0 Gardados para despois

O OUFF pecha a súa edición máis galega -alén de polémica-

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Organizouse tarde e arrastro. Con condicións laborais draconianas para o equipo, coa terceira parte do orzamento -120.000 euros- e a través dun convenio de última hora asinado entre a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo -e non cun concurso público, como anunciara o concello e establece a nova Lei de Contratos-. Mais ao final o Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) -cunha edición moito máis modesta que as anteriores- puido celebrarse. Cunha resposta do público, ao ver do seu director artístico, Miguel Anxo Fernández, máis que satisfactoria. E cunha maior presenza, en termos proporcionais, de cinema galego, aínda que fose de películas cunha posición máis periférica, ou nalgúns casos inexistente, nos circuítos especializados.

O festival xa se daba por perdido, e máis tras a renuncia definitiva dos que foron o seu director artístico e produtora nos últimos anos, Fran Gayo e Analía G. Alonso, o pasado xuño despois do fracaso das negociacións co concello, cuxo atraso na aplicación da Lei de Contratos se situara, precisamente, na orixe do problema, ao imposibilitar que o festival se organizase por este vieiro -con concurso público- antes de rematar o 2018. Fran Gayo e Analía G. Alonso manifestaran a través dun comunicado o seu malestar co concello ao saber, ademais, pola prensa, da intención de convocar un concurso tras levar xa tempo traballando na preparación do festival.

Da mesma maneira, Alonso cualificou o pasado setembro de “vergoñento” nas súas redes sociais que “en Ourense presuman” de salvar OUFF “os mesmos que destruíron o proxecto”, conducíndoo por unha liña “que nada ten que ver co que nós construímos”. As súas críticas incluían as entidades públicas patrocinadoras e a propia Fundación Carlos Velo. E é que o OUFF seguiu adiante por mor dunha iniciativa de urxencia da Deputación de Ourense -e non sen certo atrevemento despois da polémica xerada no sector do audiovisual, que expresara o seu apoio a Gayo e Alonso a través dun comunicado asinado por máis de 300 persoas, e da comisión de investigación aberta no concello a petición do PSdeG por “presuntas anomalías importantes” na organización do evento-.

Un acordo entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde da cidade, Jesús Vázquez e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, posibilitou a celebración do festival en virtude dun convenio da Fundación Carlos Velo coa Deputación

Sexa como for, finalmente un acordo entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde da cidade, Jesús Vázquez e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, posibilitou a celebración do festival en virtude dun convenio da Fundación Carlos Velo coa Deputación, tras cederlle o concello a esta última a responsabilidade de pór en marcha o festival durante un período de catro anos. Miguel Anxo Fernández -que non especificou o orzamento achegado por cada unha das entidades públicas patrocinadoras- quixo salientar, porén, en declaracións a Praza, que a Fundación Carlos Velo non pretende nin perpetuarse na asunción da organización do festival -xa que esta debe estar “profesionalizada” e refrendada por un orzamento duns “400.000 ou 500.000 euros”-, nin “competir” nin “destruír ningún festival”, senón garantir a súa continuidade cunha programación de calidade pero máis “plural”, no sentido da súa capacidade para “ampliar” o público do mesmo.

A falta dun balance xeral que se fará público nos próximos días, o OUFF si deu a coñecer o seu palmarés, no que, como dificilmente podía ser doutro xeito debido á elevada presenza de cinema galego no programa, destacaron bastante as creacións feitas no país. Miguel Anxo Fernández comentou, de feito, que ao seu ver o OUFF debe ser “o festival do audiovisual galego”, con “todo o protagonismo” deste -compartido co cinema doutros países-. Entre as ideas que se se están a barallar para o próximo ano -indicou- está de feito a creación dunha sección competitiva para o cinema “galego” ou quizais “das nacionalidades”. Este ano, o documental galego Tódalas mulleres que coñezo, dirixido por Xiana do Teixeiro, que competía na sección oficial, levou unha mención especial do xurado por formular “un debate interxeracional sobre o medo que viven as mulleres na nosa sociedade e que entre todos aínda non soubemos resolver”.

Miguel Anxo Fernández comentou, de feito, que ao seu ver o OUFF debe ser “o festival do audiovisual galego”, con “todo o protagonismo” deste -compartido co cinema doutros países-

Tódalas mulleres que coñezo (Walkie Talkie Films) partiu, de feito, da creación dun espazo libre, seguro, de sororidade e intercambio de experiencias para falar das agresións sexuais ás mulleres no espazo público. Mais acabou sendo moito máis: un lugar de reflexión sobre a normalización da violencia. Sobre unha sociedade que substrae ás mulleres as ferramentas para reaccionar ante ela. E, sobre todo, sobre a utilización do medo, do terror sexual, como arma de control patriarcal. Sen negar a realidade, mais sendo conscientes da explotación mediática da violencia sobre os corpos femininos como relato aleccionador.

O premio do público e o premio especial do xurado corresponderon á produción franco-libanesa Capharnaüm, da realizadora Nadine Labaki, unha película “con evidentes valores de dirección que consegue facer dunha pequena premisa persoal unha crítica universal” na que un neno que vive na miseria e no medio de toda sorte de violencias denuncia ante o xuíz aos seus propios pais por traelo ao mundo tras acabar no cárcere por un crime xusticeiro. A Calpurnia á mellor película correspondeu a Mug, da directora polaca Malgorzata Szumowska, -unha historia sobre como o transplante de cara dun mozo saca o peor do que os habitantes dunha aldea levan dentro- “polo seu atrevemento visual e narrativo, compoñendo un retrato da sociedade polaca nun momento no que a identidade se condena”.


As curtas premiadas: a presenza da perspectiva de xénero

O premio Carlos Velo á mellor dirección foi para a franco-islandesa-ucraína A muller da montaña, de Benedikt Erlingsson, -sobre unha muller de mediana idade que leva unha vida de activista medioambiental paralela á súa faceta máis coñecida- por “manter unha aposta decidida cunha dirección imaxinativa, audaz e dinámica; rica no manexo de recursos diexéticos e especialmente potente no relato da súa protagonista”. Tamén dentro da sección oficial, o Premio Galicia da Xunta foi para Memorias de un hombre en pijama, de Carlos Fernández de Vigo -con guión dos galegos Ángel de la Cruz e Diana López Varela e do valenciano Paco Roca-, que leva ao cinema as tiras cómicas deste último sobre un corentón que consegue cumprir o seu soño infantil de quedar na casa todo o día en pixama ata que unha muller da que namora vén complicarlle o seu plan.

O palmarés da sección de curtametraxes galegas recoñeceu co primeiro premio, The Widow, de Noelia M. Muiño

O palmarés da sección de curtametraxes galegas recoñeceu, pola súa banda, co primeiro premio, The Widow, de Noelia M. Muiño pola “calidade dunha ficción ambientada nunha época pasada, na que se elabora un relato sobre a violencia contra a muller de modo sutil e alegórico”, conectando así, pola súa temática, con Tódalas mulleres que coñezo. Nunha liña confluente sitúase a curta que gañou o premio do público, Feminazi, de Diana López Varela, unha peza presentada coma unha “parodia” dos prexuízos e a ignorancia arredor do significado do feminismo, centrada na relación entre Rocío e Manu, (Laura Míguez e Fernando González, actores da compañía teatral Il Maquinario), unha parella que ten un conflito, chegando ás situacións máis surrealistas, tras chegar ela dun acto dunha plataforma feminista e lembrarlle ao seu mozo as responsabilidades que teñen en común.

O Premio Aisge para a mellor interpretación feminina foi para Rosalía Castro polo seu traballo -compartido con Machi Salgado e Claudia Sánchez- en Mouras

O Premio Aisge para a mellor interpretación feminina foi para Rosalía Castro polo seu traballo -compartido con Machi Salgado e Claudia Sánchez- en Mouras, unha curta de Olga Osorio na que as lendas de mouras que Ana lle conta á súa filla Iria, de 8 anos, mentres pasean polo bosque propoñen un xogo de ambigüidade realidade-ficción no que pode albiscarse unha procura -desesperada- da liberdade por parte dunha muller que non consegue ser feliz nun mundo ao que non pertence e no que se lle derrubaron as expectativas que puxera no amor.

Na categoría de interpretación masculina deste mesmo premio, foi recoñecido o actor Xosé Eirín polo seu traballo en Limbo, de Daniel Viqueira, quen se estreou como curtametraxista con esta peza de moi notable virtuosidade técnica que, segundo comentou el mesmo nunha entrevista en Praza, empezou sendo unha “curta apocalíptica” na que un home se atrincheira na súa finca coa súa escopeta tentando “protexerse do mal” que se agocha detrás do valado da casa, para acabar sendo a metáfora do bucle de “psicose infinita” no que cae ese mesmo home tras asasinar a súa muller e a súa filla por atreverse a decidir deixalo e marchar. O terror e a paranoia constitúen, segundo o director, o castigo en bucle deste asasino machista, que en ningún momento transmite remordementos polo seu crime, mais que queda atrapado nunha “condena á eterna repetición”, un castigo autoinfrinxido sen querelo no que o sangue, e o pánico, nunca marchan.

Menos marcadas por unha perspectiva de xénero, mais tampouco sen esquecela, sitúanse tamén, coma LimboCando mamá pechou as caixas, segundo premio do palmarés da sección de curtas, e Mariñeiro, mención especial do xurado. Juan Galiñanes tracexa en Mariñeiro un retrato dos oficios do mar a partir dun personaxe de ficción, Antonio, interpretado polo actor Celso Bugallo. O discurso de Bugallo foi tecido por Galiñanes a partir dunha serie de entrevistas que realizou a homes e mulleres do mar na súa vila natal, Cambados.

A semente de Mariñeiro foi, en realidade, unha proposta da mariscadora María Xosé Cacabelos, que quixo recoller as testemuñas dos traballadores e traballadoras do mar para facer un exercicio de memoria que se proxecta cara ao futuro cunha mensaxe sobre a necesidade de respeitar os ritmos do mar, sen esquilmalo, e de recoñecer o traballo das mulleres no mundo mariñeiro. Cando mamá pechou as caixas, de Arancha A. Brandón, olla tamén, pola súa banda, o mundo laboral e a clase obreira, mais centrándose nas “consecuencias” da chamada “crise económica” para persoas coma a protagonista da historia, segundo salientou o xurado.

Mabel Rivera recolleu o premio da Fundación AISGE a toda a súa traxectoria

 

Unhas sesións especiais cheas de cinema galego

O cinema do país tivo tamén especial protagonismo nas chamadas Sesións especiais do OUFF, coordinadas por César Silva. Marcos Fernández presentou nesta sección La casa, un documental que, segundo explicou en rolda de prensa, foi concibido coma unha homenaxe á Casa da Xuventude de Ourense como, máis que un lugar de encontro, un “fogar” para moitos ourensáns. Antigos socios, traballadores e colaboradores da Casa da Xuventude foron entrevistados para realizar este filme, que serve tamén de recordo a Benito Losada -”eterno diretor da casa”- e ao “porteiro” e “pai de moitos” Juan Manuel de Sanas.

As Sesións Especiais acolleron tamén a presentación do documental A meca dos cines, de Dunia Álvarez, un percorrido histórico polas salas de cine que tivo O Grove

As Sesións Especiais acolleron tamén a presentación do documental A meca dos cines, de Dunia Álvarez, un percorrido histórico polas salas de cine que tivo O Grove. Este filme forma parte dun proxecto máis grande en forma de libro que recolle a investigación realizada por Álvarez, nada dun traballo académico que despois foi medrando. Tal como comentou o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, na rolda de prensa da presentación deste proxecto no OUFF, esta obra fala dunha historia local que é tamén “a dos cines de calquera vila de Galicia”.

O local que non deixa de revelarse universal -pois nos lugares máis pequenos poden acontecer as cousas máis extraordinarias, tal como di o seu autor- é tamén protagonista de O tempo na luparia, de Plácido Romero, un documental sobre os estragos do implacable paso do tempo no concello de Lobeira, metáfora da mudanza duns xeitos de vida “en perigo de extinción”. O despoboamento do rural e a perda, ou transformación, do microcosmos dunha comunidade labrega pairan sobre este filme armado a partir da alternancia de anacos de vellos vídeos domésticos e de imaxe actual.

O tempo na luparia comeza con imaxes dos xogos duns nenos e nenas duns 5 anos, aos que despois vemos, 30 anos máis tarde, falando sobre as dificultades que impiden o desenvolvemento da súa vida na aldea. Unha voz en off, que realiza un relato marcado pola arela do emprego dun estilo lírico -e ás veces épico-, conduce pola idiosincrasia do lugar -apoiándose en entrevistas coa veciñanza-: o patrimonio cultural -as mámoas, as festas parroquias...-, a memoria da guerra e das figuras dos irmáns Xaquín Lorenzo (Xocas) e Xurxo ou a historia política, cun alcalde, Emilio Higuero, que se mantivo perto de 30 anos no seu posto malia ir mudando de partido ata que, como di, o “botaron” do PPdeG.

O desafío do Sil, de Domingo Díaz, é un documental que percorre o proceso de construción dos saltos do Sil, así como o seu impacto na poboación local

A alternancia entre imaxes de arquivo e imaxe actual é tamén o alicerce da estrutura de O desafío do Sil, de Domingo Díaz, un documental que percorre o proceso de construción dos saltos do Sil, así como o seu impacto na poboación local. A autora dun estudio sobre o tema publicado nun libro editado pola Deputación de Ourense, Susana Chávarri, debulla a historia da creación das distintas presas do Sil en virtude da confluencia de intereses entre banqueiros e empresarios da época. Ser contratado para traballar nos saltos no Sil era para xente “humilde”, como chegar a “Eldorado”, asegura Chávarri, que non agocha porén as duras condicións de traballo dos primeiros anos, tras a guerra civil e a segunda guerra mundial, cunha España sometida a bloqueo económico e sen materiais, ferramentas nin máquinas.

Chávarri subliña, tamén, a pericia técnica que supuxo a construción de saltos coma o de Chandrexa, de contrafortes, “o primeiro das súas características feito en España”, ou o de Santo Estevo, pioneiro “en Europa”. O seu discurso, que destaca a iniciativa, o bo “espírito”, a “responsabilidade” e o “esforzo” de empresarios e enxeñeiros, presentados como algo próximo ao heroico, compleméntase coa de diversos traballadores da empresa -topógrafos, un administrativo e varios empregados-, así como coa dalgúns veciños das zonas afectadas pola expropiación de terras aos que, como se di no documental, “ninguén preguntou” nada.

A construción de encoros formou parte fundamental do relato propagandístico do franquismo

E é que a construción de encoros formou parte fundamental do relato propagandístico do franquismo, que trataba de mellorar a súa imaxe con obras de enxeñería punteiras e sinalando o desenvolvemento local xerado arredor delas -crecemento de vilas como a Rúa, construción de “vivendas sociais” ou de escolas, no caso do Sil-. Así, e aínda que se afasta do ton moi crítico doutros documentais que trataron este tema, coma Os días afogados de Luís Avilés e César Souto ou Asolagados, de David Vázquez -sobre Belesar-, O desafío do Sil permite albiscar o conflito social que a construción dos encoros tamén provocou -con desprazamentos de poboación forzosos-, así coma o seu impacto ambiental. Entre discursos que parecen publicitarios das empresas emerxen, así -a través principalemente das imaxes- o poder do capital, a violencia contra o rural e contra a natureza, a (des)igualdade de xénero ou o cambio cara a unha economía industrial e de servizos na que o campesiñado conta cada vez menos. 

"O que buscaba" explica o director de O desafío do Sil, Domingo Díaz, "era construír a narración do documental seguindo as películas publicitarias da empresa dos anos 50 a 70. Quería facer patente a construción do relato do "progreso". Deixar claro que o discurso oficial silenciaba totalmente as circunstancias e as voces dos traballadores. Era importante tamén, para min, retratar o fin dunha clase social, dun xeito de vida: o campesiñado. Tamén me interesaba a ética do esforzo, algo que compartían enxeñeiros e obreiros". As imaxes e locucións de arquivo -que parecen do NO-DO, mais non o son-, "están combinadas con material novo de tal xeito que eu mesmo dubido da autoría dalgunha das imaxes. Quería que ao público lle pasase o mesmo. Que notase a confusión para provocar unha reflexión sobre a narración. O relato apóiase na retórica das películas de arquivo para a través da ironía cuestionar o discurso oficial", aclara. 

A Historia de Galicia é tamén, aínda que doutro xeito, protagonista de Castelao: de Chumbo a Verba, de Miguel López, outro dos filmes proxectados nas Sesións Especiais

A Historia de Galicia é tamén, aínda que doutro xeito, protagonista de Castelao: de Chumbo a Verba, de Miguel López, outro dos filmes proxectados nas Sesións Especiais. A mestra dun colexio de Pontevedra encárgalle ao alumnado un traballo sobre Castelao. Un dos alumnos artella un mundo situado entre fantasía e realidade que se abre cando a estatua de Castelo do grupo escultórico da praza de San Xosé cobra vida e se ofrece para percorrer, con el, os lugares, acontecementos e personaxes da que fora a súa vida en Pontevedra. Como en O desafío do Sil ou O tempo na Luparia, pasado e presente vanse alternando, de xeito que o espectador pode seguir un percorrido sinxelo e pedagóxico -que non agocha o drama, como o derivado da guerra civil e o exilio-, pola traxectoria de Castelao.

As Sesións Especiais acolleron outro documental centrado na creación, mais neste caso na máis recente: a poesía actual. Vértice de Versos, de Carlos Lorenzo, pretende “espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía”, segundo explicou a Praza nunha entrevista.

O flme está estruturado arredor de entrevistas a representantes da escrita, mais tamén algúns da a edición e a crítica. “Quixen que as voces novas contasen a súa visión do que estaba a acontecer e como o estaban a vivir; a outros para que nos falasen dos grupos e dos colectivos dos 90; aos presidentes das principais asociación de escritores para que nos desen a súa visión de conxunto; ás fundadoras de Chan da Pólvora e Apiario para detectar se os seus proxectos son resultado deste momento favorable para a nosa poesía; os especialistas no seu estudio achégannos detalles da nosa historia literaria así como unha visión do conxunto…”, indicou o director.

Mais cara a ficción tiran Nove de Novembro e Las Brujas de E’lente. A primeira, de Lázaro Louzao, foi presentada como o primeiro filme galego no que personaxes de orientacións sexuais non normativas son os protagonistas. Nove de novembro conta, segundo explicou Marcos Pérez Pena nunha entrevista en Praza, a historia de Roberto e Miguel, que levan dez anos saíndo xuntos, unha década de vida en común que volverá as súas memorias ao longo de catro días de novembro, en 1989.

Na película mestúranse os feitos que nese mesmo momento están tendo lugar en Berlín, onde se produce a caída do Muro. O filme trata temas como a homosexualidade e a súa aceptación, as relacións de parella ou a SIDA e súa especial incidencia a finais dos anos 80 e busca "presentar unha relación de parella afastada dos lugares comúns aos que estamos afeitos a ver na pantalla". En paralelo, a través da televisión, os dous personaxes principais asisten aos acontecementos que se desenvolven en Alemaña, "a fin da guerra fría, como metáfora da relación dos protagonistas".

Las brujas de E’lente, de Simón Vázquez, é un filme de xénero fantástico rodada en Ourense. A súa proxección no OUFF tivo un grande éxito de público. Nela, E’lente, o fillo do demo, foi roubado dos brazos do seu pai porque Deus decidiu agochalo entre os mortais, lonxe da influencia di mal. Pero o Demo contará coa axuda dunhas bruxas, as súas escravas, desexosas de medo e devoradoras de almas. Aínda que… todo isto é só un vello conto na memoria de Eva, que tras dez anos internada lonxe da súa irmá, volta ao seu fogar para liberala dos seus crueis pais, sen temor aos perigos aos que enfrontará, segundo pode lerse na web deste filme. Las brujas de E’lente foi realizada de xeito “artesanal” e tomando a Guillermo del Toro como referente, segundo explicou en rolda de prensa no OUFF o seu director. Conta, ademais, cun reparto no que están Isabel Blanco, Luis Iglesia, Rubén Riós, Sabela Arán, Rosa Álvarez, Fernando González ou Xoel Yáñez.

Memorias de un hombre en pijama recolleu o premio á mellor longametraxe galega

Cine “Feminino”, Calpurnia de Honor e series da TVG

Outras producións galegas estiveron presentes en seccións do OUFF ben dispares coma a adicada ao “cine feminino”, na que se proxectaron ‘A estación violenta’, de Anxos Fazáns e ‘A batalla descoñecida’ de Paula Cons. A segunda retrata a “febre de ouro” vivida en Galicia nos anos 40 co gallo da explotación de volframio, usado entón para a fabricación de armamento. Arredor deste mineral configurouse, nas poucas aldeas nas que podía extraerse, un auténtico Far West. Con homes con pico, pá e pistola. Con puros que se acendían con billetes de mil pesetas, -das de aquela-.

A produtora e xornalista Paula Cons cóntao neste documental, no que debulla o enorme negocio armado polo réxime franquista arredor da exportación do volframio aos alemáns, no marco da súa política de conivencia cos nazis, que durou ata pouco antes de rematar a II Guerra Mundial. "Fronte á fame, a miseria e o máis férreo puritanismo, alí corría o diñeiro, o vicio, a delincuencia e a alegría salvaxe de vivir", dicía nunha entrevista en Praza a directora deste filme. Mais, -aclaraba-, non se trataba de deixarse cegar polo brillo do ouro. Pola riqueza efémera que trouxo para algúns. Porque a venda do volframio era unha das facianas da actitude do goberno franquista nestes anos, que non foi, fronte ao reiterado pola propaganda, a neutralidade. Senón a complicidade con Hitler. E iso trouxo graves consecuencias para a maioría da poboación.

N'A estación violenta, adaptación libre da novela homónima de Manuel Jabois, Manuel, (Alberto Rolán), un mozo con vocación de escritor, vive atrapado nunha rutina que fica moi lonxe de facelo feliz. Mais o reencontro con dous amigos do pasado, Claudia (Nerea Barros) e David (Xosé Barato), fará que comece a mudar o rumbo. Anxos Fazáns, Daniel Froiz e Ángel Santos escribiron o guión deste filme, que conta tamén con Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán "Morris" no reparto e con Diana Toucedo, Iria Silvosa e a propia Fazáns na montaxe.

Os personaxes de Manuel -que semella comezar a caer nunha depresión- e Daniela encarnan neste filme “un estado vital que calquera pode pasar nalgún momento da súa vida. Un período de crise, de non saber que facer. Iso é algo que está aí, e que eu quería representar. Na miña xeración, e non só na miña, a desesperanza está moi presente, porque é difícil crer nun futuro que che dá tan poucas oportunidades. Mais, ante unha situación parecida, Manuel está atrapado nese estado e Daniela, coa súa xuventude, acepta a situación e busca a maneira de afrontala o mellor posible”, explicou Fazáns nunha conversa con Praza.

O OUFF serviu, por outra banda, de escenario para a presentación das series da TVG Lobos e cordeiros e Os Mariachi

O OUFF serviu, por outra banda, de escenario para a presentación das series da TVG Lobos e cordeiros e Os Mariachi. A primeira, producida por Galiwood e con patrocinio da Deputación de Ourense, conta unha historia de intrigas e amores imposibles en tres familias de distintas estratos sociais, a finais do XIX en Ourense. E ourensáns son tamén, ademais dos exteriores, os tres actores principais: Aínda Blanco, Nucho Nugo e Alberte Rolán. Os Mariachi está ambientada na comarca do Ribeiro e retrata tamén a rivalidade e os conflitos entre varias familias: un notario e seus veciños, descendentes de emigrantes mexicanos e cun estilo de vida que choca coas rectas costumes do primeiro. Unha comedia protagonizada, segundo informa recolle o OUFF na súa web, por Manuel Manquiña, Antonio Durán “Morris”, Patricia Vázquez, Federico Pérez Rey, Marcos Pereiro, Cristina Andrade, Marita Martínez y Lucía Veiga, entre outros.

Outro filme no que Galicia é protagonista, Mar de terra, iniciativa de Kepa Junkera, serviu de película inaugural do OUFF

Outro filme no que Galicia é protagonista, Mar de terra, iniciativa de Kepa Junkera, serviu de película inaugural do OUFF. Nela, o músico vasco reflicte a súa vivencia do Entroido ourensán. Dirixida por José Antonio Blanco, Mar de terra xurdiu da gravación de imaxes dos entroidos de  Verín, Laza, Xinzo, Salcedo, Viana do Bolo e Santiago de Arriba, (Chantada). O título fai referencia a esa “outra Galicia que ten unha forza incríbel, ese mar que tamén chega ó interior”, segundo salienta o OUFF nunha nota de prensa. O realizador ourensán Xavier Bermúdez recolleu a Calpurnia de Honra deste ano pola súa traxectoria, mentres que o actor Luis Tosar recibiu o premio Cidade de Ourense e a actriz Mabel Rivera o premio da Fundación AISGE a toda a súa traxectoria. A exposición O retrato maior do noso cine, do fotógrafo Xulio Gil, composta por 33 retratos de actores e actrices do país, foi tamén formulada coma unha “homenaxe” ao cinema galego.

Mais a última edición do OUFF caracterizouse tamén por unha elevada presenza  institucional, sendo utilizado como escenario para promocionar, por exemplo, as axudas á produción audiovisual da Agadic. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, tamén tivo un notable protagonismo na actividade do festival, ao recibir no pazo provincial a Xavier Bermúdez ou asinar, coa vicepresidenta da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA), Virginia Yagüe a “Carta por la paridad e inclusión de las mujeres en el cine”, perto dun ano despois de ser arquivada pola Audiencia Provincial de Ourense a denuncia contra el por acoso sexual presentada por unha muller que afirmara ter recibido unha promesa de traballo súa a cambio de manter relacións sexuais.

A actividade do OUFF completouse coa presentación de Dos pés a cabeza, a monografía de Eduardo Galán sobre a obra de Xavier Bermúdez

A actividade do OUFF completouse coa presentación de Dos pés a cabeza, a monografía de Eduardo Galán sobre a obra de Xavier Bermúdez; do libro de Antonio Peláez Manane Rodríguez. Voz en libertad, do ensaio sobre a historia do cinema galego Marcas na paisaxe, coordinado por Margarita Ledo e da investigación de José Manuel Mouriño sobre os documentais da emigración galegos -o bautizado por Manolo González como “cinema de correspodencia”-, que conta co apoio da Fundación Carlos Velo.

O OUFF Escola, que contou coa participación de máis de 100 traballos, entregou os seus premios; a Academia Galega do Audiovisual presentou os Premios María Luz Morales; o maratón Fas Muvis levou á rúa varios equipos de mozos que rodaron e montaron as súas pezas en tempo récord -ao xeito do Chanfaina Lab, ideado por Manolo González- e o Festival Euro-Árabe Amal levou ao OUFF seis dos seus filmes deste ano. Por último, o Clúster Audiovisual Galego presentou o seu proxecto de converterse en representante de “todo o sector”, máis alá das produtoras, incluíndo os festivais de cine.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.