Mirar Galicia dende Gales: Abrir o foco para vernos mellor

Cartaz do congreso © AIEG

A Universidade de Cardiff, en Gales, acolle esta semana, de mércores a venres, o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia.

Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia

Así, por exemplo, o congreso abrirase co relatorio de David Mackenzie, da Universidade de Cork, Galicia: un enigma histórico? As restantes conferencias principais serán ofrecidas por Xurxo Mariño (A cultura científica: estratexias de comunicación e de integración), Manuel Gago (A conformación dun territorio dixital. Recursos e servizos culturais galegos en Internet), Rosario Álvarez (Lingua galega: entre a identidade e a mundialización), Chus Pato (O texto como resistencia, corpo e ruína: a tradución e o poema), Luís Costa Vázquez (Da corredoira á Internet: a identidade da música galega diante da globalización) e Helena González (Habitar, ocupar, transitar. Prácticas literarias e escritoras na era dixital).

Ademais, haberá sesións plenarias dedicadas a fonética e oralidade (coordinada por Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira); á produción editorial durante o Franquismo (coordinada por Carme Fernández Pérez-Sanjulián); ás escrituras e voces da cidade (coordinada por Carmen Mejía Ruiz); á Memoria histórica (coordinada por John Thompson); aos novos estudos rosalianos (coordinada por Anxo Angueira); ou á narrativa de Rosalía de Castro (coordinada por Kathleen March), entre moitos outros.

No seo do congreso intégrase tamén a celebración o Obradoiro de Estudos Rosalianos os días 13 e 14 de setembro, coordinado por María do Cebreiro Rábade, coa participación de Anxo Angueira, Helena Miguélez Carballeira, María Xesús Lama, Kathleen March ou Olga Castro, que moderarán unha serie de mesas de debate sobre a obra da poeta. 

Finalmente, haberá unha sesión de feche na que se analizarán os trinta anos de historia da asociación. A sede do congreso é a Ysgol Fusnes Caerdydd/Cardiff Business School. A Asociación celebra o seu décimo congreso mantendo o obxectivo dos eventos anteriores, centrados en potenciar a colaboración entre os e as investigadoras de Galicia e aqueles que desenvolven o seu labor noutros países, e fomentando sempre a multidisciplinariedade.

Cartaz do congreso © AIEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.