Galician Bizarre 3: A música da periferia da periferia

Portada do Galician Bizarre 2, a cargo de Ruben Dominguez,Andres Magán e Mar Catarina © Galician Bizarre

No ano 2010 publicouse o primeiro disco colectivo de Galician Bizarre. Nel estaban bandas como Telephones Rouges, Metralletas Lecheras, Noise Project, Los Santos, srasrsra ou Novedades Carminha, un total de 15 grupos que se movían no underground, con estilos variados e presentándose cun "Gastropunk ou morte, pailáns". No 2012 chegou o segundo álbum (con Sr. Anido & Sra Álvarez, Trajano!, Terbutalina, Mano de Obra, Carrero Bianco, Alarido Mongólico, Fantasmage ou Wild Balbina). E nuns meses editarase o terceiro recompilatorio, que está nestes momentos recollendo os apoios necesarios nunha campaña de crowdfunding.

O LP, que podería ser publicado en xaneiro, conterá 17 temas doutros tantos grupos tan diferentes que van do pop lo-fi ao trap, da neopsicodelia ao post-grunge ou do punk á electrónica: Pantis, Contenedor de Mierda, Esposa, Dois, Lamprea Explosiva, Selvática, Atrás Tigre, Boyanka Kostova, Pálida, Travesti Afgano, Bifannah, Puma Pumku, Velvet Dream, Oh! Ayatollah, Estrambote, Jay, Bulto e Kadett GSI. 

Sempre foi difícil definir o Galician Bizarre, un movemento musical (no que as artes visuais, da ilustración ao videoclip tamén xogaron un papel importante) que se move nas marxes, sexan as que sexan. "Ninguén sabe exactamente o que é o Galician Bizarre", destácase de feito na presentación deste terceiro álbum colectivo "feito co enfoque diferente que probablemente da o vivir na periferia da periferia, falar outro idioma, a dieta atlántica e o bizarrismo das costumes festivas de aquí". Como salientaban os coruñeses Mano de Obra: "Facemos unha cancela cun somier, cocemos o polbo nun bidón, destilamos licores no galpón, montamos un furancho con catro ferros para compartilos..., se cadra pasa o mesmo coa música. Se tes un teclado "dos da cabra" e unha guitarra ou unha zanfona e unha distorsión ou un bote de colacao e unha melódica... o caso é tirar para adiante".

"Nestes anos o Bizarre floreceu e murchou varias veces, deixando polo camiño numerosos concertos, deseños gráficos memorables, bandas populares e esquecidas, grandes churrascadas e dous volumes recopilatorios. Seis anos despois do segundo volume, rexurdimos das nosas cinzas para retratar a escena galega do momento, igualmente rica e caótica", destácase na presentanción deste terceiro disco, engadindo que "que che guste como sonan os Cramps, Sonic Youth, Aphex Twin ou os Beastie Boys non impide falar de Manuel Fraga, o Apóstolo Santiago, Luar ou o que che pete". 

O deseño do álbum corre a cargo do artista e músico vigués Óscar Raña, continuando así o vínculo do Galician Bizarre co vibrante mundo do deseño e a ilustración en Galicia: Rubén Prol, Andrés Magán, Mar Catarina e Rubén Domínguez asinaron as portadas e contras dos volumes anteriores.

O crowdfunding inclúe como recompensa a posibilidade de mercar o disco anticipadamente e de que o nome da persoa ou entidade apareza no propio álbum; tamén se pode conseguir unha camiseta exclusiva con deseño de Rubén Prol.

Ademais, por 200 euros pódese acceder ao pack completo: "Se eres desas persoas que o queren todo, podes telo: disco, camiseta e aínda por riba a compañía de Señor Anido nunha inesquecible ruta por lugares emblemáticos da Galicia máis bizarra. A excursión non inclúe dietas. Duración máxima 5 horas. Saída dende onde acordedes. O disco e a camiseta xa chos leva el". Finalmente, por 1.000 euros a persoa ou entidade que apoie o disco, poderá acoller unha festa Galician Bizarre.

Deseño de Rubén Prol que ilustra as camisetas producidas para a edición do Galician Bizarre 3 © Galician Bizarre
Portada do Galician Bizarre 3 © Óscar Raña
Portada do Galician Bizarre 1 © Rubén Prol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.