O Salón Teatro acollerá o 27 de outubro a primeira gran homenaxe do Ano Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño Dominio Público Praza Pública

O ano Roberto Vidal Bolaño vai collendo corpo. Este martes 11 de setembro farán dez anos do seu falecemento e dende a contorna do escritor estase xa a ultimar unha gran homenaxe para lembrar o dramaturgo a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas do próximo ano. O tributo celebrarase o 27 de outubro no Salón Teatro de Compostela e pretende ser unha gala na que se lembre todas as dimensións do autor de Saxo Tenor. “O acto está pensado como unha gran gala con actuacións musicais e teatrais. A idea é que sexa unha homenaxe na que estean presentes os seus amigos e participen persoas da cultura e da sociedade”, explica Roi Vidal, fillo do dramaturgo, quen xa adiantara en Praza que esta homenaxe tamén buscaría “subliñar o conxunto da traxectoria vital do escritor”.

Con ese obxectivo, a homenaxe contará coa participación activa de diferentes artistas musicais e escénicos que converterán o Salón Teatro nun auténtico memorial a Vidal Bolaño. Carlos Blanco será o encargado de presentar un acto no que a música correrá a cargo de, entre outros, da Magnifique Band, O Leo e García. No eido teatral, xa se pode adiantar a participación, tamén entre outros, do grupo teatral Chévere e da actriz Laura Ponte.

Nun primeiro momento, a intención era organizar esta homenaxe no Teatro Principal de Compostela

Nun primeiro momento, a intención era organizar esta homenaxe no Teatro Principal de Compostela e, tal como explicara en Praza o propio Roi Vidal, a organización do evento xa se puxera en contacto co Concello de Santiago para buscar unha data en setembro. Non obstante, as conversas non chegaron a bo porto. “Non puido ser. Non houbo entendemento”, sinala Roi Vidal sen entrar en moitos máis detalles. Buscouse un novo espazo e alí xurdiu o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, no que a organización atopou maiores facilidades. Non obstante, o aforamento do Salón Teatro é máis reducido e, probablemente, o acceso a práctica totalidade das butacas dependa de convites. “Seguramente, no Teatro Principal entraría máis xente”, deixa caer Roi Vidal.

O Centro Dramático Galego será un punto relevante no ano Roberto Vidal Bolaño, xa que a compañía pública de teatro ten previsto desenvolver dúas montaxes con textos do autor

Precisamente, o Centro Dramático Galego -que lle dará finalmente acollida a homenaxe no Salón Teatro- será un punto relevante no ano Roberto Vidal Bolaño, xa que a compañía pública de teatro ten previsto desenvolver dúas montaxes con textos do autor. Unha delas será Días sen gloria e a outra, Touporroutou da lúa e do sol. Esta segunda nace xa rodeada con certa polémica, xa que como adiantara o diario El País será interpretada nun ámbito profesional, mais os intérpretes serán bolseiros sen un contrato profesional, o cal espertou a oposición frontal no sector teatral.

 

Biografía e obras completas

As obras completas dividiranse segundo o criterio establecido polo profesor Xosé Manuel Fernández Castro na súa tese de doutoramento sobre o dramaturgo

Ademais das montaxes teatrais e a homenaxe de outubro, unha das principais iniciativas ao redor de Vidal Bolaño dos próximos meses será a publicación das obras completas do dramaturgo. Será o selo Positivas o responsable de levar, a partir do próximo xaneiro, todos os textos do escritor ás librarías nunha colección de cinco tomos diferentes. Nun primeiro momento, a editorial pensaba en publicar unha ampla Biblioteca Vidal Bolaño con cada título por separado, pero finalmente decidíronse por unha serie de tomos de aproximadamente 400 páxinas no que se reuniran varias obras en cada un. “Tomamos este novo camiño para reducir os custes para o lector. Non é o mesmo mercar 25 libros que cinco. Deste xeito, a nosa idea é que o prezo total non supere os 150 euros polo conxunto de 32 títulos diferentes”, explica Francisco Marcías, director da editorial. Deste xeito, dende Positivas afírmase que cada volume custaría uns 20 ou 22 euros.

As obras completas dividiranse segundo o criterio establecido polo profesor Xosé Manuel Fernández Castro na súa tese de doutoramento sobre o dramaturgo, publicada por Laiovento en 2011 baixo o título A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. O propio Fernández Castro colabora activamente, xunto a Roi Vidal e Macías, na publicación da obra completa, que será repartida en catro tomos titulados Agora, Outrora, Antroido e Adaptacións. Nun quinto volume recolleranse os textos non dramáticos, nos que se inclúen artigos e guións audiovisuais.

O primeiro volume que sairá á venda será Agora, no que se reúnen as obras escritas polo dramaturgo nun tempo contemporáneo: Integral, Animaliños ¡Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo Tenor. En Outrora recóllense obras que, principalmente, teñen un certo fondo histórico como son Agasallo de sombras, Días sen gloria, As actas escuras ou Doentes. A terceira entrega, Antroido, resumirá a actividade da súa compañía Antroido, con textos como Antroido na rúa ou Ruada das papas e o unto, entre outras. E, finalmente, no volume titulado Adaptacións, reproduciranse as versións realizadas polo dramaturgo de obras alleas, tales como o Xelmírez, de Cortezón, o Rosalía, de Pedrayo ou o Percival, de X.L. Méndez Ferrín.

Nas obras completas de Positivas agromarán obras inéditas que non foran plasmadas en libros antes

Esta clasificación vén dada polo criterio que seguiu, en gran parte, o propio Fernández Castro na súa tese de doutoramento. “Para as obras completas había que tomar unha decisión de manexabilidade dos tomos, e por iso decidimos realizar unha reagrupación principalmente por afinidades entre os textos. Dese xeito, reúnense en cada libro unha serie de textos que comparten unha determinada cosmovisión”, explica Fernández Castro, quen tamén lembra que nas obras completas de Positivas agromarán obras inéditas que non foran plasmadas en libros antes. É o caso do coñecido Carprice des dieux, un “monólogo suberversivo” -en palabras do propio Vidal Bolaño no manuscrito do texto- no que se ataca sistematicamente a corrupción inherente ao poder que lastra e remata coa liberdade e a creatividade. O texto era o resultado do enfrontamento que Vidal Bolaño tivera con Vázquez Portomeñe e o veto que sufrira durante varios anos no circuíto de teatro. Entre os inéditos, tamén aparecerán textos que nunca antes chegaran a ser publicado en libros, como é o caso de varias pezas realizadas na época da compañía Antroido.

“A miña meta con esta biografía é descubrir  por que un rapaz dunha familia pobre de Vista Alegre chega a dedicarse ao mundo do teatro"

Ademais, o despregue editorial de Positivas, editorial que comezou a traballar nas obras completos xa antes da designación do Vidal Bolaño para o Día das Letras, completarase cunha biografía na que xa está a traballar o propio Roi Vidal. “A miña meta con esta biografía é descubrir  por que un rapaz dunha familia pobre de Vista Alegre chega a dedicarse ao mundo do teatro. Quero descubrir todos os porqués de meu pai, descubrir cousas que, se el estivese vivo, eu preguntaríalle”, explica Roi, quen ten a intención de entregar o texto a comezos de 2013.

Roberto Vidal Bolaño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.