"Non hai política cultural en Galicia: falta vontade, planificación e consenso co sector"

Alberto García, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural © AGPXC

O vindeiro martes 13 a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) organiza unha xornada de debate sobre as políticas culturais no noso país, no que na que participarán representantes das catro formacións políticas con presenza no Parlamento galego, ademais de colectivos culturais e profesionais do sector. Será ás 16 horas no Centro de Innovación Cultural-CINC da Cidade da Cultura, con entrada libre.

A AGPXC leva tempo analizando modelos de boas prácticas culturais en Galicia, desenvolvendo un Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais, que busca pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais ou artistas, diversos "exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural".

"Nos últimos anos os recortes e a desaparición das caixas provocaron un descenso de 500 millóns de euros nos orzamentos do sistema cultural galego. E, ante iso, non houbo reacción, non houbo vontade política de facer nada"

A xornada comezará coa presentación do documento que a AGPXC elaborou como achega dos e das profesionais da xestión á Estratexia Cultura da Xunta de Galicia. A continuación Marcos Lorenzo e Jorge Linheira debaterán sobre as políticas culturais en Galicia desde a Transición, nunha conversa moderada por Agar Ledo. A xornada rematará con dúas mesas de debate, unha profesional con representantes de Escena Galega (Eduardo Alonso), Músicas ao Vivo (Sonia Lebedynski), AELG (Mercedes Queixás) e Clúster Audiovisual de Galicia (Jorge Albora) e unha política con representantes de PP (César Fernández Gil), En Marea (Ánxeles Cuña), PSdeG-PSOE (Concepción Burgo López) e BNG (Olalla Rodil). Falamos con Alberto García, presidente da AGPXC, sobre as necesidades do sector, a precariedade profesional e a necesidade de fomentar as iniciativas de base.

Marcos Lorenzo ou Jorge Linheira teñen sinalado que a xestión levada a cabo nos últimos anos pola Xunta non podía ser cualificada como unha política digna do seu nome. Fágoche de entrada a mesma pregunta que propoñedes para a xornada de debate: Hai política cultural en Galicia?

Dende a asociación consideramos que nos últimos dez anos non houbo política cultural de ningunha maneira. Si que puido haber unha vontade de facelo na época do Bipartito e si que houbera unha construción previa no inicio da Autonomía, o que era normal pois non había nada e había que comezar de cero. Nos últimos anos, ademais, os recortes e a desaparición das caixas provocaron un descenso de 500 millóns de euros nos orzamentos do sistema cultural galego. E, ante iso, non houbo reacción, non houbo vontade política de facer nada.

"Fáltanos moitísmo en todos os ámbitos. O único que non nos falta é cultura cidadá e cultura de base, que temos moitísima, autoxestionada e que é unha sobrevivente histórica das eivas da administración. Esa é a nosa potencia"

Na xornada presentarase a achega da asociación á Estratexia Cultura. Ten en conta o Goberno galego ao sector á hora de elaborar as súas políticas?

En absoluto, non se busca consensuar as políticas culturais cos sectores afectados. Por exemplo, nos contactos que tivemos de cara á elaboración desta Estratexia Cultura, que é o proceso máis recente. A nosa conclusión é que esta participación busca unicamente a aparencia, porque se nos convocou a unha única reunión, en forma de choiva de ideas, o que podería ser un bo inicio dun proceso de consultas máis sistematizado, algo útil, pero quedou aí. Isto non é un proceso participativo, é un brinde ao sol. Cométese ademais un erro gravísimo, pois non se teñen en conta as cousas que xa están feitas. É como estar comezando de novo permanentemente, nun camiño que nunca acaba de representar ao sector como se debe.

Unha das críticas que se lle adoita facer ao Goberno galego en canto á política que leva a cabo neste eido é a súa aposta polos grandes eventos, no canto de axudar ao desenvolvemento da cultura de base e do propio tecido cultural galego. Como o valorades dende a asociación?

A cultura enfócase cada vez máis cara ao produtivismo, cara á economía-cultura, cara aos cartos e cara ao turismo. Como mostra, a nova forma e o novo nome que adoptou a Consellería de Cultura e Turismo. E esquécense, pola contra, outras dimensións da cultura como dereito da cidadanía, cuxo acceso debe ser garantido, algo que mesmo recoñece a Constitución no seu artigo 44. A cultura debe ser un axente de desenvolvemento integral do territorio, cunha dimensión económica, pero tamén social, persoal... 

Fáltanos moitísmo en todos os ámbitos. O único que non nos falta é cultura cidadá e cultura de base, que temos moitísima, autoxestionada e que é unha sobrevivente histórica das eivas da administración. Por exemplo a cultura tradicional. Esa é a nosa potencia.

"A Cidade da Cultura é un espazo paradigmático de moitas cousas: de como se chega tarde ás modas dos grandes equipamentos e de como se constrúe unha infraestrutura sen levar a cabo unha planificación cultural"

Os grandes eventos poden ser a guinda do pastel, sempre que o pastel estea construído. Ademais, se cadra, non lle corresponde precisamente á Xunta ocuparse desa parte, dos grandes fastos, e si que é a súa responsabilidade asegurar o desenvolvemento da cultura de base e do tecido máis local e permanente. Non digo que non poidan facer o outro, pero a súa prioridade como institución debería ser isto.

Nas últimas décadas, sobre todo nos anos 90 e na primeira década deste século, boa parte do investimento cultural foi dirixido á construción de infraestruturas físicas: dende a Cidade da Cultura á multiplicación de auditorios e casas de cultura en todas as vilas, sen contidos nin programación e sen contribuír a vertebrar o sistema cultural...

Cando Malraux puxo en marcha as Casas da Cultura en Francia nos anos 60, aquilo funcionaba como unha rede, planificada cuns obxectivos comúns. En Galicia o que se fixo foi comezar a construír edificios a granel, sen ningún tipo de control nin de organización de como debían funcionar. E ao final a Xunta acabou construíndo a Cidade da Cultura, onde imos facer a xornada, precisamente, que é un espazo paradigmático de moitas cousas: de como se chega tarde ás modas dos grandes equipamentos e de como se constrúe unha infraestrutura sen levar a cabo unha planificación cultural.

"O sector cultural emprega a 30.000 persoas en Galicia, o 2,9% do emprego total e o 2% do PIB, e todo isto está construído sobre a precariedade dos traballadores e traballadoras e un contexto de microempresas, autónomos e soldos moi baixos"

Eses recursos económicos acabaron nos petos de construtoras no canto de axudar a fortalecer e consolidar o sector cultural? Ese proceso está na base da actual precarización do sector?

Todo isto non constitúe o único culpable da precarización que sofren os e as profesionais da cultura, pero foron cartos moi mal gastados. Compostela xa contaba con moitos equipamentos culturais nos que se levaba a cabo unha actividade e unha programación que agora se está tentando trasladar á Cidade da Cultura. Non era necesaria e segue sen selo, pero non é a única causa da precarización, que para min é a grande eiva do noso sector. O sector cultural emprega a 30.000 persoas en Galicia, e representa o 2,9% do emprego total e o 2% do PIB, e todo isto está construído sobre a precariedade dos traballadores e traballadoras e un contexto de microempresas, autónomos e soldos moi baixos. Sustentado, polo tanto, polo voluntarismo das persoas que traballamos nisto. Ti non podes dicir que o sector cultural é estratéxico ou que é básico para a industria do turismo en Galicia e despois ter a 30.000 persoas traballando na máis absoluta precariedade. 

"A xente ten que estar educada en que a cultura hai que pagala, cunha entrada, igual que se paga para acceder ao fútbol, por exemplo"

Faltou tamén historicamente en Galicia o traballo de creación de públicos? Afacer á xente a pagar por unha entrada? Concienciala de que a cultura non é de balde, que ten un valor e uns profesionais detrás?

Temos habitualmente ese debate: se a cultura debe ser de pago ou gratuíta. Hai moitas opinións e matices ao respecto, pero o que non pode ser de ningunha maneira é que as administracións impidan medrar o sistema cultural na parte privada promovendo recorrentemente concertos gratuítos, pagados con cartos públicos, de artistas que non ten ningún sentido que sexan apoiados pola administración, por exemplo as grandes figuras das multinacionais ou os cantantes de Operación Triunfo. A xente ten que estar educada en que a cultura hai que pagala, cunha entrada, igual que se paga para acceder ao fútbol, por exemplo. Haberá cousas que terán que ser gratis, pero o que non pode ser é que sexan gratis grandes eventos pagados polas administracións. Esa interferencia provoca unha distorsión e provoca precariedade na xente que quere vivir da promoción privada da cultura. É estraño, ademais, que sexan os promotores do neoliberalismo quen apliquen esta política.

"As políticas teñen que estar mellor pensadas, e para estar mellor pensadas, deben ser pensadas entre moitas máis persoas, e así seguramente poderemos chegar a mellores decisións para todos"

Que medidas se deberían poñer en marcha para impulsar unha verdadeira política cultural en Galicia?

Temos unha potencia inmensa que está falta da vontade política necesaria para levala adiante, falta de planificación, de consenso co sector e de recursos. Primeiro, hai que ter vontade política de facer; segundo, esas vontades deben ser informadas e consesuadas co sector; e, terceiro, a administración debe funcionar mellor, de maneira transversal. Non pode ser que a cultura sexa un departamento estanco e que se imos reclamar á Consellería que a televisión e a radio pública deben apoiar a cultura se nos diga que iso non depende deles. E o mesmo con aspectos ligados a Educación, a Industria... Iso xa non depende do orzamento, senón dunha mellor organización. Todo isto é necesario para conseguir un avance do noso sistema cultural.

"Parece que na cultura sempre estamos chorando polas subvencións. Pero o que temos que poñer enriba da mesa é por que o sector da cultura, que xera o 2,9% do emprego só recibe o 0,8% do orzamento da Xunta"

E, por último, o financiamento. Parece que na cultura sempre estamos chorando polas subvencións. Pero o que temos que poñer enriba da mesa é por que o sector da cultura, que xera o 2,9% do emprego só recibe o 0,8% do orzamento da Xunta. Fan falla políticas concretas que xeren estruturas. E as políticas teñen que estar mellor pensadas, e para estar mellor pensadas, deben ser pensadas entre moitas máis persoas, e así seguramente poderemos chegar a mellores decisións para todos.

 

A xornada de debate terá lugar este martes 13 na Cidade da Cultura © AGPXC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.