0 Gardados para despois

“A maioría da xente do audiovisual galego é moi cómoda”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


“Unha vez asinadas as curtametraxes Homúnculos (2003) e La consulta del Dr. Natalio (2004), Javi Camino converteuse no máximo referente actual da serie Z galega con ¡Maldito bastardo!” Con estas palabras, o escritor Diego Ameixeiras define o cineasta Javi Camino, quen esta semana participará no Freakemacine da Coruña coa proxección, precisamente, de Maldito Bastardo. Esta fita, estreada xa hai catro anos, resume unha visión radicalmente diferente dentro do audiovisual do país e afonda nun surrealismo único no cinema destes lares. O cineasta, ademais, tamén estará presente a comezos de outubro no Festival de Cine Fantástico de Sitges coa súa última curta: Lvoluten Osken (Hazlo por mí).

Catro anos despois da súa estrea, proxectarase Maldito bastardo nunha sala de cine, dentro do festival Freakemacine. Que significa volver ver estar película novamente en pantalla?

Si, hai tempo que non se bota. Sempre está ben e sempre gusta que se siga movendo, que se proxecte. Tamén me produce un chisco de vergonza, hai cousas das que me aburrín, que vexo que realmente non funcionan. É un poiuo raro.

Xa non lle gusta?

Si, si que me gusta. Pero hoxe faríaa doutro xeito. Está ben, reflicte unha época, daquela me gustaba   tal como estaba. É un desbarre, unha película que precisamente incluía todo o que quería ver sen preocuparme nada de nada.

Despois do Freakemacine, visitará de novo Sitges coa túa última curta Lvoluten Osken. De que trata esta peza cun nome tan singular?

A Sitges xa fora con Maldito Bastardo e coas curtas El doctor Natalio e Un chico raro. Agora preseentamos Lvoluten Osken (Hazlo por mí). Esta curta xa a estreamos en Curtocircuíto, onde gañaramos unha mención do xurado novo. Proxectarase o día 7 de outubro e, realmente, moito non se pode dicir do que trata porque  basicamente, é un chiste de cinco minutos. Na sinopse dicimos que son cinco minutos de batidos de fresa, amor e discursos pretenciosos. Na película retrátase unha relación particular dunha parella que está cansa de vivir e que deciden rebelarse ao respecto.

A nivel de estilo, que diferenzas hai entre esa curta e Maldito bastardo? Como cambio Javi Camino nestes catro anos como cineasta?

Diferenzas hai moitas, aínda que realmente a min ségueme a gustar o mesmo. Realmente, a diferenza está a nivel formal. Dedícome a poñer máis atención e coidado na parte técnica e na estética. Antes facíao un pouco ao chou, en plan guerrilla total. O humor tamén foi mudando... Agora é máis retorcido, antes simplemente era desbarre.

"Tanto ten que che gusten cousas normais ou estrañas, acaban catalongándote igual como freak"

Que tipo de freak é vostede?

Non me gusta nada esa palabra.

As etiquetas sempre están aí, mesmo no título do festival da Coruña...

Esa palabra non me gusta, pero entendo que dende fóra podo parecer un freak, polos gustos que teño e polo que fago. A min gústanme cousas moi estrañas, aínda que iso acaba sendo tamén un tópico. Realmente, tanto ten que che gusten cousas normais ou estrañas, acaban catalongándote igual como freak.

Na produtora Magnetova andades lazando unha especie de serie en internet. O seu anuncio das redes sociais din que é un “melodrama borderline” destinado ao fracaso...

É unha serie de microcapítulos realizado con Wences Lamas. Son 15 capítulos dun minuto... A verdade é que nin sei definilo! Naceu a partir de proxectos descartados, a base de imaxes descartadas doutras curtas. Todo ese material mesturámolo e saíu esta serie que alguén definiu así, como un melodrama borderline. Trata dun personaxe que se chama Emilio, que se define así mesmo como un chico de barrio normal. No primeiro episodio, descríbese un pouco e fala dos seus ídolos, que son Paulo Coelho, Vicente del Bosque e xente así [Ri].

A produtora Magnetova naceu hais uns tres ou catro anos, xa en plena crise. As cousas están como están e o audiovisual sofre como todos os sectores. Pódese vivir disto agora mesmo?

Máis que vivir, eu sobrevivo facendo moitas cousas. Facemos todo o que vai saíndo: vídeos corporativos, gravar concertos, desfiles de moda, videoclips e mesmo vodas. Hai que afacerse a incerteza. Nós non temos un soldo fixo, imos vendo que pasa cada mes. De momento, vai saíndo o xusto para vivir.

"Nunca tivemos un can e por iso non botamos de menos tempos mellores... Nunca os houbo!"

É un traballo de guerrilla?

Si, totalmente. A min compénsame. Para min é mellor que ter un traballo estable e un salario fixo.

O concepto da “incerteza” é unha cuestión que se escoita habitualmente nestes tempos dentro do audiovisual galego. Que opinas do sector en Galicia? E que consideración tes do mundo das subvencións, nun momento en que desaparecen algunhas como as axudas ao talento?

Sigo cousas moi puntuais do sector audiovisual. Intento estar ao tanto, pero pouco máis. Sobre subvencións... Pois diso pasamos moito, quedamos moi queimados de como funcionan. Nós non nos queixamos moito de como están as cousas, porque nós sempre estivemos no fío, na incerteza total. Nunca tivemos un can e por iso non botamos de menos tempos mellores... Nunca os houbo! O audiovisual galego? Pois creo que a maioría da xente é moi cómoda.

Parece que fala cun pouco de rancor sobre as subvencións. Malas experiencias?

Participamos nunha ou dúas ocasións. O que pasa, máis que nada, é a complexidade dos trámites. Méteste nun proceso nada creativo e practicamente tes que ter unha persoa pendente que se encargue de xestionar todo iso. Resulta complicado, son todo obstáculos. Nós quedamos moi fartos.  Para poder obtar a unha subvención, en moitos casos, debes ter un capital amplo. É dicir, o diñeiro das axudas chega normalmente tarde e ti tes que ir adiantando moito diñeiro. Se non o tes, como é o noso caso, méteste nunha lea de débedas coa xente e pode ser até perigoso. É que pagan cando queren as subvencións e mentres vas afogando.

"O diñeiro das axudas chega normalmente tarde e ti tes que ir adiantando moito diñeiro. Se non o tes, como é o noso caso, méteste nunha lea de débedas coa xente e pode ser até perigoso"

Por que di que a xente do audiovisual galego é moi cómoda?

Pois mira, moitos traballan en series e en programas que non lles gustan. Din que non lles gusta o que fan, pero estano a facer. Fano porque iso é o que merca a televisión, porque é o que lles interesa ás produtora e porque é aí onde pode haber cartos. Quéixanse de forma xeral do que fan, de que é pouco creativo... Quéixanse, pero a maioría non se molla e non arrisca en nada. Traballan en certos produtos que detestan só polos cartos. Nese sentido son cómodos, aínda que cada vez menos... Cando non haxa subvencións, a xente arriscará de verdade.

"Quéixanse de forma xeral do que fan, de que é pouco creativo... Quéixanse, pero a maioría non se molla e non arrisca en nada"

Así que algo bo poden ter os recortes.

Algo bo poden ter, si.  Pode que a xente acabe facendo cousas nas que cre e arrisquen.

A vostede gústalle todo o que fai? Tamén as vodas?

As vodas son moi divertidas. Normalmente cando nos contratan a nós, os noivos saben que non imos facer o típico vídeo do voda hortera. Iso danos de comer ben.

Mellor que as curtas, non?

Si, claro

"Os festivais deben reinventarse, creo que o papel que xogaban perdeu importancia"

Ten problemas para distribuír as súas curtas? O circuíto en Galicia é escaso?

A nivel Galicia hai festivais como o Freakmacine, o Curtocircuíto, Cans... Hai bastantes festivais, pero ás veces pensamos se realmente merece a pena participar neles. Realmente o que fas é perder cartos. Se non levas un premio, fas un gasto inútil. A verdade, para que a xente vexa a túa obra resulta mellor, máis fácil e máis barato internet. Colgas as películas na rede e xa está. Calquera pode velas. Os festivais deben reinventarse, creo que o papel que xogaban perdeu importancia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.