0 Gardados para despois

"Son poucas as novas de Cultura nas portadas dos medios, case sempre ligadas á morte de persoeiros"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Como eran os suplementos culturais dos principais xornais impresos de Galicia nos anos 80 e 90? Que autores/as e temas aparecían representados neles? A que modelo de cultura daban acceso? Serviron para que os e as lectoras revalorizasen e contemporaneizasen os elementos asociados tradicionalmente á cultura? A pasada semana o investigador Jorge González defendeu na USC a súa tese de doutoramento, Prensa e cultura. Estudo de caso: Os suplementos de cultura de La Voz de Galicia e Faro de Vigo (1980-1997), cualificada cun sobresaliente cum laude.

Nas súas páxinas analiza os formatos, os cambios de dirección e de orientación e as escollas lingüísticas e temáticas do Cuaderno de Cultura e Cultura de La Voz de Galicia e mais de Artes e (y) Letras e do Faro das Letras do Faro de Vigo. Conclúe que "os suplementos responderon aos obxectivos de afondar na información e fomentar a hibridación cultural durante o primeiro tempo da Transición, no que priorizaron o democrático, educativo e participativo sobre o aspecto económico e empresarial dos medios". Pero salienta que co tempo "foron perdendo esta dimensión explorativa e abarcadora das máis diferentes temáticas, xéneros e linguaxes expresivas na medida en que os medios de comunicación reorientaron a súa estratexia cara o comercial".

Evolución da cabeceira do suplemento cultural de 'La Voz de Galicia'

"Son moi poucas as páxinas que [hoxe] se dedican a Cultura. E son aínda menos as noticias que sobre a cultura aparecen nas portadas ou en lugares destacados do xornal"

Analizas só os suplementos, pero nalgún momento comentas a escasa atención dos medios xeralistas á cultura. Como valoras a relevancia concedida (en espazo, en xerarquización...) pola prensa tradicional?

Os traballos académicos sobre a área cultural coinciden en sinalar a pouca atención que se lle concede nos xornais de información xeral. Na actualidade, estes resultados compróbanse cada día ao ler calquera xornal. Son moi poucas as páxinas que se dedican a Cultura, que mesmo deixou en moitos casos de ser unha sección independente e aparece asociada a Espectáculos ou a Sociedade. E son aínda menos as noticias que sobre a cultura aparecen nas portadas ou en lugares destacados do xornal -ou da emisión de radio ou televisión-, case sempre relacionadas coa morte de persoeiros.

Un dos grandes debates culturais en Galicia é a propia definición de que é cultura galega, sobre todo na literatura, no senso de abranguer ou non a cultura feita en castelán en Galicia. Como resolven esta cuestión os suplementos?

Hai que distinguir evidentemente entre literatura e outras artes que non empregan a lingua como materia prima. Faro de Vigo caracterízase por limitar a literatura galega a aquela escrita en galego. Non en van Francisco Fernández del Riego, un dos homes fortes de Galaxia e coordinador do suplemento entre 1980 e 1983, foi un dos impulsores desta idea durante o primeiro franquismo. Tamén Xosé A. Perozo e Xosé Ramón Pena (este último defínese como discípulo de Del Riego) recolleron esta idea nas súas etapas á fronte do suplemento de Faro de Vigo.

"Faro de Vigo caracterízase por limitar a literatura galega a aquela escrita en galego"

A situación cambia en La Voz de Galicia. Na primeira etapa, coordinada por Luís Álvarez Pousa, séguese a liña anterior, pero a partir de aí rómpese con esta tendencia central do campo cultural galego. Mesmo este criterio se discute explicitamente na etapa de Arturo Lezcano como coordinador, durante os oitenta. Lembro por exemplo un especial dedicado a José Ángel Valente, onde se ataca aos que non consideran que este sexa un autor galego.

Dúas portadas do 'Cuadernos de Cultura' de 'La Voz de Galicia'

Que escolla lingüística fan estes dous suplementos, tendo en conta que se insiren en dous medios cunha presenza residual do galego?

En Faro de Vigo é moi alta, derivado sen dúbida da influencia directa de Del Riego na primeira etapa e na última a través de Pena. Perozo e o seu equipo tamén eran sensibles á problemática do galego. En La Voz de Galicia existe unha diferenza entre os oitenta, onde o uso do galego é alto, en especial na primeira etapa, coordinada por Álvarez Pousa, e os noventa, onde se reduce a un elemento practicamente residual.

"En La Voz de Galicia existe unha diferenza entre os oitenta, onde o uso do galego é alto, en especial na primeira etapa, coordinada por Álvarez Pousa, e os noventa, onde se reduce a un elemento practicamente residual"

Destacas que, alén da cuestión lingüística, a mediados dos 90 se advirte en La Voz un abandono dun certo galeguismo que existira ata ese momento. Como é este proceso?

Éste é un tema que foi estudado por unha investigación ambiciosa como é a de Máiz sobre os marcos interpretativos de La Voz de Galicia. Este abandono do galeguismo hai que poñelo en contexto. La Voz de Galicia cambiou a súa perspectiva sobre a cuestión nacional nun momento moi determinado e incerto, de negociación do Estatuto, definición do Estado autonómico e crise no sistema da prensa escrita. Un dos obxectivos era diferenciarse da prensa de Madrid para defender a súa cota de negocio. Cando este tipo de ideas forza xa non resultan rendíbeis, abandónaas e volve á súa tradicional ideoloxía conservadora en cuestión nacional.

"A cultura académica ten un papel fundamental nestes suplementos, en liña co que a literatura académica indica que sucede en todos os campos nacionais. Hai moi poucos ocos para outras formas culturais"

Ten máis espazo a cultura institucional e académica? En que medida hai oco para a contracultura, a cultura de base e as novas formas de cultura urbana?

A cultura académica ten un papel fundamental nestes suplementos, en liña co que a literatura académica indica que sucede en todos os campos nacionais. Hai moi poucos ocos para outras formas culturais, aínda que en Faro de Vigo si se deu unha experiencia moi novidosa de ámbito contracultural, o Pharo the Bego, que merecería un estudo pormenorizado (eu non o incluín no meu corpus). A este respecto hai que sinalar que a influencia institucional nos suplementos aumentou paulatinamente conforme se creaban novos entes públicos dedicados á cultura en concellos e no goberno autonómico.

Por outra parte, as etapas de Álvarez Pousa en La Voz de Galicia e de Perozo en Faro de Vigo, a comezos dos oitenta, incidiron nun aspecto que logo se abandonou: as análises sobre a situación xeral dos diversos campos culturais e a análise do aspecto industrial da cultura. As etapas posteriores estiveron centradas principalmente na crítica de novidades comerciais.

"Os contidos de debate quedan relagados por un modelo que prima a crítica para o consumo de novidades ou con algún vencello coa actualidade directa"

Os contidos políticos, de cultura-conflito, de debate quedan polo tanto relegados por un modelo de cultura-ocio, máis comercial, de consumo?

Si, como xa indiquei, este tipo de contidos de debate danse principalmente nas etapas de Álvarez Pousa en La Voz de Galicia e Perozo en Faro de Vigo. A partir de aí quedan efectivamente relegados por un modelo que prima a crítica para o consumo de novidades ou con algún vencello coa actualidade directa.

Portada do 'Pharo the Bego'

Os suplementos contribúen a fixar un canon de temas e actores? Ou simplemente refliten o canon existente?

Eu baseo a tese na teoría sociolóxica de Bourdieu. Neste sentido, o canon é o resultado dunha constante loita no interior do campo artístico, influída tamén por outros campos exteriores (o político e o económico, principalmente). Deste xeito, os suplementos e outros medios xornalísticos constitúen, xunto coa escola, os principais instrumentos cos que se conforma e, á súa vez, se transmite o canon.

"Os coordinadores e colaboradores e colaboradoras próximos ao campo cultural galego tiñan máis interese en reconstruír a maltreita tradición literaria galega logo da ditadura e en fomentar xéneros ou obras que pensaban que podían ampliar a base lectora"

Chama a atención a ausencia de figuras como Manuel Rivas ou Suso de Toro nos suplementos nestes anos. Por que sucede isto?

Na miña opinión (na tese non fixen un inquérito específico sobre isto), os coordinadores e colaboradores e colaboradoras próximos ao campo cultural galego tiñan máis interese en reconstruír a maltreita tradición literaria galega logo da ditadura e en fomentar xéneros ou obras que pensaban que podían ampliar a base lectora. Durante a defensa da tese, Dolores Vilavedra, que estivo no tribunal, apuntou a posibilidade de censuras ideolóxicas polo compromiso político de Rivas e de Toro.

Analizas tamén os xéneros e formas empregadas para contar. Son un espazo de innovación formal? Faise xornalismo cultural propiamente dito?

En xeral, predominan os xéneros máis característicos da sección cultural como se entendeu historicamente, a crítica, a reseña e o ensaio. Durante os noventa, rompe a tónica xeral La Voz de Galicia: Os suplementos coordinados por Xosé Manuel Dapena nese xornal potencian a entrevista e a reportaxe como xéneros para abrir o suplemento.

O suplemento cultural de 'La Voz' a comezos dos 90

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.