"Queremos que o festival Cinema Crianza impulse a produción audiovisual para público infantil en Galicia"

Cristina Fiaño, coordinadora de Cinema Crianza © Cinema Crianza

Esta fin de semana Bertamiráns e Milladoiro (Ames) acollen a segunda edición do Festival de Cine Infantil Cinema Crianza. Dende este xoves e ata o domingo proxectaranse 73 curtametraxes seleccionadas entre as máis de dúas mil propostas presentadas e chegadas dos cinco continentes (un total de 90 países, entre eles Irán, India, USA, Rusia, Austria, Noruega, Israel,Turquía, Italia, Francia, Reino Unido, Venezuela, Arxentina, Brasil, Canadá, México, Xapón ou Exipto).

As sesións organízanse por idades (maiores de 2 anos, maiores de 5 e maiores de 7) e fan fincapé en valores como a multiculturalidade ou a defensa do medio ambiente, e tamén temas como o fútbol. Ao remate do festival entregaranse os premios Axóuxeres e Buxainas, e tamén o Premio do Público. O certame ten prevista unha programación especial en torno ao Audiovisual e o Ensino coa proxección guiada dunha selección de curtametraxes para medio milleiro de alumnos de centros escolares da zona. Trátase de curtas que falan de migración, igualdade de xénero, acoso escolar, multiculturalidade, reciclaxe ou medio ambiente.

"Un dos obxectivos principais de Cinema Crianza é ofertar un material diferente ao que hai nas salas de cine comerciais. Un dos nosos valores é a multiculturalidade e que se fale da infancia e para a infancia dende múltiples olladas"

Ademais, a música xogará un papel moi destacado, coa actuación de Xoán Curiel, nunha sesión (o sábado ás 12.45 en Bertamiráns) na que se poderán ver os últimos videoclips de Gramola Gominola, Mao Verde ou Magín Blanco, que estreará o seu novo clip, "Meu Avó Ieié". Falamos con Cristina Fiaño, coordinadora do festival.

Este xoves comeza a segunda edición de Cinema Crianza. Que cambios hai con respecto á primeira edición? En que aspectos quixestes afondar?

Unha das cousas nas que quixemos afondar nesta segunda edición foi achegar o festival ao mundo educativo. Faremos sete sesións para escolares, nas que participarán os colexios públicos de Ames. E, igualmente, haberá unha mesa redonda, titulada Cruce de camiños. Diálogos entre educación e audiovisual e que está enfocada sobre todo para docentes. Imos ter tamén unha sección (Metamorfoses), só para escolares, con curtas que tratan temas como as migracións ou a igualdade de xénero, que consideramos que poden ser útiles para que o profesorado poida traballar con elas. É unha liña de traballo que comezamos este ano e que pensamos que é importante para ir cumprindo os obxectivos que nos marcamos.

"Unha das cousas nas que quixemos afondar nesta segunda edición foi achegar o festival ao mundo educativo"

Cal é o obxectivo desa mesa redonda, Cruce de Camiños (xoves, 19 horas, Milladoiro)?

Participarán docentes do CEIP A Lama; tamén Mamen Quintas de Ficción producciones, que está a realizar unha serie para preescolar que se emite en Clan; estará así mesmo a coordinadora da Asesoría de Bibliotecas Escolares, Cristina Novoa; e igualmente Manolo González, que é pioneiro da introdución do audiovisual na escola. Falarán de como se inician os nenos e as nenas no consumo de produtos audiovisuais e valorarán o momento actual do audiovisual galego dirixido ao público miúdo. Queremos que o festival se converta nun impulso para a produción en Galicia de pezas audiovisuais para público infantil.

Un dos cambios con respecto á primeira edición é o cambio de mes, de decembro para novembro. É mellor separalo das datas próximas ao Nadal?

Pensamos que as programacións de outono funcionan moi ben para o público familiar, porque hai menos oferta. E, ademais, quixemos separalo un pouquiño do Nadal, tamén para facilitarlles as cousas a profesorado e nenos e nenas, que no remate do trimestre andan con máis traballo.

"En Galicia hai escaseza de material audiovisual infantil, pero fanse bastantes videoclips e a música infantil en galego é todo un éxito"

Proxectaranse 73 curtametraxes, froito dunha selección moi importante, a partir de dúas mil propostas que chegaran, dende os cinco continentes. Un dos principais valores de Cinema Crianza é que permite ver filmes moi distintos, imposibles de atopar doutro xeito?

Si, chegaron unhas dúas mil propostas dende todos os recunchos do planeta e aí estivo o labor de Marcos Nine, director do festival, á hora de facer esa selección, organizando as curtametraxes por idades (máis de 2 anos, máis de 5 anos e máis de 7 anos), e creando varias seccións temáticas: unha centrada no medio ambiente, outra no fútbol e nos valores que rodean o deporte (compañeirismo, amizade...) e outra de curtas musicais e que teñen a música como centro. E si, ese foi un dos obxectivos principais cos que naceu Cinema Crianza: ofertar un material diferente ao que hai nas salas de cine comerciais. Un dos nosos valores é a multiculturalidade e que se fale da infancia e para a infancia dende múltiples olladas, olladas diversas.

A música é outro dos aspectos esenciais do festivais. Que é o que ides ofrecer este ano?

Xoán Curiel vai estar presentando o seu novo traballo, que se chama Casa do Terror, que gravou con A banda do verán. Ademais, en Cinema Crianza vaise estrear o novo videoclip de Magín Blanco, que se titula "Meu avó Ieié", que está dirixido por Marcos Nine, precisamente. A nós gústanos moito esta sección, Música para parrulos, que xa tivemos o ano pasado. En Galicia hai escaseza de material audiovisual infantil, pero unha fortaleza que si temos é que se fan bastantes videoclips e a música infantil en galego é todo un éxito.

"Cinema Crianza está aberto aos nenos e nenas de toda Galicia. Queremos que se converta nunha cita de referencia para as familias galegas"

Ames é o concellos galego con máis poboación nova, en termos relativos (o 23,24% dos seus habitantes por debaixo dos 20 anos cando a media galega é do 15,82%). Non é casualidade, polo tanto, que acolla este festival?

O feito de que Cinema Crianza se faga en Ames non é casual e débese, como dis, a ese altísimo índice de poboación infantil que hai no concello. Esperemos que sexan moitísimas as familias de Bertamiráns e Milladoiro que se acheguen ao festival, pero tamén queremos lembrar que Cinema Crianza está aberto aos nenos e nenas de toda Galicia. Queremos que se converta nunha cita de referencia para as familias galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.