0 Gardados para despois

“Un músico sempre aspira, dalgunha maneira, a mudar o mundo”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Dous estilos. Dúas xeracións. Dous países de procedencia. Mais un xeito semellante de entender a música. Como discurso social. E como experiencia vivida. Para a xente. Coa xente. Así pode entenderse o que fan, dunha banda, García MC, rapeiro galego de referencia, e da outra Alejandro Vargas, músico cubano asentado en Galicia hai xa uns cantos anos que é, sen dúbida, un dos mellores pianistas do país na actualidade. O Cantos na Maré vai xuntalos nun mesmo espectáculo. García MC, coa súa banda, Nación Quilombo, e Alejandro Vargas actuaron xuntos neste festival, o venres 12 no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Aproveitamos para entrevistalos aos dous.

Como xorde a colaboración entre os dous no Cantos na Maré?

García: Chamáronme a min para participar coa miña banda, Nación Quilombo. E púxenme en contacto con Alejandro para facer un directo para a ocasión.

Tiñades feito algo antes xuntos?

García: Unha vez que Alejandro tiña un concerto na Borriquita de Belem convidárame a facer un tema con el, a improvisar algo... Pero antes el xa colaborara nun tema que eu gravara na radio galega…

Alejandro Vargas: É verdade! Chamárame Toño Vázquez, o técnico da radio, e eu dixéralle que estaba liado coa gravación do meu disco, -o meu último disco-... Pero ao final fun, e foi así como nos coñecemos.

García: A partir de aí comezamos a entablar conversa, atopámonos máis veces… E chameino para este espectáculo porque é un músico que admiro.

Ademais, os dous estades afeitos a colaborar con moita xente que fai distintos tipos de música.
                       
Alejandro: A min o mundo do rap interésame moito. Xa en Cuba tiña grandes amigos rapeiros. Danay Suárez, por exemplo. Toquei para un disco dos Aldeanos, ademais, que son moi coñecidos en Cuba e no mundo do rap latinoamericano. Mesmo teño unha gravación na casa, feita con Hevi e L.A.R. Legido, que nunca se publicou.... que máis ben foi para desenvolver unha idea sobre a improvisación libre.

Alejandro: "A min o mundo do rap interésame moito. Xa en Cuba tiña grandes amigos rapeiros"

O jazz, ademais, ten moito que ver co discurso social en toda a evolución da súa linguaxe, e aí ten un punto en contato co rap. Interésame o mundo do rap galego. Neste caso, ademais, para min é unha oportunidade de traballar doutra maneira: o que teño que facer é potenciar o teu pensamento musical (diríxese a García), facer que o que ti fas soe con máis calidade, con máis enerxía...
       
García: Que gañe profundidade, si. No rap, o peso está na palabra. E a min interésame levar a palabra a outras sonoridades, que non quede exclusivamente nun 4x4. E a iso precisamente responde o proxecto de Nación Quilombo: que se basea nunha búsqueda de músicas do mundo. E tamén por iso chamei a Alejandro, porque busco nas raíces das músicas do mundo, coa intención de levar o meu proxecto a outras dimensións, a algo diferente.

García: “Busco nas raíces das músicas do mundo, coa intención de levar o meu proxecto a outras dimensións”

Alejandro: A min paréceme importante ademais que este discurso do rap e do hip hop, que en Galicia comeza a ser un xénero in crescendo, sexa transmitido en galego. Que se poida entender a vida das persoas e a situación política e social a través dese discurso, na lingua propia dos galegos. E non sei cal é o tempo histórico do rap: eu, de feito, pregúntolle a García a que xeración do rap pertence…

Cal é?

García: Houbo unha época que poderiamos chamar de pre-rap, que non era aínda cultura hip-hop, pero na que si había xente que introducía a linguaxe do rap: Os Resentidos, por exemplo. Mais, se facemos unha historia do rap, o primeiro rap en galego, xurdido en Ordes, é o de 5 talegos, e o do Hevi en Compostela. Despois aparece a segunda xeración, na que estou eu, con Ghamberros.

García: "É a nosa responsabilidade, liberarnos das cadeas, camiñar cara a liberdade como seres humanos"

E de 5 talegos e Ghamberros sae Dios Ke Te Crew. Pero a min o espírito pedíame non quedar só nesa dinámica: quería seguir afondando no traballo con instrumentistas… Tamén estiven 10 anos en Lagregos do tempo dos Sputniks e finalmente chegou Nación Quilombo. Un quilombo é un lugar onde os escravos fuxidos se xuntan para montar unha comunidade libre. E o que pretendo é levar esa idea ao mundo da arte. É a nosa responsabilidade, liberarnos das cadeas, camiñar cara a liberdade como seres humanos. E por iso a idea de nación, unha nación cosmopolita, unha nación hip-hop, un lugar para liberarnos a través de sonoridades diversas do mundo…

Dicía antes Alejandro que o discurso social do rap é semellante ao do jazz. Por que?
                       
Alejandro: Dicía antes que en Cuba hai unha comunidade de rap potente. E, coma rapeiros, falan de marxinalidade, de corrupción... O rap ponlle palabra ao que o jazzista representa. -Véndoo como un punto en común, porque en realidade cada un destes xéneros ten luz propia no seu discurso interno-. Cando se fala de jazz, normalmente trátase desde o punto de vista da forma, a frase…, o contido sonoro, que tamén o é. Pero en Estados Unidos, por exemplo, vese dunha forma máis clara o encontro entre o jazz e o rap: un discurso de grande potencia que pode ter o son acompañando a palabra, ou ao revés. A cadencia do rap, o que en Cuba chamamos a “guapería callejera”, a simboloxía do rap, poden tomarse como un recurso melódico interpretativo…

Alejandro: “A cadencia do rap, a simboloxía do rap, poden tomarse como un recurso melódico interpretativo…”

García: Hai unha melodía que vai intrínseca na palabra, si. Unha cadencia melódica… Por iso é moi importante o diálogo entre a palabra e os os instrumentistas. Acompañar a melodía que se está producindo dentro da palabra pode parecer sinxelo, pero non o é. O rap ten un ritmo, pero este vai deslizándose: vas metendo as palabras, culebreando… Ademais, desde o punto de vista histórico, o jazz son as raíces do rap e da cultura hip-hop. Primeiro foron os cantos de traballo, despois o blues que vai do sur ao norte, que dá no jazz, e da oralidade e ritmos afroamericanos xorde o rap como xeito de expresión. 

Alejandro: Despois, hai conceptos como o flow, que é un estadio superior, que significa a maior concentración, no que todo sae moi natural. Os rapeiros queren sentir o flow. Para explicalo, podemos pensar nas matemáticas: se tes un 10 de nota, é porque antes tiveches un 9. Pois isto é o mesmo. Cando tes un 5, tes ritmo. Cando tes un 7, mantés o ritmo. No 8 o ritmo xa é estable e a partir de aí, todo o que poñas por enriba, é ganancia. Pois iso é o flow. E o jazz contemporáneo tamén busca iso. Se se perde o ritmo, cae todo. Se non teño un ritmo estable, que quedo no 5 ou 6, non podo pasar do 9 ao 10. Non podo chegar a ese estadio superior de beleza.

García: "Esa é a idea, acadar a beleza. E a beleza non ten que ser unha “cousa bonita” necesariamente…"

García: Esa é a idea, acadar a beleza. E a beleza non ten que ser unha “cousa bonita” necesariamente… Mais, si, é como di Alejandro: tes un ritmo estable, e a partir de aí podes ir para arriba: podes comezar a facer florituras… E é aí onde se alcanza o obxectivo…

García ten un traballo recente, non dispoñible en formato físico, un recopilatorio: 20 anos de palabra que anda. Aí hai temas que fixeches con Ghamberros, Kastomä, Dakidarrría, Dios Ke Te Crew, con Labregos do tempo dos Sputniks, do teu disco Abaixo e de pé.

García: Si, é como un repaso polo que fixen nos últimos 20 anos, unha escolma de 25 temas escollidos das 70 publicacións nas que participei. Mais, agora mesmo estou, máis ben sacando diferentes singles. Procuro que cada tema sexa diferente. Aínda que non o estou a facer todo o rápido que me gustaría, coa precariedade coa que traballamos os músicos… É unha vida tremendamente inestable a nivel monetario, polo que é unha odisea poder financiar con tranquilidade a produción de novas obras.

Na época de Mozart estaban os mecenas, e agora eu penso que é algo que debe estar en mans da sociedade civil... Nin do Estado nin de financiadores que poidan dicirnos o que temos que facer. Porque a arte non é apenas un desfrute persoal. A cultura é un dereito fundamental e unha necesidade vital para a humanidade. É a sociedade civil a que ten que tomar conciencia individual para que poidamos crear garantindo iso, a liberdade de creación… Pagar concertos con gusto, os nosos discos ou descargas na rede, facer donativos desinteresados ou patrocinios: ese debe ser o noso pulmón económico principal, unha actitude activa da sociedade civil ante os traballadores culturais...

García: “O noso pulmón económico principal debe ser unha actitude activa da sociedade civil ante os traballadores culturais”

Que pensas ti disto, Alejandro? García sempre di que a música pode xogar un papel socialmente transformador... só que se fas iso é menos probable que saias na TVG. De igual maneira, se ti te vendeses como “opositor político cubano”, seguramente terías máis repercusión mediática...
                       
Alejandro: un músico sempre aspira, dalgunha maneira, a mudar o mundo. Consegues atopar un concepto que te estimula e despois pásaslle ese estímulo a outras persoas... Niso penso que estamos de acordo. Pero o preocupante é que a realidade vai por outro lado, e que te decatas de que estás só, de que decidiches transitar camiños máis duros e longos...

Eu marchei hai anos de Cuba, cando xa tiña un percorrido no meu país. Cando cheguei, tiña un disco publicado, Trapiche, que foi escollido mellor disco de jazz do 2008 no certame Cubadisco. Ao pouco de chegar a Galicia saquei o segundo disco, Oceançia, con Oriental Quartet, e nos nove anos que levo aquí levo... nove discos: seis de autoría propia e outros tres para a Central Folque. Con un deles, Miniaturas de Eugenio Granell, recibín a máis alta distinción en Cuba co premio Cubadisco 2013.

Alejandro: “O que me interesa é a verdade da experiencia vivida. Que non é a do éxito mediático. E atopeime nos bares cunha relación moi directa co público”

Decidín cambiar de vida, quedar aquí, por aprender. E por aprender o que? O que me interesa é a verdade da experiencia vivida. Que non é a do éxito mediático. Interésame tocar moito, para distintos públicos, e atopeime nos bares cunha relación moi directa co público. En Cuba, cando eu vivía alí, era doutra maneira: non se tocaba en bares. Hoxe desenvolvinme máis como un músico local que como un músico internacional. Como un músico deses que xeran dignidade polo seu traballo e pola acción directa coa cidade de Santiago e en Galicia en xeral, como lles pasa á maioría dos grandes músicos de Galicia.

Alejandro: "Aquí collo o bus, ou vou ao supermercado, e se alguén quere dicirme que a miña música lle parece marabillosa, pode dicirmo a min directamente"

Hai xente que protesta porque lle parece caro pagar tres euros de entrada. Despois van verte e flipan. E dinche, e por que non marchas para Nova York? Aquí collo o bus, ou vou ao supermercado, e se alguén quere dicirme que a miña música lle parece marabillosa, pode dicirmo a min directamente. E se un borracho quere dicirme á cara nun bar que a miña música lle parece unha merda, pois tamén pode.

América ten unha pegada moi importante no traballo dos dous. García viaxou e viaxa por América. Sen a súa experiencia en Chiapas, seguramente non existiría o seu disco Abaixo e de Pé. Alejandro fixo o camiño inverso: de familia de músicos, comeza a desenvolver a súa carreira en Cuba, e cando alí xa é coñecido e respectado decide quedar aquí en Galicia…

García: Van saír, de feito, varios temas de proxectos que tiven alí, na miña última viaxe a Colombia. Vai saír, por exemplo, o que fixen con DJ Corpas, de Systema Solar, que eu rebauticei como o Quincy Jones caribeño… xunto a La Niña Bantú, Electromagnético. Tamén fixen un tema, que sairá en breve, con Cynthia Montaño, artista afrocolombiana do Pacífico. En Colombia hai esas dúas realidades -entre outras-: a do Pacífico e a do Caribe, que achegan grande riqueza musical…

En Cali tamén estiven con Zalama Crew, que me presentou o meu amigo Dj Najle. Sairá en breve tamén un tema con eles e Verny Varela, o cantor de salsa para Dj Mil. Estou de acordo co que comentaba Alejandro da experiencia vivida, de meterme nas entrañas da situación. E moitas veces tiven que lanzarme eu só para poder experimentalo. O que vivín en México, claro, foi moi importante para a miña música.

García: “Estou de acordo co que comentaba Alejandro da experiencia vivida, de meterme nas entrañas da situación. E moitas veces tiven que lanzarme eu só para poder experimentalo”

Alejandro chegou no 2009. Viñera por un proxecto da Central Folk. Levas aquí uns anos, pero o teu último disco, Diablito baila, ten bastante de americano... e tamén algo africano.
                       
Alejandro: Eu penso que o meu primeiro disco, Trapiche, é o que ten unha maior identidade cubana. No último disco, Diablito baila, se cadra pode haber tamén algo diso, seguramente porque é un disco de homenaxe a meu pai. É verdade que, ao principio, quixen profundar na cultura cubana. Pero despois chego aquí, a Galicia, e atópome coa música galega, coa música de raíz.

Comezo a investigar a música de raíz, que non é world music. Investigo as músicas de raíz de Galicia, de Andalucía, de Noruega, da India, de China, de África -Senegal, Cabo Verde…-, de Nova Orleans en Estados Unidos, de Perú, de Brasil... E esa é a base sobre a que traballo. Esa é a miña procura intelectual, coa que confronto o meu rexistro sonoro. Porque o que fagas tes que debuxalo con cultura, porque senón resulta aburrido, monotemático... Despois, o que pasa, é que cando vou a Cuba dinme que xa estou bastante lonxe do son mediático cubano contemporáneo e ás veces resúltalles difícil clasificarme, e aquí pídenme que toque tumbados…

Alejandro: “Chego aquí, a Galicia, e atópome coa música galega, coa música de raíz. Comezo a investigar a música de raíz de diferentes partes do mundo. E esa é a base sobre a que traballo. Esa é miña procura intelectual”

García: e eu son dos que lle piden tumbados!. Que me encantan… A min interésame tamén esa diversidade da que fala Alejandro, que é o que explora Nación Quilombo. Mesmo lingüisticamente tiven unha apertura en Colombia. Penso que é normal, despois de toda a experiencia en América Latina. Ademais, non teño nada que demostrar aquí nese sentido, o meu compromiso coa miña lingua é nítido… Penso que é moi importante abrirnos a outros espazos, a outras realidades.

Tedes bastante en común, ao que se ve. Alejandro traballa moito aquí con L.A.R. Legido. Como vos coñecestes? Que salientarías da evolución da túa música en canto aos discos que sacaches aquí? Hai proxectos que se cadra pasaron un pouco desapercibidos, coma Miniaturas de Eugenio Granell.
                      
Alejandro: L.A.R. tiña un concerto na que foi a sala Nasa, eu fun de público e gustoume. Fun falarlle e ao principio non me fixo moito caso, pero despois acabou escoitándome, e creo que non se arrepinte (Ri). No disco que citas, o de Eugenio Granell, estababamos os dous, e tamén Mónica de Nut e José Manuel Díaz, e outros... Outro proxecto que fixen aquí foi o de Cahné na Habana, con Rosa Cedrón e con Camerata Esperia. Que é un disco de homenaxe a Chané. A dúo con L.A.R. gravei Opersuite, un disco baseado na impro libre. Máis recente é AMa AZa LaNdo, unha edición de 100 exemplares que fabriquei eu mesmo, cun deseño diferente cada un.

Alejandro: “O proxecto de Eugenio Granell foi o que me permitiu dar un salto ao concepto estético conceptual”

Mais todo isto é resultado dun traballo de estudio, de investigación, dun percorrido a nivel intelectual. O proxecto de Eugenio Granell foi o que me permitiu dar un salto ao concepto estético conceptual que estaba buscando. Foi aí onde ancorei a miña mochila e erguín a miña casa, poderiamos dicir. Despois, o éxito, a fama, os grandes festivais, o diñeiro... son sempre un formalismo de alto nivel de procura e disciplina, pero tamén aprendín a encher eses tempos coa miña investigación, composicións e creando nesta cidade un espazo para desafogar toda esa información acompañado dos máis interesantes músicos de Galicia , que tamén comparten comigo esa sensación de procura e evolución musical.

Alejandro: "Para min o máis importante é indagar, escribir, construír algo sólido, e non andar pendente do superconcerto que ía levarte á fama"

E non é que non me importe o diñeiro. Tamén me gusta telo para poder vivir e de vez en cando convidar a unha caña aos amigos, ou ir de viaxe coa familia. Pero para min o máis importante é indagar, escribir, construír algo sólido, e non andar pendente do superconcerto que ía levarte á fama, que ao final tampouco é así, ou do superprodutor que ía darche non sei que contactos, ou pensando que non tomei unha cervexa con aquel músico co que podía chegar a tal cousa... Eu fago o meu traballo o mellor que podo, con honestidade, coa motivación tamén de facer amigos polo camiño, e poder escoitar tamén a música dos demais, que é algo que non se fai tanto e é moi importante.

Xusto iso comentábalo noutra entrevista. Que en Galicia parecía haber pouco interese nos músicos en escoitar o que fan outros. Que é o bo e o malo de Galicia para un músico? Ti, en concreto, sentes o teu traballo recoñecido aquí?
                  
Alejandro: O que é malo, moi malo, que é duro de carallo como dicides aquí, é facer ver á xente: ao público, os políticos, os programadores, que as sementes poden xermolar aquí. Iso é algo que falaba co meu amigo Narf. Cando te queixabas porque sempre estabamos igual, que non te querían programar como ti quixeras... É moi difícil seguir unha ruta, na túa carreira, ascendente, en función da propia evolución persoal.

Alejandro: “Dicíame Narf que o que ía quedar, sempre, eran as cancións que tocase aquí para o pobo no bar. O que queda na memoria colectiva”

Porque todo se confunde. Xa non hai especialistas, nin críticos, nin programadores que escoiten a música nos locais para promover o teu traballo, senón que todo o tempo a demanda económica vai marcando unha cronoloxía de mediocridade e xordeira. Aínda que o público, ou os fans como se di agora, son sempre o maior tesouro que vamos facendo polo camiño. Case como un colectivo que viaxa contigo e paga polo teu disco e honra a túa música. Dicíame Narf: non abandones nunca este camiño, porque para nós, como galegos, é unha honra que xente coma ti, que podía andar polo mundo, quedase aquí con nós. Que o que ía quedar, sempre, eran as cancións que tocase aquí  para o pobo no bar. O que queda na memoria colectiva.
                  
Isto pode soar tópico pero, tedes ás veces a sensación de que se valora máis o de fóra? Antes Alejandro falaba de deixar que xermole o sementado aquí. Que ten que ver, supoño, por exemplo, con non ser tratado como o “complemento” nos festivais.

García: Eu penso que iso é un clásico en todo o mundo. Vas a México e, polo feito de ser doutro país, a xente fíxase moito no que fas… Sempre prestamos se cadra máis atención ao que non forma parte de nós. E iso é moi saudable. Pero o peor é cando isto se traduce en denigrar o que tes diante dos fociños. Aí si que xorde un problema. Está moi ben que se valore o traballo dos artistas internacionais, como debe ser. Pero non está ben que, se hai algunha dificultade, os que paguen o pato, os que acaben traballando nas peores condicións, sexan os de sempre… E os meus compañeiros saben que este é o noso día a día.

Alejandro: “O que hai que entender é que as cousas hai que facelas ben. A min váleme tocar en calquera sitio: desde un bar ata un auditorio. Pero non a medias”

Alejandro: O que hai que entender é que as cousas hai que facelas ben. A min váleme tocar en calquera sitio: desde un bar ata un auditorio. Pero non a medias, de calquera maneira. Tocar é un pracer. Non é unha condena. Se o fas, non pode ser unha obriga, e tes que facelo nunhas condicións. Se a xente quere escoitar marabillas, teño que ter as ferramentas. Se vou tocar o teclado, teño que ter un teclado. Se non teño unhas mínimas condicións, mellor non toco.

A ver, cando un músico fala de música, o que quere é falar de música. Pero sempre acabamos falando de precariedade, porque é o que hai, e máis nesta sociedade monopolizada pola música enlatada. Pero o que queremos non é falar diso, é falar de música, dos nosos procesos de investigación, de beleza… E, como dicías ti antes, se eu me dedicase a dicir que estou en contra do sistema cubano, seguramente o que fago tería máis repercusión mediática... Non estou, tampouco, para defender a miña patria. Para min, a patria é unha partitura, un folclor, un achádego sonoro, unha plataforma na que gravar os teus sons e compartilos cos teus amigos... Non me interesa vender a miña ideoloxía, malia ter claro o que penso.

Alejandro: "Non me interesa vender a miña ideoloxía, malia ter claro o que penso"

Alejandro ten dito noutras ocasións que, quen só sabe de Galicia que se come ben e é bonita, non coñece Galicia, porque non coñece a cultura… O colonialismo, -como o neoliberalismo, ou o neofascismo-, é un, aínda que en distintos lugares teña distintos efectos...

Alejandro: Non cabe dúbida de que se está a producir unha deriva neoliberal e fascista de Europa e de Lationamérica. Pero, se o vexo desde a perspectiva de Galicia, penso que, aínda que desde fóra se a ve conservadora e rústica, é unha terra fértil cunha xeración de músicos moi talentosos con ganas de transformar, de crear unha sólida pedra sonora que tamén nos traia riquezas propias para poder vivir nela con dignidade, para desenvolver os nosos propios acontecementos sonoros ricos en colectividade, creatividade e continuidade. E os famosos que se poñan a currar tamén!

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.