Cineuropa presenta unha programación de 'escándalo'

A aposta pola transgresión domina a programación © Cineuropa

Do 7 ao 28 de novembro proxectaranse en Compostela ao redor de 300 filmes

O escándalo será unha das claves da programación dunha nova edición de Cineuropa, a número 32, que comezará o vindeiro 7 de novembro e cuxa programación foi presentada este mércores. Nela destaca a aposta por películas que no seu momento supuxeron unha transgresión aos valores da moral ultraconservadora. Ata o 28 de novembro poderán verse en Compostela ao redor de 300 filmes, distribuídos en 21 seccións. Ademais, o realizador Isaki Lacuesta, a actriz Ángela Molina e o actor Antonio Durán “Morris” recibirán os Premios Cineuropa 2018.

O filme uruguaio La noche de 12 años, do montevideano Álvaro Brechner, foi o escollido para a apertura desta edición nunha sesión inaugural que terá lugar o mércores, día 7 de novembro, ás 20 horas no Teatro Principal.

Isaki Lacuesta, Ángela Molina e Antonio Durán “Morris” recibirán os Premios Cineuropa 2018

Así mesmo, tralo éxito da convocatoria do pasado ano, Cineuropa aposta por darlle continuidade ao Xurado Novo que novamente comporán sete mozas e mozos e que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina. O convite a participar neste xurado non se limita ao estudantado universitario, senón que procura achegarse a toda a mocidade interesada no cinema.

A Sección Oficial Europea está composta por 35 películas. Entre elas destaca Entre dos aguas, filme co que Isaki Lacuesta vén de acadar a súa segunda Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Tamén se poderán ver os últimos filmes de autores e autoras como László Nemes (Premio FIPRESCI no Festival de Venecia), Florian Henckel, Paolo Sorrentino, Paolo Virzì, Louis Garrel (que vén de ser galardoado co premio ao mellor guión -ex aequo- no Festival de Cine de San Sebastián co seu segundo filme), Alisa Berger, Adina Pintilie (Oso de Ouro na Berlinale coa súa primeira longametraxe de ficción), Yann Gonzalez ou Sonja Prosenc.

Na sección Panorama Internacional están presentes os últimos traballos Lúcia Murat, Hirokazu Kore-eda, Nuri Bilge Ceylan, Jafar Panahi, Gastón Duprat, Carlos Reygadas, Albertina Carri, Flavia Castro ou Eugenio Canevari. E o apartado de Panorama Audiovisual Galego ofrecerá as preestreas das óperas prima de Eloy Domínguez Serén e Xacio Baño.

O festival destaca a "necesidade de preservar e garantir un elemento esencial no devir da libre creación artística e de calquera sociedade libre e democrática: o dereito a escandalizar"

Ademais, o festival inclúe seccións ben coñecidas polo público de Cineuropa como LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Docs Cineuropa, Cinefilias, Cult Movies (que inclúe unha lembranza especial ao cineasta Claude Lanzmann) e o tradicional Maratón. Como novidade, ofrecerase una ampla retrospectiva dos 100 anos de cine romanés. Así mesmo, a sección O presente é muller está conformada por filmes centrados no aborto, a violencia de xénero, a invisibilidade feminina dos grandes eventos históricos, a identidade e a libre sexualidade.

Finalmente, o ciclo temático do festival, formado por máis de 100 filmes, pon nesta edición o foco na "necesidade de preservar e garantir  un elemento esencial no devir da libre creación artística e de calquera sociedade libre e democrática: o dereito a escandalizar".

 

Máis sedes, mesmos prezos

Mantense o prezo de 4 euros a entrada libre, 30 euros o abono para 10 entradas

O festival amplía sedes, e xunto ao Teatro Principal, o Salón Teatro, a sede de Afundación, o cinema NUMAX, o Auditorio de Galicia e os Multicines Compostela, a rede de pantallas do festival eaténdese a outras zonas da cidade coa incorporación Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta e o Museo das Peregrinacións e de Santiago. As entradas e abonos estarán á venda a partir da tarde do martes día 6 ás 15.30 horas, tanto nos despachos de billetes como por internet. Mantense o prezo de 4 euros a entrada libre, 30 euros o abono para 10 entradas, 6 euros o maratón e 2 euros o catálogo impreso do festival.

Presentación da programación de Cineuropa, este mércores | Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.