0 Gardados para despois

Anxo Lorenzo: “Que me chamen ano tras ano dos mellores festivais folk de Europa é o mellor recoñecemento que podo ter”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A vida é un vórtice. Unha especie de espiral de idas e vidas para creadores coma Anxo Lorenzo, que desenvolven a súa carreira entre Galicia e todos os lugares do mundo dos que os chaman para traballar. E esta é, precisamente, a idea que alicerza Vórtex, o novo disco deste gaiteiro moañés, reflexo do momento profesional no que se atopa tras catro discos, moitos anos de percorrer festivais internacionais, facer colaboracións con grupos dos máis diversos estilos e seguir convencéndose, cada día, de que a música galega merece máis atención da que, moitas veces, se lle presta. Fóra e dentro. “É como ter petróleo e non querer exportalo”, di. Conversamos con el.

O disco foi gravado entre Galicia, Irlanda e Escocia. Penso que non só por unha cuestión loxística -porque tes moitos colaboracións de artistas de fóra-, senón porque buscabas un son diferente…

Si, foi unha decisión tomada a conciencia. Non quería repetir fórmulas dos anteriores discos e necesitaba vivir esta nova experiencia arroupado por grandes músicos e amigos. Quería un son diferente. Foi un proceso creativo que desfrutei moito: traballando con outros produtores, con moitos colaboradores… O resultado é, penso, un disco moi variado e con sabores e cores moi diferentes. Un disco dun gaiteiro, -con gaita e whistle-, que nos leva a Galicia, a Irlanda, a Escocia...

“Non quería repetir fórmulas dos anteriores discos. Quería un son diferente”

Supoño que sería un esforzo de produción bastante grande. Moito traballo coordinar tanta xente, de distintos países…

Foi un traballo duro, si, de ano e medio. Mais tiven a sorte de traballar con grandes profesionais que o fixeron todo moito máis doado. Ao final, resultou rápido, divertido e moi enriquecedor musicalmente. Glasgow é, ademais, o Hollywood da música folk.

“Glasgow é o Hollywood da música folk”

Alí están as produtoras, as discográficas, os estudios, o festival Celtic Connections… Desde alí exportan música a todo o mundo: a industria está alí, máis incluso ca en Dublín. É incrible, por certo, que nunha cidade coma Santiago, chea de turistas e peregrinos aos que tamén interesa desfrutar da música e da cultura galega, non haxa moita maneira de escoitar unha gaita, como non sexa no Obradoiro...

Será que non van a sitios coma a Casa das Crechas.

Xa, pero en Glasgow tes música tradicional todos os días da semana en moitos bares en diferentes puntos da cidade. En Irlanda pasa o mesmo… No mes de xaneiro podes ter vinte concertos de música folk á mesma hora en Glasgow.

Entendo que non é o mesmo. Mais, alén dos problemas que hai en Santiago coa música en directo nos bares, se cadra é un tema de políticas culturais. E falo da cultura en xeral. Os irlandeses venden moi ben o seu. É tamén un xeito de proxección da súa identidade nacional. O goberno galego anda a outras cousas.

Aquí coido que temos un problema sociopolítico, si. Ocórrenseme agora dous exemplos recentes. Hai pouco comezou na 2 de televisión española un programa de música en directo. E foi noticia porque había moitos anos que non había iso, un programa de música en directo.

“Debería ser normal que na televisión española se cantase en galego, en catalán...”

O outro exemplo é que hai uns días unha rapaza de OT cantou en galego. E iso tamén foi noticia. E non debería selo porque debería ser normal que na televisión española se cantase en galego, en catalán… Que estes dous feitos sexan noticia é un reflexo da situación real do galego e de que hai un problema, a nivel de políticas culturais.

O título do teu disco ten a ver, creo, coa vida do músico: de aquí para alá...

Vortex é vórtice, metáfora dun fluxo en espiral, turbulento. Ten que ver coa miña música e co momento que estou a vivir, viaxando polo mundo, reencontrándome con outros músicos en diferentes festivais… Este traballo ten moito diso, de reencontros, de conexións con outras músicas e músicos que comparten comigo este proxecto.

“Este traballo ten moito de reencontros, de conexións con outras músicas e músicos que comparten comigo este proxecto”

Eu penso que é un traballo moi coherente, feito desde a humildade, dun gaiteiro de Moaña que ten vontade de espallar a nosa música e a gaita galega polo mundo. Penso que temos que exportar a nosa música, a nosa gaita galega e presumir dela…

A peza A Barroca é un exemplo do que mencionas. Tes dito que foi a primeira vez, que ti souberas, que se gravan xuntas unha gaita galega, a uilleann pipe, a northumbrian pipe e a small pipe.

Si, penso que é a primeira vez que se xuntan e gravan estes catro tipos de bag pipes para tocar unha peza. É unha peza do repertorio de Muxicas e Xarabal. Na versión tiven a sorte de contar con Manu Conde (Milladoiro) na produción e nas programacións e con tres amigos virtuosos da gaita: Ross Ainslie, Andy May e Jarlath Henderson. Cada un co seu tipo de gaita. A primeira vez que tocamos os catro xuntos foi no William Kennedy Piping Festival (W.K.P.F.), en Irlanda, hai dez anos.

“A primeira vez que tocamos os catro xuntos foi no William Kennedy Piping Festival, en Irlanda, hai dez anos”

E alí estaba tamén o violinista, Eoghan Neff, que tamén colabora no disco. Volveremos encontrarnos no 25 aniversario deste festival, en novembro. A fusión das catro gaitas, en A Barroca é algo incrible. Os tres son profesionais dun nivel brutal: dos mellores gaiteiros do mundo. Auténticos referentes para as xeracións de gaiteiros do futuro. A Barroca e Silviris son, de feito, as pezas do disco que máis gustan.

Hai gaita, whistle, guitarra acústica, violín, bodhrán, bouzouki… Moitos instrumentos. Fuches probando cousas desde o primeiro disco, Spiritu 986. Mais Vortex ten máis relación con Tirán e Confuxón...

Sigo traballando na liña acústica, coa experimentación acústica. Neste disco hai máis temas de whistle, co que veño tocando e creando xa desde o principio. A diferenza principal deste novo disco é esa, que hai máis whistle, e máis timbres polo feito de ter moitos colaboradores, un son máis internacional. Temos a gaita, o whistle, o violín, o bouzouki, a percusión… A línea é acústica, aínda que tamén hai algo de teclado e algún elemento electrónico. Sempre me gustou esa fusión. E tampouco descarto voltar, no futuro a experimentar coa electrónica.

“Sempre me interesou a experimentación coa gaita, a fusión, para darlle un toque máis moderno, máis actual”

Sempre me interesou a experimentación coa gaita, a fusión, para darlle un toque máis moderno, máis actual, e tamén para chegar a un público máis amplo. Ademais, agora estamos nun bo momento: hai moias asociacións, escolas de música tradicional, grupos, a gaita está nos conservatorios… É un instrumento que evolucionou moito.

Dixeches, ao respecto, noutras entrevistas que en Irlanda a música -tradicional- está moi presente no sistema educativo. Aquí non o está no sistema regrado, formal, mais hai, como dis, moitas asociacións, grupos… E hai moitas crianzas e xente nova que toca, baila… Refírome a que é algo que non se perdeu, polo menos no rural, e iso non pasa en todo o mundo.

Temos a sorte de ter esa tradición musical viva, si. E despois, a situación do galego non é a do gaélico. Aquí falamos moito máis o galego ca eles o gaélico. Pero os galegos si estamos a anos luz dos irlandeses no que dis, na presenza da música no sistema educativo. Eles teñen un abano de instrumentos moito máis amplo, que non é só pandeireta, gaita e tambor... e ademais contan con apoios dos gobernos para estudos musicais e para fomentar así a formación de músicos máis novos, con moitas posibilidades de vivir da música tradicional e folk en todo o mundo.

E a diferenza non é só que os nenos, alá, tocan nos recreos, que tamén: é que tocan na clase, despois da clase, coa familia e nos pubs cando xa son adolescentes… É moi diferente. Alí o sistema de educación musical dos rapaces é de moitísimo nivel. Vin nenos moi pequenos tocar o violín, guitarra acútica, o acordeón, a frauta ou whistle cunha destreza impresionante. En Escocia e Irlanda ves iso. Aquí é diferente…

Falabamos antes de fusión. Penso que hoxe é o que reivindican case todos os músicos. Case ninguén é xa “purista”. Dígoo porque, nese aspecto, tampouco é fácil xa diferenciarse.

Si, pero a cuestión é conseguir unha fusión natural sendo orixinal, e iso non é tan doado. Pode non conseguirse, e que o resultado quede forzado. E despois, o feito de coller as maletas e empaparte das músicas doutros países, acumulando tantos anos de traballo, supoño que tamén fai que o teu traballo sexa diferente.

“Eu levo tocando toda a vida: a frauta desde os cinco e a gaita desde os seis”

Eu levo tocando toda a vida: a frauta desde os cinco e a gaita desde os seis. Todos os gaiteiros comezamos vinculados á tradición, estivemos en varios grupos tradicionais, eu ademais empecei a ir ao conservatorio sendo un neno… Por iso, algo que pode parecer tan obvio, e tan natural, como a fusión, non o é o tanto. Facelo ben é o resultado de moitos anos de traballo. E supoño que tamén por iso me chaman para tocar en Irlanda ou Escocia… En festivais de moitos lugares do mundo. Dentro de pouco iremos a Punta Arenas, en Chile, ao Encuentro Celta e tamén a México, Irlanda e Portugal.

"Algo que pode parecer tan obvio, e tan natural, como a fusión, non o é o tanto. Facelo ben é o resultado de moitos anos de traballo"

Entendo o que dis. Pero eu comentábacho porque, cando se reivindica moito o tema da fusión, ás veces parece que é algo novidoso, como se os anteriores estivesen ancorados no pasado. E iso non é certo. Nos 90 xa había moita xente facendo fusión. E a música tradicional nunca deixou de evolucionar, ademais.

O que ocorre quizais é que o da fusión tamén é un estereotipo que me acompaña desde Spíritu 986. O folk é fusión, claro. É música tradicional mesturada con batería, con guitarra, con baixo, teclados, bouzouki… E o disco Spíritu 986, que publiquei cando xa estaba apagando o boom do folk dos 90, no seu momento chamou a atención pola experimentación coa electrónica… Despois, quedoume ese etiqueta. Ademais, máis adiante saquei un disco chamado Confuxon... Pero si, claro, todo o mundo fusiona, coa gaita e con outros instrumentos.

Vortex comeza con Silviris e con Supernose, que tamén se funden entre elas: non nos decatamos do paso dunha a outra. Empezamos o repaso dos temas explicando estes?

É un set de dous temas que van unidos, si, aínda que están en diferentes tracks do CD. Silviris fíxeno en Moaña para a miña filla, que se chama Iris, e a miña moza que se chama Silvia, durante os nove meses de embarazo. Quedou un tema bonito e moi alegre coma Iris. Nesta peza colabora comigo un dos mellores intérpretes de whistle na actualidade, un auténtico crack como é Ali Levack. O segundo, Supernose, é unha composición do violinista escocés Gabe McVarish (Daìmh). Nos dous temas teño comigo a Ali Levack, Eoghan Neff, Pablo Lafuente, David Foley e ao galego Kin García, de Talabarte…

De A Barroca xa falamos un pouco antes. Un tema do repertorio de Xosé Manuel Fernández, (Muxicas). Cunha parte do cancioneiro Casto Sampedro.

Si, é unha nova versión, con arranxos novos a catro gaitas que podería ser a banda sonora dunha película ambientada nos países Celtas.

Héctor en Moaña ten bastante historia. Podes contala?

Está inspirada na peza escocesa Hector the Hero, de James Scott. É un tema moi popular en Escocia, que normalmente se toca con gaita ou violín. O que fixen eu foi unha reinterpretación co low whistle, inspirado nesta peza, que en ten máis de 100 anos. E o curioso é que cando a toquei por primeira vez en Glasgow á xente soáballe familiar, pero non recoñecían a melodía orixinal.

Berobreo Blues é un dos temas máis peculiares do disco. É iso, un blues feito con gaita.

É, si, un blues que tocamos por primeira vez hai un ano, na gala dos premios La Opinión, á que nos convidou Oscar Losada. Despois decidín gravalo para o disco. Gústame moito o ambiente que se crea coa zanfona de Germán Díaz, que é outro auténtico crack, e a guitarra acústica de Pablo Lafuente. Penso que quedou un blues moi orixinal, con instrumentos tradicionais.

“Penso que quedou un blues moi orixinal, con instrumentos tradicionais”

Vórtice é o que dá nome ao disco. Eoghan Neff volve estar neste tema. Mencionabas antes como o coñeciches.

A Neff coñecino en Irlanda no W.K.P.F., coma aos gaiteiros, como contei antes. E logo el mesmo propuxo que colaborásemos. Houbo feeling desde o principio, e xa colaborou comigo na produción e na gravación de Tirán e Confuxon. É un amigo, e un musicazo co que dá gusto traballar. Vórtice é unha composición miña que lle pedín a el que producise.

“A melodía de Vórtice está feita en Moaña, pero a peculiaridade é que parece unha jiga tradicional irlandesa moi antiga"

A melodía está feita en Moaña, pero a peculiaridade é que parece unha jiga tradicional irlandesa moi antiga. E logo ten tamén unhas percusións polo que a xente pregunta, porque non se recoñecen. Están feitas coa gaita desmontada, co son pasado por filtros de son e samplers, e o programador Joe Geaney deconstruíndo os ritmos. Conséguese, así un ritmo diferente, máis conceptual, máis moderno e máis innovador.

Despois vén Rakish Pipers. Que salientarías dela?

Os arranxos de Eoghan Neff e as colaboracións de Blackie O’Connell e Cyril O’Donoghue. Hai tres melodías. Primeiro o fiddle. Despois as gaitas galega e irlandesa, que entran xuntas ata o final do tema. Falabamos antes de como facer ben a fusión, e referíame a este tipo de cousas: xogando coas diferentes tonalidades e timbres das gaitas.

"Falamos distintas linguas, pero entendémonos. A min chámanme moito para tocar en Irlanda, en Escocia…"

Falamos distintas linguas, pero entendémonos. A min chámanme moito para tocar en Irlanda, en Escocia… E supoño que tamén é por iso, porque aprendín a tocar con xente que toca outros tipos de gaitas e non reparo á hora de tocar con eles a súa música tradicional e tamén a nosa.

Amo é unha adaptación do tema tradicional galego Amores.

É o tema máis experimental do disco. Unha produción de Neff moi de banda sonora, moi relaxante… Penso que, en xeral, este é un disco para iso, para escoitar relaxadamente de principio a fin. E mellor escoitalo con volume, para poder apreciar os matices.

“Penso que, en xeral, este é un disco para escoitar relaxadamente”

A Laranxeira procede tamén do repertorio de Muxicas.

Si, é unha mazurca de Muxicas. Un tema que coñece moita xente. Nós fixemos a nosa versión. Destacaría os arranxos de Xosé Liz no bouzouki e a colaboración do músico vasco Xabi Aburruzaga. O último corte do disco é Slide/A Camposa, a parte do disco con máis sabor galego: polo son da gaita, os aturuxos, o tambor galego…

"Slide/A Camposa é a parte do disco con máis sabor galego: polo son da gaita, os aturuxos, o tambor galego…"

Marca a fin do disco, e cheira moito a Galicia . Son temas moi populares, interpretados coa gaita galega, cun son máis de directo. Slide parece unha muiñeira pero é unha peza tradicional irlandesa. E o curioso é esa boa unión coa peza galega, de Xosé Romero. Esta peza dobre é máis de bailar, máis de festa.

Na produción tiveches a axuda de Scott Wood, Manu Conde, Xosé Liz, Joe Geaney e Eoghan Neff.

Grandes profesionais que, como dicía ao principio, fixéronmo todo moito máis doado. Pero foi moito traballo: moitos viaxes, moitos estudios, arranxos, produción, deseño… E eu dirixín todo o proceso. Quería que o disco reflectise o momento que estou a vivir como gaiteiro galego polo mundo ben arroupado.

“Quería que o disco reflectise o momento que estou a vivir como gaiteiro galego polo mundo, ben arroupado”

Por que empezaches a tocar a gaita con seis anos?

Foi no colexio, en Marín. Había un grupo de gaitas que aínda existe, Os Chaneiros, e foi un frechazo a primera vista. Teño aínda gardada a nota que o profesor de música lles escribira a meus pais, dicindo que o neno tiña talento, e recomendándolles que me comprasen unha gaita.

“Teño aínda gardada a nota do profesor de música aos meus pais recomendándolles comprarme unha gaita”

En Moaña había unha gran banda de gaitas chamada Semente Nova, no que estaba Xavier Blanco, que foi un dos meus primeiros mestres, xunto con Antón Corral, Moxenas (Nazario González Iglesias) ou Carlos Núñez.

Formácheste entre Moaña e Vigo, entón.

Si, o mestre Antón Corral, fundador da banda de gaitas Xarabal, é o meu artesán favorito e o de moitas xeracións de gaiteiros en Galicia. Moxenas de Muxicas tamén impartiu obradoiros en Moaña. A Carlos Núñez foi unha sorte telo de profesor no conservatorio de Vigo, onde daba aulas de gaita galega e frauta barroca.

“Carlos Núñez era un moi bo docente que nos motivaba moito”

Ao pouco tempo de ser profesor alí comezou a dedicarse máis á súa faceta artística. Foi cando comezou a colaborar cos Chieftains, xusto antes de saír o seu primeiro disco… Era un moi bo como docente e motivaba moito os alumnos.

Tamén colaboraches con músicos e grupos de estilos moi diferentes. Pregúntanche moito pola xira con Amistades Peligrosas. Algunha colaboración que queiras salientar?

Fixen moitas colaboracións, si. Con Amistades Peligrosas, con Marta Sánchez para a sintonía da Vuelta Ciclista, con Skape, Mónica Molina, coa Orquesta Nacional de Jazz de España… E logo, de folk, pois con Lunasa, Fred Morrison, Paddy Keennan, Kathryn Tickell… e con moitos musicazos. Despois nos mellores festivais do circuíto folk europeo. E que me chamen ano tras ano é o mellor recoñecemento que podo ter como gaiteiro.

“Que me chamen ano tras ano dos mellores festivais folk é o mellor recoñecemento que podo ter como gaiteiro”

Si, non creo que teñas moita queixa. Hai quen tivo que deixalo -os Berrogüetto mesmo-. Luar na Lubre mesmo tocan máis fóra que en Galicia… Hoxe tampouco estamos no boom do folk dos 90. Hai menos diñeiro, se cadra tamén máis variedade na música que se fai...

Si, que un grupazo como Berrogüetto tivese que deixalo explica moitas cousas da situación da música e os músicos galegos no Estado. Unha gran mágoa non poder seguir gozando das súas creacións despois dunha carreira impecable.

O disco leva unha foto interior dunha espiral e unha peculiar portada, cun tornado que apoia a idea do Vórtice. Quen fixo as fotos?

A foto interior é de Xulio Lago, un artista plástico do Morrazo. As fotos da portada, de G/F Studio. Vai no sentido da metáfora do vórtice, si. O fotógrafo, Jacobo Gayo dicíame que a miña música tiña moita forza e transmitía moita enerxía, e quería reflectir iso. Por iso ese escenario de treboada. É unha portada diferente, arriscada, como a música que fago. Non queriamos caer nos tópicos de sempre.

“É unha portada diferente, arriscada, como a música que fago”

Falando de tópicos, a gaita tamén está asociada a moitos tópicos. No Estado español, fóra de Galicia, moita xente escoita a palabra gaita e pensa en determinadas imaxes folclóricas. Como afastarse diso?

Si, está por unha banda a etiqueta da música celta, e por outra todo o misticismo que se asocia, si, con Galicia. Os tópicos están aí. Eu o que fago é música, ao fin e ao termo. Música desde Moaña para o mundo. E iso é o que importa. Nunha entrevista en Radio 3 dicíanme que, tal como dixera Xurxo Fernández, as culturas do norte non eran culturas minoritarias, senón minorizadas. E eu estou totalmente de acordo. A nosa é unha música que, se ten a oportunidade de escoitala, gústalle á maioría da xente. Outra cousa é que se promocione, valore, respecte ou non.

“Fago música, música desde Moaña para o mundo. E iso é o que importa”

Moita xente do folk di que se promociona máis a música do sur, o flamenco. Pero tamén depende de que tipo de flamenco. Que aí tamén se folcloriza, no mal sentido. Mais teño unha curiosidade. Como é recepción da túa música en Moaña, no teu pobo?

Moaña é un pobo de bos gaiteiros con moita tradición musical, na que temos moitos grupos de gaitas, coros mariñeiros, corais, bandas de música….. e no que o novo equipo de goberno está facendo moi bo traballo para recuperar o Festival Intercético do Morrazo e apoiar as diferentes inquietudes culturais da veciñanza. Levo aquí toda a vida e é un bo lugar para a inspiración dun músico ademais dun paraiso espectacular nas rías baixas…

Falabamos antes dos festivais. Como son os de Irlanda ou Escocia?

A idade media do público é máis alta, comparada cos festivais galegos. Aínda que tamén hai moita xente nova. Pero unha cousa que se nota é a cultura musical que teñen. Son moi respetuosos cos músicos. -Os festivais sempre son de pago, en teatros…-

“A riqueza musical galega é como ter petróleo, e non querer exportalo…”

Pero iso nótalo tamén nos pubs. Alguén comeza a cantar, e todo o mundo cala por educación. E eu o que digo sempre é que en Galicia temos unha riqueza musical que poderiamos aproveitar para exportar moito máis. É como ter petróleo en Galicia, e non querer exportalo…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.