar que, se iso foi posible, é porque algo ben fixen"

Dixeches noutras entrevistas que a industria musical non apoia os cantautores. Non sei se é certo. Se cadra o que pasa é que non se lles chama cantautores.

Agora parece que o público está apoiando un pouco máis pero, si, hai músicos moi coñecidos aos que lles chaman unhas veces cantautores, outras cantantes… Se a barreira é esa, o nome, sería unha cousa triste… Pero o que penso é que a figura do cantautor non vai morrer nunca.

Se cadra tamén o que pasa é que, no noso imaxinario, “cantautor” era o que facía canción protesta nos 70 coa súa guitarra.

Claro, mais, a quen fai as súas propias cancións, como lle chamas? A figura do cantautor non vai desaparecer, non se pode prescindir dela. Pero é un concepto que tamén ten que evolucionar. Xa non é coma antes. A situación non é a mesma. Pero si falta que as discográficas apoien máis este tipo de música. Ocorre que as discográficas xa non son coma antes: xa non pensan no longo prazo. Despois, sobre o que dis do aspecto político, nas miñas cancións está por exemplo a defensa do rural, a crítica ao seu despoboamento… Que tamén é unha forma de denuncia e de protesta. Mais dito isto, é verdade que a política non é un tema do que me ocupe demasiado. Ou os políticos, máis ben.

"A figura do cantautor non vai desaparecer, non se pode prescindir dela. Pero é un concepto que tamén ten que evolucionar"

É habitual, en Galicia, sentirse pouco recoñecido como artista. Ti sénteste valorado, despois de tantos anos?

Si que me sinto valorado, por parte da profesión -dos músicos- e da cultura, en xeral. Tamén é de recibo, despois de todos os anos que levo. Despois, en canto a público, ás veces non ten sentes recompensado, porque en Galicia temos tendencia a valorar máis o de fóra. Pero o importante é a traxectoria, o que fas, o que cantas e como…

"Si que me sinto valorado, por parte da profesión -dos músicos- e da cultura, en xeral"

Dixeches por aí que es bastante músico de bares. E a moita honra, poderiamos dicir. Mais, que tipo de locais prefires para tocar e onde adoitas facelo?

Traballo bastante para concellos, para institucións en eventos… Non toquei en grandes festas -en Ourense si, claro- pero si en festas máis pequenas… Un pouco de todo. O meu repertorio é bastante variado e iso tamén o valoran á hora de contratar. Valoran o meu caché. A bares volvería, pero sempre que poida tocar nunhas condicións dignas e non ante un público que o que quere é só falar coa persoa de ao lado…

Tamén é importante iso: ter un caché e non baixar. Non ir tocar nas condicións que sexa.

Si, claro, tes un caché, e podes axustalo dependendo de ata que punto e de quen cho pida, de para que sexa. Pero sempre hai que procurar traballar nunhas condicións dignas.

"Sempre hai que procurar traballar nunhas condicións dignas"

Que se poderá escoitar no concerto de presentación de Duetos?

Os 16 temas do disco máis un tema máis con cada un dos cantantes que me acompañarán: Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastedo.

Por certo, que Víctor Manuel canta contigo no teu disco e ademais convidoute a cantar con el nun concerto seu.

Si, e foi un detallazo enorme. Cantar con el e ademais cantar en directo con el no Luar. Víctor Manuel tivo ese detalle, e actuou cunha humildade que xa quixeran outros.

Capa do disco 'Duetos' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.