Para ler algo máis que os pousos do café

Unha imaxe da cafetaría © Rinoceronte

A cafetaría-libraría que a editorial Rinoceronte abriu en Cangas celebra o seu primeiro mes de funcionamento cunha grande aceptación entre os clientes. É unha cafetaría que ofrece todo o que unha cafetaría pode ofrecer: dende cafés e tés variados a unha ampla variedade de tortas, almorzos e merendas. Ademais, pódese xantar alí, grazas a un menú do día, lixeiro, económico e variado, que este martes, por exemplo, está composto por ensalada de polo (leituga, canónigos, pementos en tiras, queixo curado en dados, polo en filetes e noces) e Fresas con iogur como sobremesa.

Pero ademais é unha libraría, evidentemente. Alí pódense atopar, ler e mercar as obras editadas por Rinoceronte a través dos seus distintos selos (Pulp Books, Morgante), pero tamén os libros doutras editoriais coma Edicións Barbantesa, Patas de Peixe ou Urco. Este tipo de iniciativas son moi comúns no centro e norte de Europa pero constitúen aínda unha novidade en Galicia. O éxito que está a acadar o proxecto de Rinoceronte de seguro que convencerá a outras librarías a comezar a servir café ou a cafetarías a dispoñibilizar un espazo para a lectura e compra de libros.

A Libraría Café Rinoceronte abre de luns a domingo, de 10 a 22 horas, e está situada na Avenida de Bueu número 15, onda a rotonda dos Mexillóns, en Cangas.

Unha imaxe da cafetaría © Rinoceronte
© Rinoceronte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.