"Creceu a publicidade en castelán na televisión galega porque baixaron as esixencias da CRTVG"

Protesta de Queremos Galego contra a manipulación informativa na TVG © CIG

O primeiro punto do primeiro artigo da Lei de Creación da CRTVG di así: "Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega". Efectivamente,  a TVG emite toda a súa programación en galego (con algunhas excepcións nalgúns contidos moi específicos. Tamén o fai a Radio Galega (na que ademais todas as cuñas están na lingua propia do país). Porén non sucede así coas insercións publicitarias na televisión. 

Até o de agora, a cota de publicidade en castelán na televisión pública de Galicia era importante, superando o trinta e o corenta por cento moitos anos. No ano 2009 e 2010 chegara a rozar mesmo o 50%, rexistrándose unha igualdade case total entre as dúas linguas. Porén, nos datos de 2011 o castelán representa xa o 58,7%, ficando o galego no 41,3%, unha diminución de dez puntos nun ano. Os datos foron achegados este mércores por Alfonso Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, en resposta a unha pregunta da voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón. Sánchez Izquierdo escudouse na caída "importante" da publicidade institucional -estatal e autonómica- ou na desaparición das caixas de aforros galegas para explicar o descenso. Pontón esixiulle o desenvolvemento de estratexias "para correxir" estes datos.

Para Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, a clave pasaría por un traballo de concienciación dos anunciantes do "rendíbel" que lles sería anunciarse en galego, "como din os estudos de mercado", dicirlles a anunciantes que si se anuncian en catalán ou vasco "que anunciarse en galego tería moitas vantaxes para eles". Para Callón, a diferenza entre a TVG e a TV3 e que en Catalunya "o que fan é proporlles aos anunciantes que se anuncien en catalán", mentres que que na CRTVG "se o anuncio chega en galego, perfecto, e se chega en castelán, perfecto tamén". "O problema é de falta de vontade, tanto da CRTVG como de Política Lingüística, que non fan absolutamente nada nese sentido", explica. Dende a Mesa indican que nin sequera piden unha modificación da norma -aprobando unha semellante á que rexe a Radio Galega- para que toda a publicidade estea na nosa lingua, senón que abondaría con facer un traballo de "recomendacións".

En opinión de Xabier Docampo, integrante de Prolingua, "se subiu a publicidade en castelán non foi porque cambiasen os hábitos dos anunciantes, senón porque baixaron as esixencias da CRTVG". Docampo lembra que "a razón de existir da TVG e da RG é a lingua" e que os responsables da CRTVG e do goberno galego "teñen a obriga legal e moral incuestionablemente de defender a lingua". "Eu lembro outros tempos nestes case trinta anos de televisión"- explica- "nos que o nivel de esixencia era moi distinto". Para Docampo, con esta actitude "de que todo vai a baixa, de que Galicia é unha cousa que se pode pignorar, o primeiro que están devaluando é a propia existencia da televisión pública". E conclúe "se o ano pasado o castelán representaba o 50% e este o 60%, o que vén estou seguro de que será o 70%".

Sede da CRTVG Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.