“Solo los ignorantes/ fétidos y rudos/ imbéciles y oscuros/ no sienten el español”

Imaxe de arquivo da Ultranoite © Chévere

Mas “solo los ignorantes/ fétidos y rudos/ imbéciles y escuros/ no sienten el español”. Deixouno ben claro Marta -Arantza Villar- na última Ultranoite de Chévere en Teo, na que tivo unha aparición estelar motivada polo seu sentido da responsabilidade en favor do espallamento dos valores da “unidade e o constitucioeanalismo” neste terrible “momento histórico”, no que, como xa denunciou Toni Cantó, aquí xa non falan castelán máis que “los de fuera”. Porque, -lembrou Marta- na terriña da que procede, Galicia, “la mayoría se sienten españoles”, só, que ás veces, como lles meteron cousas na cabeciña, dálles “vergüenza” recoñecelo. E de aí a relevancia de reforzar o espírito patriótico co Himno -que interpretou coa letra do galego un bocadiño cambiada e despois con aquela versión tan popular sobre a cor das cachas do Generalísimo a e súa relación cos Reais lavados con deterxente-. 

A artista chegara ao escenario do Auditorio da Ramallosa alzada, en procesión lexionaria, nos brazos de catro cabaleiros -Miguel de Lira, Sergio Zearreta, Manolo Cortés e Borja Fernández- dunha brigada antilazos amarelos que conseguira minutos antes liberar a sala non só dunhas sospeitosas cintas da cor da flor do toxo, senón mesmo de anacos de limón camuflados en vasos de cristal e até dun bolso de señora do ton antiespañol. Momentos antes, víranse obrigados a reducir a Xesús Ron, que aparecera no escenario, en actitude provocadora, co traxe dun dos míticos personaxes da Ultranoite, Gualdo.

O Apóstolo Santiago tivo que comparecer para aclarar os desaguisados provocados hai xa un tempo polo ateo, roxo e separatista Carlos Santiago

Mais pasaron moitas máis cousas na última Ultranoite. Entre as máis importantes, a visita do mesmísimo Apóstolo Santiago, que tivo que comparecer para aclarar os desaguisados provocados hai xa un tempo polo ateo, roxo e separatista Carlos Santiago. Contou o Apóstolo que tivera que facer enormes esforzos para conter a súa cólera cando chegara aos seus ouvidos que el mesmo se atrevera a chamarlle “puta” á Virxe, a nai do seu mellor amigo, Xesús. Mais -lembrou-, el pola unidade de España está disposto a facer os maiores sacrificios -mesmo aplicarlle o 155 á Virxe de Montserrat se fose necesario-, e decidiu, tentar, antes de pasar a vingar tal afronta coa súa apostólica e ben coñecida ira, indagar de onde saíra semellante disparate.

Foi así como soubo que, durante o Carnaval, os comunistas do goberno da súa cidade chamaran para dar un pregón a Carlos Santiago. "Un matrimonio" contáralle, despois, á Verdade Revelada, que este roxo e separatista proferira o tal insulto contra a nai de Xesucristo. Incrédulo ante unha barbaridade de dimensións tan estratosféricas, preguntouse o Apóstolo se o problema non radicaría en que, cortadas as xenerosas subvencións de Manuel Fraga, -pois antes corría o diñeiro a esgalla-, xa non se podían contratar xornalistas, polo que o equívoco podería deberse ao mal facer dun bolseiro incapaz de contrastar fontes e feitos.

Disposto a aclarar as cousas e, preocupado polo escándalo que percorrera España enteira, o Apóstolo Santiago dirixiuse en persoa ao tradicional local da Verdade Revelada no centro da cidade, mais, para a súa sorpresa, atopou un cartaz de “Se vende”, polo que tivo que usar o seu teléfono apostólico para chamar directamente ao seu director. Tras tranquilizalo aclarándolle que o pregón non o dera el, lembroulle aquela historia dun zaragozano que ousara dicir que a sagrada catedral de Santiago, ao lado da do Pilar, nada valía, ao que un picheleiro de pro, en resposta ante tal ofensa, replicara “vuestra Pilarica se la chupa a nuestro Apóstol”.

Público asistente a unha ultranoite / © Chévere

Simplemente estaba a expresar, coa linguaxe machista e soez propia da época, que a catedral de Santiago era mellor que a do Pilar

Por se alguén sufrise problemas de comprensión lectora, aclarar que o tal picheleiro, que en ningún momento cuestiona a virtude da Pilarica, non se refería a que se tivese producido ningún tipo acto sexual entre as dúas santas personalidades, nin a que tal feito fose ou debese producirse no futuro, senón que simplemente estaba a expresar, coa linguaxe machista e soez propia da época, a súa opinión sobre que a catedral de Santiago era mellor que a do Pilar. “¿Y no te hacía gracia esta historia antes?”, preguntoulle o Apóstolo Santiago ao director da Verdade Revelada. Ao que este respondeu que si, pero que había que “vender periódicos”, aínda a forza de crucificar a quen o Apóstolo cualificou como pobre ovella descarriada.

Mais como a Ultranoite foi, desta volta, un auténtico desfile de personalidades, a carón da cantante máis patriota e do noso Apóstolo non podía faltar outro dos máis entrañables personaxes da mesma: Mariano -Manolo Cortés-, que chegou a Teo para explicarlle ao público onde anda e a que se dedica despois da “traición de censura”. E é que o ex-presidente de España deixou a política para meterse a nada máis e nada menos que Rexistrador da Propiedade Intelectual, posto desde o que asesora artistas para evitar que os acaben metendo no cárcere.

"O ex-presidente de España deixou a política para meterse a nada máis e nada menos que Rexistrador da Propiedade Intelectual"

E alí mesmo, no Auditorio de Teo, deunos unha mostra do seu bo facer, recibindo a un galego, un catalán e un vasco. Ao catalán, -Borja Fernández-, que se parecía a Valtonyc, aconselloulle primeiro cambiar as súas letras e despois quedar en Bélxica, onde a xustiza é doutra pasta. A Evaristo (Miguel de Lira) -galego de orixe e vasco de adopción-, recomendoulle refinar a súa linguaxe, usando outro tipo de expresións para apelar a certos policías e non acabar denunciado pola… Garda Civil. A Fermín (Sergio Zearreta), vasco de fala galega, aconselloulle cantar en “vascuence”, porque total ninguén o entende, mais acabou sendo contaxiado pola forza do primeiro cantando Sarri, Sarri. Pouco despois o público puido ver un vídeo do Valtonyc verdadeiro saudando a público e artistas da Ultranoite e chamando a non caer, nunca, na autocensura.

"O público puido ver un vídeo do Valtonyc verdadeiro saudando a público e artistas da Ultranoite e chamando a non caer, nunca, na autocensura"

Entre cliente e cliente, Mariano falaba coa súa secretaria Soraya. E a Soraya -Patricia de Lorenzo-, tamén puideramos vela xusto ao principio da Ultranoite. Viñera dicirnos, cantando, que o PP é seu, que para Dolores non vai haber ningún recuncho abondo agochado no que non poida dar con ela, e que non está nin moito menos morta, senón que volverá. E falando de políticos, tamén puidemos ver a Cristina (Sergio), explicando que o do seu máster só fora un desliz; ou a Pablo (Borja) no seu chalé recibindo a Bertín (Manolo), que viña propoñerlle substituír a Arévalo para seguir co espectáculo Vaya par de gemelos; ou a Pedro (Sergio), recén operado e totalmente zombi, coma unha sorte de Frankenstein superado polas circunstancias e por demandas múltiples e dificilmente conciliables.

Membros de Chévere, portando camisolas en apoio ao persoal da CRTVG que participa nos venres negros / Defende a Galega

Contra o final, a xuíza pitonisa -Mónica García- recibiu a consulta de Luis, (Xesús Ron), que se interesou polo futuro de Martiño, Xulio e Iago, ademais de consultar con ela os seus próximos movementos para reforzar a súa posición no Consello das Mareas. As imaxes de varios políticos desfilaron tamén polo xogo do Polbo da androide de Sanxenxo Akira. Unha aplicación na que o público ía votando “Si,oh” ou “Non,che”, e na que Rosalía ou Maruxa saíron mellor paradas ca Fran (Franco), Manoliño (Fraga), Julito (Iglesias) ou Frijolito co seu amigo nun barco fariñeiro.

Unha aplicación na que Rosalía ou Maruxa saíron mellor paradas ca Fran (Franco), Manoliño (Fraga), Julito (Iglesias) ou Frijolito co seu amigo nun barco fariñeiro

A pitonisa recomendoulle non deixarse seducir polos aduladores da Voz antes de ter que saír atender unha demanda dos seus servizos como stripper chegada desde un chalé grande de Casas Novas. A actuación musical da Década lembrou tamén outros temas de actualidade, como o costume dalgúns machos de violar en manada porque en España non pasa nada ou a metedura de pata dun xuíz ao que España pagará pola súa defensa. Tamén lembraron o discurso neofascista de Matteo Salvini, pouco empático coa inmigración e os xitanos. E ese mesmo tema, o rexeitamento do diferente, foi o que centrou a intervención de tres abellas -Mónica García, Arancha Estévez e Patricia de Lorenzo-.

Ben, en realidade eran unha avéspora do país moi preocupada pola aparición no seu terreo das velutinas -ou como queira se chamen-, unha velutina que se defendía como podía pero que tamén era boa e, no medio, unha abella galega. A avéspora chamáballes ladroas, depredadoras e asasinas ás velutinas, dicíndolles que cando elas emigraran foran traballar. E a velutina dicía que ela fora vítima da globalización, que estaba tan tranquila nun contedor comendo un lichi e que de repente aparecera na outra punta do planeta, mais que despois dun tempo por estas terras xa estaban botando raíces. Que xa dixera a consellería que había que aprender a vivir con elas. 

Ultranoite tocou a loita de traballadores e traballadores da TVG contra a manipulación e a utilización política deste ente público

A Ultranoite tocou outros dous temas de ardente actualidade galega. Un, a loita de traballadores e traballadores da TVG contra a manipulación e a utilización política deste ente público. Monti e Iria -Sergio e Mónica- presentaron un telexornal no que non facía falta falar de nada máis, porque xa estaba Venezuela, ademais de conectar con outro reporteiro -Miguel- que estaba sentado no váter cun certo xornal, o cal lles deu para falar de fake/fuck news ou noticias de merda.

Tras un número que apoiou a loita da veciñanza de Teo contra o proxecto de Toysal para enviarlles unha planta de tratamento de 80.000 toneladas de merda- precisamente-, grazas en boa medida á mudanza da lei do solo realizada polo PP para abrir o camiño a empresas coma esta ou ás mineiras de Touro ou Corcoesto, rematou a Ultranoite -con camisolas negras de Defendeagalega- cunha lembranza ao actor Xan Cejudo, recentemente falecido. A penúltima Ultranoite de setembro -pois esta crónica correspóndese co acontecido o venres 28- serviu tamén para anunciar que Iria Piñeiro estreará en outubro Anatomía dunha serea, e para presentar en “primicia” as primeiras imaxes de Eroski Paraíso, versión en película da obra de teatro homónima de Chévere.

Integrantes de Chévere, ultimando a Ultranoite © Chévere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.