0 Gardados para despois

Porlier volve alzarse este sábado contra o absolutismo en Arteixo

Redacción | @prazapublica

O 19 de setembro de 1815 Juan Díaz Porlier iniciou na Pastoriza (Arteixo) un pronunciamento en defensa da Constitución de 1812 e contra o absolutismo de Fernando VII. Esa noite entrou na Coruña, onde lanzou tres proclamas dirixidas ao pobo, ao exército e á oficialidade e detivo o Capitán Xeneral (Felipe de Saint Marq), poñéndose á fronte da Xunta Revolucionaria. Co apoio das gornicións de Ferrol e Vigo e comandando os batallóns sublevados, o Mariscal dirixiuse a Santiago de Compostela para convencer as autoridades e tropas alí acuarteladas para que se unisen ao movemento. Porén, á entrada de Ordes foi traizoado por un grupo de sarxentos. Detido, foi xulgado na Coruña e finalmente aforcado no actual Campo da Leña o 23 de outubro de 1815, lugar onde hoxe existe unha estatua dedicada a el. Tiña 27 anos.

Un espectáculo musical e teatral baseado no histórico alzamento liberal de Porlier estréase este sábado en Pastoriza, desde onde iniciou o levantamento

Algo máis de 103 anos despois, este sábado 29 de setembro, Porlier volve. Estréase en Pastoriza o espectáculo musical e teatral baseado no histórico alzamento liberal, ás 20.30 horas na praza da igrexa. 

Neste espectáculo teatral e musical participan medio cento de actores, actrices e figurantes, entre os que están os propios veciños de Pastoriza, e tamén hai música en directo para recrear este importante episodio histórico. "Porlier trataba de recuperar as liberdades e os dereitos da Constitución de 1812", din os organizadores sobre un home que fora un dos heroes da Guerra da Independencia contra os franceses.

No espectáculo teatral e musical participan medio cento de actores, actrices e figurantes, entre os que están os propios veciños de Pastoriza

Neste proxecto están implicados colectivos e asociacións de Pastoriza e de Arteixo. A idea e coordinación é do historiador local Xabier Maceiras; guión e texto foron escritos polos autores locais Henrique Rabuñal e Miguel Sande; a montaxe é obra do grupo teatral  Melandrainas, de Arteixo, con dirección de  Queta Soto e Marga Fernández; Víctor Iglesias está á fronte da parte musical. A organización, produción e loxística corre a cargo da asociación cultural e veciñal O  Grilo de  Pastoriza; tamén colaboran o  Concello de Arteixo, a empresa Repsol e a Deputación Provincial. Presta apoio igualmente a Asociación Cultural e Teatral Abril de  Lume e Ferro, de Carral, organizadores dos Mártires de Carral. O cartel promocional é obra de César Díaz e é o actor e alumno da ESAD Roque Ruiz quen encarna a  Porlier.

Os impulsores deste proxecto pretenden que teña continuidade en sucesivas edicións, "que forme parte das festas e romarías de San Miguel en Pastoriza (con organización a cargo do concello de Arteixo) que se celebrarán todos os domingos de outubro". Este sábado haberá xa múltiples actividades durante toda a xornada, animación e romaría con artesáns de toda Galicia, e acabará ás 22 horas cun concerto de Xabier Díaz e as  Adufeiras de Salitre na propia praza.

 

"A morte cobre aos bos de honor e gloria"

Porlier naceu en Cartaxena de Indias en 1788 e foille concedido o título de Mariscal pola súa actuación na Guerra da Independencia. Nos seus derradeiros días, escribiu unha carta á sua muller, dona Josefa Queipo de Llano, onde dicía: "Nada te aflixa o xénero de morte que me dan, porque ela non deshonra senón os malos, aos bos cóbreos de honor e gloria". A viúva foi encerrada nunha cela dun pequeno Colexio de Orfas na cidade de Betanzos baixo a custodia de Vicente Feliciano Faraldo, pai de Antolín Faraldo. En 1820, tras o triunfo do alzamento de Riego, os restos de Porlier foron inhumados con honra na capela de San Roque (que daquela existía a poucos metros do Campo da Leña). En 1823, coa volta do absolutismo foi de novo exhumado e enterrado no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, mais non se sabe onde.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.