0 Gardados para despois

A CRTVG reduciu á metade a súa achega ao audiovisual galego

Redacción | @prazapublica

A voceira do BNG no Parlamento Galego, Ana Pontón, denunciou este mércore que nos últimos tres anos a CRTVG reducira o seu apoio á produción cinematográfica nun 50 por cento, unha rebaixa que non se corresponde cos recortes que sufriu o orzamento do ente público no mesmo tempo, asegurou. O investimento pasou de 4,2 millóns de euros en 2009 a 2,14 no 2011, segundo Pontón. “Os feitos son os feitos –engadiu- malia que vaian acompañados de declaracións grandilocuentes sobre o talento dos nosos profesionais e sobre o carácter estratéxico do sector, que se non se concretan en medidas de apoio se quedan só niso, en declaracións”.

Para a deputada nacionalista, os cambios introducidos o pasado ano no novo Plan Específico de apoio á produción audiovisual da CRTVG levaron a unha relación co sector moito máis opaca e non garante o acceso en igualdade de condicións ás axudas. Pontón emprazou a Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, a que faga un esforzo maior por correxir esta falta de transparencia nos criterios que se decidan para 2012 e apostou porque a primeiros de ano se fagan públicas as cantidades das axudas e os prazos para solicitalas. “A CRTVG –dixo- ten que ser moi escrupulosa e establecer mecanismos que garantan a transparencia e a igualdade, cunhas bases reguladoras que non conteñan criterios abstractos, dando a coñecer os distintos baremos e quen conforma a Comisión de valoración”, concluíu.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.