Bernardino fixo medrar o mar

Bernardino Graña asiste a unha das lecturas dos seus poemas que se realizaron no entorno da Torre de Hércules pola mañá © Tati Mancebo

"Hoxe o noso grande poeta do mar é, ó meu xuicio, Bernardino Graña. Pra atopar entre nós outro poeta do mar da súa categoría habería que remontarse a Manuel Antonio. Pra Bernardino Graña o mar case é o mundo, povoado, non somentes polos peixes, carrumeiros, toda unha fauna e vexetación marina, senón que tamén polos mariñeiros e afogados… Bernardino Grana canta a un mar poderoso, creador, vivo…". Así o escribiu Manuel María

A homenaxe pensouse como un acto de amor e recoñecemento á obra e á persoas de Bernardino Graña, realizado ademais dende todas as facetas artísticas. É por iso que comezou cun encontro de artistas plásticos no que Carlos Botana, Alfonso Costa, Inma Cubeiro e Begoña Tojo amosaron as súas creacións ao redor da obra de Graña. A seguir, no mesmo entorno da Torre de Hércules, houbo lecturas dramatizadas e un grupo de poetas novos e novas recitaron os textos do homenaxeado, intervindo Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Henrique Rabuñal, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.

Pero esta era unha homenaxe esencialmente mariñeira e marítima, "un abrazo do Atlántico ao poeta do mar", como tamén se salientou no acto. A travesía en barco pola bahía da Coruña, pasando a marola, serviu ademais para recuperar e reivindicar a toponimia e microtoponimia tradicional, un patrimonio que como lembrou Xurxo Souto, se está perdendo. Foi Luis Dopico o encargado de ir recitando os nomes dos lugares polos que o barco pasaba.

A seguir, os asistentes, baixo unha abafante calor, camiñaron dende a Dársena até o Paraninfo da Uniniversidade, nunha marcha gaiteira que atravesou a Cidade Vella da Coruña. Alí, na Universidade, mentres o solpor ía gañando protagonismo, celebrouse a derradeira parte da homenaxe, unha sucesión de vídeos con gravacións de palabras de amigos e admiradores da obra e da persoa de Bernardino, que se foron alternando cos poemas que un detrás de outro varios autores (entre eles, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane ou Xulio L. Valcárcel) subiron a recitar ao escenario, nun acto conducido por Xurxo Souto.

Medrou o mar.

Bernardino Graña asiste a unha das lecturas dos seus poemas que se realizaron no entorno da Torre de Hércules pola mañá © Tati Mancebo
Pola tarde houbo unha travesía en barco polas costas da Coruña © Pablo Mato
Os actos pecháronse no Paraninfo da Universidade © @johnathanvh

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.