Morre Gustavo Pernas, figura fundamental do teatro galego das últimas décadas

Gustavo Pernas, na gala dos María Casares de 2009 © AAAG

Esta noite faleceu aos 59 anos de idade o dramaturgo, actor e director Gustavo Pernas (Viveiro, 1958). Considerado unha das figuras fundamentais do teatro galego das últimas décadas, dedicouse profesionalmente ao teatro dende o ano 1985, combinando traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección e escrita dramática; foi, ademais, actor e director de dobraxe. En 1989 fundou con Ánxela G. Abalo a compañía de teatro Áncora Produccións e na súa longa traxectoria obtivo numerosos galardóns, dende o Premio Max ao María Casares. Dende hai 20 anos era ademais profesor na Escola de Imaxe e Son da Coruña, a cidade onde residía, e foi igualmente profesor na UDC. Este martes ás 20.30 horas haberá un acto de despedida no tanatorio Albia da Coruña.

"Para o noso sector, é e sempre será exemplo de como ser pioneiro e de como abrir camiños tanto na escrita de textos teatrais coma na produción escénica", destaca a AAAG

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) destaca nun comunicado que “referente do noso teatro, cunha ampla e recoñecida obra dramática, Gustavo Pernas ergueu palabras nos escenarios do país". "Para o noso sector, é e sempre será exemplo de como ser pioneiro e de como abrir camiños tanto na escrita de textos teatrais coma na produción escénica. Lembrarémolo sempre como actor e dramaturgo. Nunca o esqueceremos como compañeiro”, engade.

A AAAG lembra especialmente a definición que Pernas fixo do teatro no Manifesto Galego do Teatro que redactou no ano 2009 e que leu na Gala dos Premios María Casares: “O teatro é compromiso, nunca un acto de partido. Xogamos coa mentira para alumear a verdade. Mirar cara a fóra, mergullar nos sumidoiros, petar nos muros de Gaza ou nos suburbios das nosas vilas. O teatro é un laboratorio de conflitos onde se ensaian vacinas contra a angustia de vivir. Dá a luz, dá vida. É o único espazo onde homes e mulleres paren e nacen outros do seu corpo”.

“O teatro é compromiso, nunca un acto de partido. Xogamos coa mentira para alumear a verdade", escribiu para o Manifesto Galego do Teatro de 2009

A súa ampla obra dramática inclúe textos como O galego, a mulata e o negro, editada por Tris Tram, galardoada en 1991 co Premio Compostela ao Mellor Texto Dramático. En 1996 Pernas Cora levou o I Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal por Ladraremos; e con obras como Fábula -Comedia nun só acto... sexual.- (1997), Anatomía dun hipocondríaco ou Snakizados (2012) ficou finalista do Premio Maria Casares na mesma categoría. Fíxose tamén co Premio Max das Artes Escénicas no 2006 por Paso de cebra, galardón que repetiría ex aequo un ano despois con Final de Película. Gañou tamén o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña por Footing, o Álvaro Cunqueiro por Isóbaras ou o AELG por Medidas preventivas. Así mesmo, en 2008 foi recoñecido co Premio Roberto Vidal Bolaño pola súa traxectoria artística xunto a Anxela G. Abalo e Ancora Produccións.

 

Gustavo Pernas CC-BY-SA Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.