Un informe sitúa o CGAC, o de Belas Artes e o Granell entre os museos con menos transparencia do Estado

Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago Dominio Público Xunta de Galicia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo de Belas Artes da Coruña e a Fundación Eugenio Granell de Santiago están entre o grupo de cola canto a transparencia dos 60 museos de toda España analizados nun informe da Fundación Compromiso y Transparencia divulgado este xoves. Como no global dos museos analizados, o informe constata lixeiras melloras a respecto de anos anteriores e unha peor situación nos centros completamente públicos que nos xestionados a través de fundacións, como é o caso do Granell.

A fundación santiaguesa presenta mellores indicadores que os outros dous centros dependentes da Xunta

O informe agora divulgado é o quinto anual elaborado pola Fundación Compromiso y Transparencia e analiza un total de 60 centros escollidos de xeito proporcional pola xeografía de todo o Estado. De cada un analiza un total de 25 indicadores sobre o seu nivel de transparencia en cuestións como a divulgación das súas actividades, a súa situación económica, os seus órganos de goberno ou os seus plans de futuro. En función do cumprimento total, parcial ou non cumprimento deses indicadores outórgalles unha puntuación, de xeito que os museos mellor valorados, con 22,5 puntos, son o Museo Vasco de Arte Contemporáneo-Artium e o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza. Nese listado, o centro galego mellor situado é o Eugenio Granell, con 10 puntos, mentres que moito máis atrás están o de Belas Artes da Coruña, con 4,5 puntos, e o CGAC, con 3,5 puntos.

Dos dous últimos museos, os dous dependentes da Xunta, o informe considera que só cumpren con algúns indicadores de transparencia referentes ás súas actividades (que melloraron no último ano) e estrutura organizativa, mentres que a Fundación Granell facilita algún dato máis en materia económica e de órganos de goberno. Por iso, o informe cualifica ao CGAC e o Museo de Belas Artes como “opacos” mentres que ao Granell o inclúe dentro da categoría “translúcido”, recoñecendo que no último ano mellorou catro puntos na súa puntuación total final.

O informe atribúe á independencia xurídica e a composición dos padroados dos centros, ou ao seu funcionamento na práctica inexistente, boa parte da responsabilidade de impulsar a súa transparencia

O informe atribúe á independencia xurídica e a composición dos padroados dos centros, ou ao seu funcionamento na práctica inexistente, boa parte da responsabilidade de impulsar a súa transparencia. “Así como os museos públicos dependentes de consellerías necesitarían maiores graos de autonomía xurídica pra mellorar o seu compromiso coa transparencia e o bo goberno, os museos privados o que requiren é un padroado que asuma efectivamente os deberes de supervisión e control que a lei lles confire”.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.