Tacheles, o final de 22 anos de cultura alternativa

Protestas ante o peche de Tacheles CC-BY-NC Judith74

Tacheles botou o pecho. Desaparece un espazo para a creación cultural, pero desaparece sobre todo un símbolo de Berlín, e da cultura alternativa.  O medio cento de persoas que aínda vivían en Tacheles entregaron as chaves, declarando que "rexeitamos a violencia. Chegamos ao límite das nosas forzas" e acusaron (a través dunha carta aberta) o alcalde-gobernador de Berlín e máximo responsable da política cultural, o socialdemócrata Klaus Wowereit, de ser o culpable do peche: "O centro artístico Tacheles deixa así definitivamente de funcionar, do que unicamente vostede é responsable. Tería sido fácil salvar o centro creativo de Berlín do desmantelamento e a destrución especulativa. Vostede non cumpriu conscientemente esta tarefa".

Con todo, Tacheles comezou a pechar hai uns meses, en realidade. O edificio, unha nave en ruínas, resto dunha ampla galería comercial de formigón construída en 1909, foi ocupada o 13 de febreiro de 1990 por pintores, escultores e cineastas. Durante anos tivo unha intensa actividade cultural e por ela pasaron milleiros de ocupantes. Foi un dos símbolos dunha parte oriental da cidade que, dende a caída do muro, atraeu creadores de todo o mundo, grazas aos baixos prezos e ao ambiente de liberdade, chegaron aos barrios de Prenzlauer Berg, Friedrichshain ou Mitte.

O último ano foi un lento abandono de activistas e das súas actividades

En 1998 os artistas de Tacheles asinaron un acordo para poder permanecer no lugar durante dez anos máis, a cambio de reformar o edificio e ocuparse do seu mantemento. Polo camiño, os propietarios do predio quebraron, e o terreo pasou ao poder do HSH Nordbank. En 2011 unha boa parte dos inquilinos abandonou o edificio a cambio dun millón de euros. Daquela pecharon a sala de cinema de Tacheles, así coma a súa cafetaría. O último ano foi un lento abandono de activistas e das súas actividades.

Segundo o Goberno rexional de Berlín, os 1.200 metros cadrados de Tachele terán uso cultural. Haberá que velo: porque a enorme superficie é un tesouro inmobiliario no corazón de Berlín, nun momento no que se están urbanizando rapidamente con vivendas de luxo os terreos baleiros e os prezos están crecendo. Os defensores de Tacheles tamén salientan o feito de que o centro de cultura alternativa peche nun momento no que no país se están aprobando reformas para reforzar o poder das entidades de xestión de dereitos de autor semellantes á SGAE e que se están establecendo novos mecanismos para perseguir as descargas de contidos da rede.

CC-BY-NC Garagolo
CC-BY-NC Loren
Imaxes do interior e exterior do edificio CC-BY-NC Loren

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.