0 Gardados para despois

Agadic adía a marzo o sucedáneo de Flocos por mor dos dereitos de autor

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) lanzará en marzo Canle TV, o espazo virtual que substituirá á desaparecida filmoteca virtual Flocos.tv. Deste xeito, a clausurada videoteca en liña terá continuidade tres anos despois de que, coa chegada do PP ao Goberno, os responsables da política cultural da Xunta decidisen paralizar o proxecto e deixalo morrer. Flocos.tv ficou varado na rede  sen actividade ningunha até que, en febreiro do ano pasado, a Agadic decidiu finalmente botar o peche definitivo e clausurar o portal. Perdíase así un recanto no que calquera internauta podía visionar máis de 400 fitas do audiovisual galego que se foron subindo entre decembro de 2008 e marzo de 2009. Un espazo que, en apenas catro meses de vida, chegou a recibir preto de 10.000 visitas diarias.

O director de Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, xustificou a decisión nos gastos de mantemento que, segundo o seu punto de vista, eran demasiado elevados. Fasero comprometérase entón a pór en marcha unha plataforma dentro da propia web da Agadic. Esa plataforma será Canle TV e poderase consultar a partir de marzo.

Polo menos, esa é a intención de Fasero quen asegura que o sistema operativo do novo portal está completamente listo dende hai tempo. Non obstante, este novo proxecto viuse atrasado por mor dun obstáculo legal: os dereitos de autor. Segundo explica o director da Agadic, as producións aloxadas en flocos.tv estaban nun limbo alegal. "Flocos.tv era un suicidio. Non había permisos por escrito nin dos autores nin dos produtores de ningunha das películas que estaban en Flocos. Queremos entender que existían permisos verbais, pero por escrito non tiñamos nada", recoñece Fasero. Cando Industrias Culturais quixo arrancar Canle TV, atopáronse cos Servizos Xurídicos da Xunta. "Dende Agadic puxémonos en contacto con eles e dixéronnos que sen permisos, non se podía levar acabo. En Flocos había unha situación quizais non de ilegalidade, pero polo menos si de alegalidade", xustifícase Fasero, que insiste en que "só había un acordo verbal, pero ningún documento, nada por escrito".  

Ante este atranco, iniciouse xa un proceso para conseguir os permisos de todos e cada un dos contidos de Flocos. Esta mesma semana, a Agadic está a enviarlles aos autores e produtores unha serie de formularios para que consintan que as súas producións estean dispoñibles en Canle TV. Os responsables desta nova plataforma agardan conseguir as autorizacións daqueles que dean o seu consentimento nas primeiras semanas de febreiro.

Canle TV estará, segundo os cálculos da Agadic, no mes de marzo.

Disporá dun sistema operativo totalmente diferente ao de Flocos e encargouse o deseño á empresa ACV Galaica. Dende o punto de vista de Fasero, o novo sistema "funciona igual de ben ou mellor que o de Flocos" e  resulta máis "económico" que o anterior. "Custa entre 6.000 ou 7.000 euros e non cobran o mantemento", explica. ACV Galaica é a empresa de deseño que se encargou do anovamento do web da propia Agadic o pasado verán. Precisamente aproveitouse ese momento, cando se produciu o lavado de cara do portal de Industrias Culturais, para anunciar que se estaba a preparar o substituto de Flocos e que faltaba pouco para o seu lanzamento. Dende aquela, a web da Agadic reserva un espazo para a nova filmoteca en liña. Se un entra na plataforma, achará unha mensaxe que, dende o pasado agosto, simplemente di: "CANLE TV. Proximamente".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Si había permisos en Flocos"

"Son escusas de mal pagador. Cando pechas unha ferramenta tan útil como Flocos e pasas tres anos sen poñer solución, é moi fácil botar as culpas. O que fan é botarlle a culpa aos demais da súa incapacidade". Así responde Manolo González, o ex director da tamén desaparecida Axencia Galega do Audiovisual e impulsor de Flocos, ante as explicacións de Fasero ao respecto dos dereitos de autor. Para González, todo é parte dunha coartada despois da eliminación do cineclube galego en liña. "Contábase con permiso de todos os propietarios dos dereitos da imaxe. O 80% das producións que se podían ver alí colgáranse a través de copias físicas que entregaban en man ou enviaban os propios autores. O máximo permiso é que os propios autores che entreguen as copias. Todo era legal por parte dos autores e non houbo ningún problema no tempo que estivo en funcionamento", reivindica González.
Por outra banda, o antigo director da Axencia recibe de grado o novo proxecto. "Benvido sexa este novo portal, aínda que non se chame Flocos. Non me poño en contra, chame como se chame, o importante é que estea á vista de todos", explica. Pese a todo, González non pode evitar amosar as súas reticencias. "Non o vou criticar, pero realmente facía falla tres anos para que volvese estar en marcha? Penso que non, pero claro, cando un busca escusas e xustificacións de todo tipo, sempre as atopa", admite González, que tamén admite certas dúbidas sobre a nova formulación. "O máis interesante de Flocos era, ademais da exhibición, a rede social que se teceu. Había comentarios, intercambiábanse ideas. Non creo que todo iso se conserve. Nunca lles interesou", sinala González.
Polo momento, a Agadic non aclarou se se manterá ese tipo de rede social. Tampouco está claro se o funcionamento de Canle TV vai seguir o exemplo do seu antecesor e crear unha programación estable, de xeito que cada día se ían subindo un número de pezas. Con ese espírito chegouse a subir unhas 460 producións e estaban pendentes outras tantas. Non obstante, o cambio de goberno paralizou Flocos. "Puidemos chegar en moi pouco tempo a dispoñer de 1.000 fitas diferentes e de todas as épocas. De películas do tempo de Franco, dos anos de Fraga, do tripartito, da época de Albor. Había películas en galego, outras en castelán e mesmo algunhas en inglés. Todo iso pertencía ao sector e o sector o valoraba moito porque tiña unha gran utilidade social. Non chego a entender porque se desfixeron de todo isto", sinala González.

"Non hai reunión na que non se aborde o tema de Flocos"

O apoio e valoración positiva do sector á que se refire Manolo González chegou a materializarse nun Premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva. Estes galardóns organízaos cada ano a Academia Galega do Audiovisual, entidade que está moi interesada na recuperación da filmoteca en liña. "Non hai unha reunión da directiva na que non se aborde o tema de Flocos. É un tema que nos interesa porque foi algo marabilloso e cunha gran utilidade", recoñece o actor e profesor Antonio Mourelos, quen dende maio do ano pasado preside a Academia.
Non obstante, Mourelos tamén recoñece as dificultades que pode haber na posta en marcha do novo proxecto por mor dos dereitos de autor. "Foi algo marabilloso, pero non naceu ben. Fan falla eses permisos. Se a Xunta, sen contar con autorizacións, volve poñelos, podería producirse un problema", di Mourelos, quen ofrece a estrutura da Academia "para acadar esas autorizacións".
Deste xeito, a Academia ten na súa axenda a recuperación de Flocos, mais non é un tema totalmente prioritario agora mesmo. Entre outros asuntos que urxen, os responsables da entidade andan a traballar para sacar adiante a gala dos Mestre Mateo deste ano, cuxo responsable será Xaime Fandiño.